Último día para anotarse no xantar organizado este sábado pola comisión de festas de Naraío

0

2023 promete ser o ano de despegue definitivo das festas patronais despois de tres anos de pandemia. Ferreira foi a máis madrugadora celebrando en xaneiro o San Vicente e desde 2021 hai comisións anunciadas para a organización do Biscordel de Igrexafeita, a Santa María-San Pipote en Bardaos e tamén para o San Roque de Naraío. Esta última organiza para o próximo sábado un xantar popular na pista polideportiva da Veiga que está a piques de completar as 400 reservas dispoñibles e, de feito, hoxe martes é o último día para gardar sitio mercando os tiques para unha comida abundante que irá precedida de sesión vermú e seguida trala sobremesa de máis música.  Ao final da nota incluímos os teléfonos aos que se pode chamar.

Segundo o programa que leva circulando varias semanas a través das redes sociais, o xantar da Comisión de festas de Naraío 2023 (autodenominada “Sanrockeiros 2023”, xuntando o nome do San Roque e da troula rockeira que queren armar o 12 e 13 de agosto) comezará sobre as 13:30h coa animación musical do Dúo Karamba, que ofrecerá un primeiro pase antes de sentar á mesa a iso das 14:30h.

O menú xeral que se servirá a razón de 27€ por persoa está composto por callos, tenreira asada, ensalada, torta da avoa e xeada, viño, refrescos, auga e café. Ademais tamén hai menú infantil para a rapazada de 6 a 12 anos por un prezo de 10€ (menores de 5 anos non pagan) que levará pizza, tortilla, croquetas, embutidos variados, torta da avoa e xeada, auga e refrescos.

Atendendo ao tempo cambiante que estamos tendo ás portas da primavera, o evento desenvolverase debaixo dunha grande carpa e promete estirarse ata ben entrada a noite. Para que a cousa non vaia a menos, ademais do dúo, a comisión tamén ten chamado un picadiscos que estire a xornada todo o que queiran/poidan aguantar os corpos.

Naraío ten gana de festa, tal e como demostra o feito de que xa case se completaron as 400 reservas para o xantar -disque onte ían arredor de 380 tíkets gardados-, polo que neste último día de prazo dado pola organización haberá que probar sorte para facerse con algunha das 20 localidades que, en teoría, quedan aínda dispoñibles.

Para iso débese chamar a algún dos seguintes teléfonos que figuran no cartel anunciador da cita: 981 490 302 (Cooperativa de Meirás – Naraío), 620 623 027 (Carlos),  619 550 109 (Mercé),  606 399 575 (Sonia), 689 344 597 (Paula), 690 178 406  (Juanma),  630 666 349 (María) ou  687 871 197 (Iria).

 

 

Share.