Últimos días para apuntarse no curso sobre o Alzhéimer de AFAL Ferrolterra

0

O Concello e a asociación AFAL Ferrolterra,  entidade especializada na atención a persoas con Alzhéimer e outras demencias, van organizar un curso sobre como detectar e abordar estas enfermidades, ademais de explicar as técnicas para mover ás persoas doentes que xa non poden valerse por si mesmas. O obradoiro desenvolverase o mércores 20 e o xoves 21 de abril en horario de 16:30 a 18:30h na Casa da Cultura e preténdese que sexa de grande utilidade tanto para familiares de quen padeza algunha demencia como para quen conviva cunha persoa dependente. As persoas interesadas en participar no curso deben anotarse no teléfono de Servizos Sociais: 981 490 027 ext.1

Na xornada do 20 de abril o curso estará conducido  pola psicóloga Elena Farre falando da abordaxe terapéutica nas demencias. Entre outras cuestións trataranse a sintomatoloxía e os sinais que poden anticipar un deterioramento cognitivo, pero tamén os tipos de actividades e exercicios de estimulación que poden retrasar a súa evolución, ás veces en combinación cun tratamento farmacolóxico.

O 21 de abril veranse coa terapeuta ocupacional Natividad Criado, entre outras cuestións, cales son as mellores posturas para previr problemas circulatorios e cutáneos -úlceras, irritacións, etc.- derivados do encamado, ademais de coñecer que materiais existen para previr eses problemas. Tamén se aprenderán técnicas para mover, cambiar de lugar e sentar á persoa doente de maneira que nin ela nin quen a coide sufran ningún tipo de lesión.

As sesións van dirixidas especialmente a aquelas familias que teñan entre os seus membros persoas con algún tipo de deterioramento cognitivo, sexa nunha fase inicial ou xa avanzada e estea ou non diagnosticado.

O curso tamén se concibe como punto de encontro no que achegar información precisa ao respecto do Alzhéimer e como maneira de facerse unha idea do alcance real deste problema de saúde no municipio, co obxectivo de captar posibles persoas usuarias do futuro centro de atención que o consistorio quere construír na antiga escola de Igrexafeita.

Aínda que o público obxectivo das charlas son as familias de persoas doentes, desde o Concello insístese en pedir a máxima participación, dado que a perda progresiva de facultades cognitivas (que non sempre se debe ao Alzhéimer) é unha situación sobrevida que se afronta a maioría das veces de portas para dentro, sen diagnóstico nin apoio especializado e con repercusións tanto para a persoa afectada como para as do seu entorno inmediato. Principalmente para as mulleres -fillas, noras, irmás…- por ser elas quen asumen case sempre os coidados, quen renuncian a parte da súa vida e quen soportan como poden a carga física e mental que supón esa atención. Por iso, no curso tamén se falará de corresponsabilidade, de autocoidado e dos recursos dispoñibles -AFAL é un deles-, fundamentais a partes iguais para as persoas enfermas e para quen conviven con elas.

A actividade organizada polo Concello e AFAL Ferrolterra para o 20 e 21 de abril terá lugar na Casa da Cultura entre as 16:30 e as 18:30h os dous días. Fai falla inscrición previa no 981 490 027 ext.1.

 

Share.