“Tempos para compartir” arranca de novo cun obradoiro de respostaría

0

Logo das vacacións do verán, o programa municipal “Tempos para compartir” retoma este sábado ás 17.00h. a súa actividade no Local Social do Camiño Arriba propoñéndonos un interesante obradoiro. Mónica Cibreiro, toda unha experta en repostaría, ensinaranos a decorar tortas e pasteis que preparemos na casa. Para este primeiro Tempos do outono ofértanse 15 prazas. Aínda hai algunhas dispoñibles e para inscribirnos teremos que chamar ao 981 490 027 ou pasar pola oficina de Igualdade este martes como moi tarde.

O “Tempos para compartir” é un programa impulsado polo departamento de Igualdade con dous obxectivos principais: compartir experiencias útiles para a vida diaria ou para o lecer e, ademais, contribuír á cohesión social do territorio fomentando as relacións veciñais.

Os Tempos… desenvólvese case sempre os primeiros sábados de mes e cada vez nunha parroquia distinta, propoñendo ducias de posibilidades: artesanía, plástica, cociña, transformación de alimentos, etc. Contidos na maior parte dos casos moi visuais e participativos sobre os que se poden dar unhas nocións en pouco máis de dúas horas.

No inicio da temporada 2016/2017 o programa mostrará como decorar tortas e pasteis caseiros da man de Mónica Cibreiro. Natural de Santa Mariña, Cibreiro leva anos elaborando todo tipo de doces e chocolates aos que lles dá unha presentación exquisita que mesmo parece realzar o seu sabor. Este xa é o terceiro “Tempos para compartir” que imparte e nel ocuparase principalmente diso, do aspecto final e de como melloralo coas coberturas cremosas clásicas ou coas cada vez máis habituais de fondant, obleas ou impresións comestibles.

Para participar neste obradoiro cómpre pasar polas oficinas de Servizos Sociais e Igualdade ou chamar ao 981 490 027 (ext.1) este martes 27 antes das 14.00h. Nese teléfono tamén podemos ofrecernos como docentes de futuros Tempos… co obxectivo de compartir con outras persoas calquera coñecemento que teñamos ou calquera cousa que saibamos facer.

Share.