Solicitada unha xuntanza con Infraestruturas para falar das melloras na AC-862

0

A Xunta de Galicia adxudicou a finais de xullo a redacción do proxecto de mellora do treito da AC-862 comprendido entre a AG-64 na saída de San Sadurniño e  Ponte Mera, en Ortigueira. De momento trátase só de deseñar as actuación técnicas dun programa cifrado en 10 millóns de euros cos que se prevé dotar de maior seguridade uns 27 quilómetros de trazado dos que arredor de 9 están en territorio de San Sadurniño. Neste sentido, o Concello acaba de remitirlle á Axencia Galega de Infraestruturas a solicitude nunha xuntanza para coñecer as liñas mestras do proxecto e a maneira en que lle afectarán ao noso municipio.

Desde o Concello arguméntase a petición en que a estrada AC-862 “é un dos eixes principais na mobilidade do concello de San Sadurniño, que cruza ao longo de 9 km, e que ademais ten un tramo urbano no propio núcleo de San Sadurniño”. Neste sentido, “co ánimo de colaborar e cooperar coa AXI e a empresa redactora”, a carta expresa o interese municipal en “coñecer o enfoque que vai ter o  proxecto, e nomeadamente as repercusións directas no trazado que percorre o territorio de San Sadurniño, dado que consideramos de suma importancia que se poida elaborar un proxecto de calidade e acaído ás necesidades, tanto do transporte, coma dos habitantes de San Sadurniño”.

Entre esas “repercusións” estarían, por exemplo, saber que directrices vai haber con respecto á zona do centro urbano -onde existe unha rotonda e un único paso peonil-, de que maneira se vai solventar o embude da ponte do tren en Lamas, que curvas se van ver modificadas ou en que puntos se ten previsto ampliar os carrís para vehículos lentos.  O alcalde sinalaba hai uns días que estes aspectos “son os que aparecerán detallados no proxecto” e que, polo tanto, “este é o momento para saber con que enfoque traballan a Xunta e a empresa redactora e trasladarlles as particularidades que nós entendemos que sería ben incluír”, comenta Secundino García.

O punto de partida que agora se deberá precisar tecnicamente consiste na mellora dos 27 km que unen a AC-862 desde o enlace coa Autovía Ferrol–Vilalba en San Sadurniño con Ponte Mera, en Ortigueira. Esta actuación recollerá a rectificación de 13 curvas e incrementará en 6,5 quilómetros os terceiros carrís, “aumentando a actual posibilidade de adiantamento seguro nun 120 %”, segundo informa a Consellería de Infraestruturas. En total, os terceiros carrís sumarán unha lonxitude de 12 quilómetros entre a AG-64 e Ponte Mera.

A empresa adxudicataria do contrato, Typsa, dispón dun prazo de 18 meses para redactar a documentación técnica, que despois se levará á práctica cun importe máximo de 10 millóns de euros.

Para o goberno local, a mellora da estrada de Ortigueira “é fundamental”, tendo en conta ademais que o proxecto da vía de altas prestacións “parece que vai para largo a pesar de levar máis dunha década de retrasos”, critica Secundino García. O alcalde engade que a Xunta ten nestes momentos en proceso de adxudicación o contrato do proxecto do treito San Sadurniño-A Sanguiñeira. “Vaise adxudicar un novo estudo informativo e de impacto ambiental e tamén un novo proxecto que deixa en nada o anterior. Perdéronse dez anos fundamentais para a conexión por estrada do norte de Galicia. Esperemos que co novo as cousas vaian ao ritmo debido”.

 

Share.