Unha trintena de máscaras exhíbense na pasarela de “Entroidadas” en Facebook

0

O Facebook do Concello de San Sadurniño ten publicada desde onte á noitiña a galería coas fotos enviadas pola veciñanza para participar no concurso de máscaras “Entroidadas”. Cultura recibiu 48 imaxes protagonizadas por un total de 33 persoas repartidas polas categorías infantil, xuvenil, adulta e de comparsas de conviventes. Só quedou deserto o apartado de comparsas con coplas en vídeo, de maneira que o xurado só deberá valorar os outros catro. E vaino ter certamente difícil, posto que grandes e rapazada se esmeraron remexendo nos faiados ou tirando de creatividade e recursos caseiros para manter viva a tradición do Carnaval nestes tempos de pandemia. Os disfraces ganadores daranse  a coñecer o próximo día 26 e os premios entregaranse tan pronto como a situación o permita.

A única condición que se poñía para participar en “Entroidadas” era que todas as indumentarias fosen de fabricación caseira, algo que practicamente todas as máscaras cumpren ao cento por cento. A partir de aí o concurso propuña inscribirse previamente e enviar polo menos dúas imaxes de corpo enteiro dos disfraces para entrar nun certame repartido en cinco categorías: infantil, xuvenil, adulta, comparsas de conviventes (mínimo dúas persoas) e comparsas con coplas retranqueiras, que neste último caso debían mandarse gravadas en vídeo.

O Concello só recibiu inscricións para as categorías de foto e, dentro delas, atopamos máscaras tradicionais e cousas máis modernas, vinculadas coa cultura popular da literatura, o cine ou a televisión.

Así, entre outras, podemos ver unha escena infantil que reproduce o mítico voo de Elliott co extraterrestre E.T. no cesto da bici; vestimentas rococó que emulan o Carnaval de Venecia; poses Cotton Club que replican o gangsterismo americano e a tolemia dos anos 20 do século pasado -quizais unha premonición desoutra tolemia que se prevé para cando se deixe atrás a actual situación sanitaria-; estampas labregas protagonizadas por cativería; un temible dinosauro de cartón roendo un chuletón de Ternera Gallega; un lote familiar de chuches; xente feita e dereita convertida nun tubo de óleo e nunha paleta de pintura -pincel incluído-; unha nai cos seus dos fillos transmutados en fichas do dominó; unha mosca XXL incordiando en todo momento; unha señorita de caricatura que semella perdida na aldea…. e así ata contar máis dunha trintena de traxes vistosos e moi ocorrentes.

Desde  Cultura sinálase que, malia a situación actual “con pouca gana de festa”, a iniciativa de levar o Entroido ao Facebook máis ou menos funcionou. “Foi unha pena que non houbese máis participantes e que non se presentase ningunha copla en vídeo. Pero o certo é que San Sadurniño pode dicir que tivo un Entroido distinto e que neste 2021, a pesar da que está caendo, a tradición mantívose”, apunta Amparo Calvo.

Trala publicación das imaxes en Facebook, agora tocaralle ao xurado revisalas todas e puntuar a súa orixinalidade. A súa decisión coñecerase o próximo 26 de febreiro. Na categoría infantil hai tres premios en forma de vales de 50€ canxeables por material didáctico en Brétema. Para premiar os mellores disfraces xuvenís tamén hai tres vales de 50€ para gastar na mesma libraría, mentres que no apartado adulto eses tres vales de 50€ son valedoiros para o comercio local. Na cuarta categoría, a de comparsas de convivintes, haberá un único premio consistente nun vale de 100€ para un xantar ou cea nun restaurante ou casa de comidas local. Ao non haber inscricións quedou deserto o premio máis suculento -150€ canxeables nos restaurantes locais-, que estaba reservado para as comparsas que mandasen coplas en vídeo.

Quen non leve premio nestas categorías aínda terá oportunidade de pillar algo o día en que se entreguen os galardóns, cando o Concello sorteará cinco lotes de produtos de proximidade entre quen non obtivese premio. Pero para iso aínda haberá que agardar a que se autoricen as xuntanzas de non conviventes. O día previsto inicialmente era o 6 de marzo, aínda que a data podería retrasarse para cando a situación sexa máis segura.

Share.