Suprime o Control conciencia ás familias sobre as “relacións tóxicas” na mocidade

0

O programa Suprime o Control da Deputación da Coruña trouxo varios obradoiros ao colexio público co obxectivo de continuar avanzando na educación en igualdade e na prevención das chamadas “relacións tóxicas” na adolescencia, que sendo en si mesmas un xeito de dominación dunha persoa sobre da outra, tarde ou cedo poden derivar en casos de violencia de xénero moito máis graves. Neste sentido, onte mesmo presentóuselles ás familias un esquema sobre a concepción que ten a mocidade das súas relacións afectivas e ata que punto están normalizadas condutas que cómpre corrixir o antes posible. A charla ocupouse de describir en que consiste o control, como se exerce, de que maneira se manifesta e como os pais e nais deben afrontar a situación que viven as súas fillas.

As relacións de parella, cada vez a idades máis temperás, deben concibirse como un intercambio de afectos de igual a igual, libres de calquera tipo de dependencia emocional e, por suposto, de calquera xeito de control dunha persoa sobre da outra. Algo que na realidade é ben distinto, ou así parece reflectilo un estudo realizado polo programa Suprime o Control entre o alumnado da ESO do CPI: o 59% dos rapaces e o 52% das rapazas pensan que o normal nunha relación é ter discusións, un 41% dos cativos e cativas consideran que estar namorado ou namorada implica compracer en todo á parella e o 33% dos rapaces cre que os ciumes son unha demostración de amor.

Seguindo cos datos, a consultora Deloga -encargada do programa- apunta a que o 23% de rapaces e o 52% de rapazas viviu unha situación de intimidación nalgún momento, o 42% das mozas tiveron medo nalgúnha ocasión ao volver á casa e outro 57% asegura ter sido diana de comentarios soeces ou “piropos”. Por outra banda, o 81% da rapazada cóntalle os seus problemas de parella a unha amizade, o 12% non llo conta a ninguén e só un 7% ten como confidente ao pai ou a nai.

A estatística tira información, cando menos, inquedante: o 41% das mozas quere que a súa parella as protexa e lles dea seguridade -algo que se relaciona coa autoestima e co bombardeo mediático do modelo “princesa Disney” ou moza “Crepúsculo”- e o 36% dos rapaces queren que a súa parella se adapte aos seus gustos e afeccións. E, a partir de aí, entramos nos datos relacionados coas actitudes de control e de respecto pola diversidade afectiva: o 62% de rapaces e 44% de rapazas pensa que nunha relación de parella hai que compartilo todo e non ter segredos, un 21% de mozos e un 21% de mozas consideran normal cabrearse cando a parella non contesta ao whatsapp, o 19% dos rapaces e o 9% das cativas non entenden que alguén teña atracción por unha persoa do seu mesmo sexo e alomenos o 43% de mozos e o 59% de mozas presenciaron algunha vez burlas, chistes ou insultos cara a unha persoa homosexual.

E toda esta realidade que reflicten as porcentaxes non responde a algo innato, senón que é algo aprendido durante o proceso de socialización desde a infancia, xa sexa por influencia da publicidade, da música, da televisión ou do entorno. En calquera caso, decatarse de que o problema está aí é o primeiro paso para ir cambiando actitudes, algo que Suprime o Control fai por medio de obradoiros nos centros de ensino e, posteriormente -unha vez ten información concreta- traballando coas familias, incidindo especialmente no perigo das “relacións tóxicas”.

Nelas son os rapaces quen exercen na inmensa maioría dos casos e con diversos graos, o control, o dominio e o sometemento sobre as mozas, baseando a situación no pensamento errado de que o home é superior á muller. A finalidade é manter o poder dentro da relación, coa consecuencia directa de restarlle liberdade e independencia á muller. Comeza habitualmente na adolescencia, cando arrancan as primeiras relacións afectivas e, case sempre, os comportamentos violentos -físicos ou non- son sutís e encubertos, combinándose con mostras de afecto.

Neste escenario de desequilibrio é onde xorde a dependencia emocional que, de avanzar, acaba converténdose en aillamento da moza e anulación da personalidade, o mesmiño que pasa nos casos de maltrato entre persoas adultas.  É cando se detecta a dependencia cando se debe suprimir o control, aínda que a moza negue estar sufrindo calquera tipo de violencia de xénero, aínda que rexeite axuda e aínda que se negue a actuar para mudar a situación.

Por iso, o que podemos facer como nais e pais, é non ter medo de escoitar a realidade da situación nin cando nos chega por volta nin moito menos cando é a moza quen acode a nós para contárnolo. E, a partir de aí, botar man de empatía, de escoita activa e dun xeito de interactuar que non alimente aínda máis o estado de anguria e ansiedade que, con toda seguridade, estará vivindo a moza pola propia situación e por pasar o trance de relatala. As normas básicas son (recomendámosvos que lle tiredes unha foto ou que as anotedes):

  • Comunicar desde a confianza
  • Non xulgala
  • Non caer na rabia, na angustia desmedida ou na vergoña
  • Non culpala da situación a ela nin autoculparnos nós
  • Unha das máis importantes (por iso vai en negriña vermella e maiúsculas): EN NINGÚN CASO HAI QUE FALAR COA PARELLA DA TÚA FILLA OU COA SÚA FAMILIA, ISO PODERÍA COMPLICAR A SITUACIÓN OU TER CONSECUENCIAS INESPERADAS. Acudide sempre a persoas expertas que vos saberán orientar, como por exemplo os Servizos Sociais do Concello.

 

Share.