Un botellón, posible escenario de varios desperfectos na área recreativa dos Currás

0

Operarios da área de Servizos botaron hoxe parte da mañá reparando os danos rexistrados na área recreativa dos Currás, onde apareceu roto o valo de madeira que fai de división entre o parque infantil e o merendeiro situado nas entremedias da piscina e do campo municipal. Os desperfectos non foron demasiado cuantiosos e, de feito, os traballadores reaproveitaron para o amaño boa parte do material esparexido pola zona. Descoñécese a autoría dun acto vandálico que xa se puxo en coñecemento da Garda Civil de cara a que se incremente a vixilancia, posto que ao carón do lugar apareceron cristais rotos e unha botella de alcol baleira, o que fai supoñer que neste recinto relativamente afastado do centro municipal poden estarse organizando botellóns.

Cabe lembrar que o consumo de alcol nos espazos públicos está prohibido desde o pasado mes de agosto, cando a Xunta detectou que os botellóns podían ser un importante foco de contaxios. Agora a situación sanitaria aínda é máis seria e, en consecuencia, tamén as restricións. Neste momento segue vixente a prohibición de beber na rúa e en calquera lugar ao aire libre -salvo en fincas privadas- e, ademais, desde este xoves tamén están prohibidos en sitios públicos e privados os grupos de máis de 5 persoas que non vivan xuntas.

Son estas prohibicións e non tanto os danos atopados nos Currás -aínda que tamén- os que levaron ao departamento de Servizos a contactar esta mañá co posto da Garda Civil para solicitar que se aumente a vixilancia neste punto e noutros que quedan fastados de zonas poboadas e de miradas que poidan avisar ás autoridades, como son as áreas recreativas que hai repartidas polo territorio.

O obxectivo é previr desperfectos en bens públicos e, máis que nada, asegurar que as xuntanzas -protagonizadas presumiblemente por xente nova- non se convertan nun vector de contaxios do coronavirus.

Cortada a circulación na ponte do Sisto
Por outra banda, onte á tardiña o Concello de Moeche balizou o entorno da ponte do Sisto para prohibir o tránsito de vehículos, despois de detectar un acusado desnivel do firme que podería resultar no derrubamento do paso.

A ponte -construída pola veciñanza hai case 50 anos- encóntrase xusto no límite entre Moeche e San Sadurniño. Ata o lugar xa se desprazou persoal técnico para preparar o proxecto de reparación e cuantificar o seu custe, que será sufragado por ambas administracións locais.

Para levar a cabo as obras será preceptiva a autorización previa de Augas de Galicia, por tratarse dunha intervención que excede os supostos en que abondaría unha declaración responsable.

Share.