Un pleno extraordinario tratará hoxe a modificación da ordenanza do lixo e das bases de execución do orzamento

0

Hoxe ás 19.30h. volve haber pleno en San Sadurniño. Unha sesión extraordinaria que leva catro puntos na súa orde do día. O primeiro dos asuntos para deliberación e acordo analizará a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola recollida do lixo de cara a actualizar os importes do servizo que, no caso das vivendas, andarán entre os 4 e os 12 euros ao ano de incremento. A proposta obedece á obriga legal de que os servizos sexan autosuficientes desde o punto de vista económico. Con todo, e malia a actualización das taxas, o que se prevé recadar por este concepto o ano que vén só alcanzará para sufragar o 47% dos preto de 188.000 euros que nos custará a recollida e o tratamento dos nosos residuos.

Neste momento, unha vivenda situada na zona urbana de San Sadurniño -con dúas recollidas semanais- está pagando de lixo 68,89 euros ao ano e, coa nova cota tributaria, pasaría a pagar 82 euros máilos incrementos do IPC que se vaian producindo. Son algo máis de 12,11 euros de diferenza ou, dito doutro xeito, o aumento pouco pasa de 1€ máis ao mes. Unha tarifa que, aínda subindo, segue por baixo das que están en vigor nalgúns concellos limítrofes. Un servizo similar en Narón, con recollidas en días alternos, cústalle actualmente á veciñanza 91,56€. O mesmo pasa en Neda, onde a taxa está establecida en 45,78€ por día de recollida, de xeito que os lugares polos que pasa o camión dúas veces tamén estarían pagando 91,56€.  Noutros municipios, como Moeche, hai unha única cota tributaria para domicilios de 72€ anuais e na Capela a contía sitúase nos 81€/ano.

A cota tributaria reflectida na ordenanza de San Sadurniño levaba sen ser modificada desde 2007. Nese tempo o lixo subiu só o IPC a pesar de que nestes últimos doce anos os custes asociados á prestación do servizo -tratamento, combustibles, salarios, reparacións, mantemento, etc.- si foron aumentando pouco a pouco ata deixar unha cifra próxima aos 188.000 euros previstos para o ano que vén.  Unha cantidade que en 2020 só se cubrirá nun 47,19% coa actualización, tal e como adianta a Secretaría municipal no informe que acompaña a proposta que se debaterá esta tarde no pleno.

No mesmo informe técnico detállanse pormenorizadamente os gastos inherentes ao servizo e tamén se advirte que, malia a subida proposta, seguirá sen cumprirse co Real Decreto Lexislativo 2/2004. A Secretaría recorda  que o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais establece “a necesidade de suficiencia dos ingresos para a financiación dos custes de prestación de cada servizo”, algo que en San Sadurniño só se logrará en parte.

Modificación das bases de execución e do regulamento da EIM A Rolada
Alén deste asunto central, o pleno desta tarde tamén tratará outros dous temas máis de trámite que con repercusións prácticas sobre a veciñanza, aínda que todo o que se decida nun pleno o teña. A primeira é a proposta de modificación das Bases de Execución do Orzamento Municipal deste 2019 no sentido de facilitar o traspaso de reservas económicas entre partidas semellantes sen ter que recorrer ás modificacións de crédito, que conlevan unha tramitación máis complexa.

A segunda cuestión de trámite que se abordará no pleno será a rectificación do regulamento da Escola Infantil Municipal A Rolada de cara a introducir maior precisión no apartado referido aos horarios, respondendo así a unha recomendación formulada pola Inspección de Familia e Menores da Xunta de Galicia con posterioridade ao pleno do 29 de setembro en que se modificou boa parte do documento.

Conceptos

Importe actual

Importe proposto

Apartado 1: VIVENDAS
Zona 1 – dúas recollidas semanais

68, 89€/ano

82,00€/ano

Zona 2 – unha recollida semanal

45,93€/ano

55,00€/ano

Zona 3 – vivendas situadas a máis de 1.000 m. do punto de recollida máis próximo

22,97€/ano

27,00€/ano

Apartado 2: ESTABLECEMENTOS INDUSTRIAIS E COMERCIAIS
A) Actividades de carácter industrial
Zona 1 – dúas recollidas semanais

206,68€/ano

250,00€/ano

Zona 2 – unha recollida semanal

137,80€/ano

165,00€/ano

B) Restaurantes, casas de comidas, supermercados, tendas  de alimentación e similares
Zona 1 – dúas recollidas semanais

172,24€/ano

205,00€/ano

Zona 2 – unha recollida semanal

126,30€/ano

150,00€/ano

C) Cafeterías, tabernas e as restantes actividades comerciais e mercantís
Zona 1 – dúas recollidas semanais

132,06€/ano

158,00€/ano

Zona 2 – unha recollida semanal

91,85€/ano

110,00€/ano

(*) Cotas ás que se lle aplicarán a partir do 2021 as subidas anuais do IPC

Share.