TVE estreará nestes días a serie “Néboa”, filmada en localizacións da comarca

0

“Néboa” é unha das grandes apostas de Televisión Española para esta temporada. Trátase dunha serie de misterio de oito capítulos que se rodaron na súa maior parte en localizacións da nosa zona, como por exemplo o Barqueiro, Ortigueira, Cariño e Naraío. Hai uns días podiamos ler en El Semanal XL que se entrega con La Voz de Galicia que o primeiro capítulo se vai estrear na noite do luns 13, aínda que algunha información que circula pola rede  fala da noite do martes 14. Polo que se ve, o misterio do argumento tamén chega á data da premiere e, xunto coas promos que está lanzando TVE estes días,  non fai máis que aumentarnos a impaciencia por ver que tal está a historia e tentar identificar os lugares da filmación. ACTUALIZACIÓN: La Voz de Galicia e a canle pública desvelaron o venres 10 que a estrea está prevista para o mércores 15 de xaneiro ás 22.40h. en La 1 de TVE.

Primeira noite de entroido na illa de Néboa. No Burato do Inferno, un lugar rodeado de lendas, aparece o cadáver dunha adolescente. Non é a primeira vez. En 1919 e en 1989 ocorreu o mesmo e, igual que daquela, á primeira morte seguírona outras cinco nos días posteriores. Os crimes nunca chegaron a ser resoltos. Agora son dúas investigadoras da Garda Civil, Mónica (Emma Suárez) e Carmela (Isabel Naveira), quen encabezan as pesquisas, enfrontando a súa racionalidade profesional ás crenzas populares sobre un misterioso ser medio home medio lobo.

Esta é a sinopse argumental da miniserie “Néboa“, un dos grandes proxectos de ficción producidos por RTVE, en colaboración neste caso con Voz Audiovisual. Son 8 episodios guionizados por Xosé Morais, Victor Sierra e Alberto Guntín, man a man cos directores Gonzalo López-Gallego, Jorge Saavedra e Manu Gómez.

Trátase un produto para o horario de máxima audiencia de La 1 de TVE que, xunto ás dúas protagonistas, tamén conta con nomes tan coñecidos coma o o de Antonio Durán “Morris”Nancho NovoAlba GalochaXabier Deive, Alfonso Agra, Santi Prego… etc. Caras na súa maioría do noso audiovisual que nos resultan familiares por telas visto en “Fariña”, “Matalobos” ou “Serramoura”.

Entre a primavera e o verán pasados, a produtora Voz Audiovisual levou adiante a rodaxe en distintas localizacións de Galicia, aínda que son as da costa norte -Ortigueira, Cariño e a zona do Barqueiro- as que copan a maior parte dos exteriores. Tamén se achegaron a San Sadurniño, onde elixiron unha vivenda de Naraío para filmar varias escenas interiores.

A estadía do equipo durante varios días alternos espertou unha grande curiosidade entre a veciñanza da parroquia por ver todo o que se move arredor dunha grande produción deste tipo, máis parecida á dunha película de cine que á dunha serie de televisión. Os veciños e veciñas que fixeron garda no lugar de Pereiras mesmo puideron estar preto do elenco artístico e técnico nos descansos da filmación. Ademais, durante o tempo de rodaxe máis dun cento de persoas ocuparon o local social da Veiga, onde se instalou o espazo para vestiario e maquillaxe, o catering e unha pequena zona para xestións de produción.

Agora toca agardar á estrea, que seguramente se produza na noite deste luns ou na do martes, algo que a propia TVE ha desvelar nas promos que está lanzando constantemente desde hai varios días. Tan pronto saibamos o día e maila hora concretos habemos publicalo nas nosas redes sociais. ACTUALIZACIÓN: La Voz de Galicia publicou a media mañá do venres 10 que o primeiro capítulo de “Néboa” se emitirá o mércores 15 de xaneiro ás 22.40h. en La 1 de TVE. O dato está confirmado pola propia canle pública, quen xa está difundindo o teaser coa data da estrea  tanto nas redes como na súa emisión ao vivo.

 

Share.