Icía, Sol e Adrián reciben o seu premio por ganaren o concurso da Xunta “Lecer Consumo”

0

A Casa da Cultura acolleu este martes á tarde a entrega dos premios do concurso Lecer Consumo organizado pola Escola Galega de Consumo entre a rapazada participante nos programas socioeducativos do verán de 25 concellos galegos. Á iniciativa -que se desenvolveu como unha xincana de actividades- sumáronse arredor de 2.000 nenos e nenas que debían elaborar ao remate da xornada un vídeo curto  ao respecto do lecer, a dieta equilibrada e a promoción dos produtos locais. En total producíronse 51 pezas que despois se someteron a votación a través do facebook da EGC. O que máis apoios obtivo foi o vídeo “Escolle o teu camiño, vai ata San Sadurniño”, gravado por Sol de Lera, Icía Fernández e Adrián Alves coa axuda do monitorado da Aldea de Verán deste ano.

Ao acto informal de entrega dos premios asistiron Secundino García, a concelleira de Igualdade, Ana B. Gundín e a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, ademais das familias e amizades das nenas e o neno responsables do vídeo ganador que, de acordo coa convocatoria, debía propoñer un plan para realizar en San Sadurniño, promovendo os espazos naturais, os alimentos locais que contribúan a levar unha dieta saudable e, en definitiva, unha xornada de lecer que se puidese levar a cabo no municipio.

O vídeo do equipo premiado, formado por Adrián Alves, Sol de Lera e Icía Fernández, levaba por título “Escolle o teu camiño, vai ata San Sadurniño” e foi, con 376 votos, o máis votado dos 51 vídeos que se presentaron, ademais de conseguir  8.900 reproducións en Facebook.  O alcalde felicitou á rapazada e ás monitoras por ter ganado o concurso que, segundo Secundino García, tivo o mérito engadido de “vir para un sitio pequeno como é San Sadurniño”. Unha felicitación expresada tamén por Sol Vázquez, quen lle deu aínda máis valor ao premio pola alta participación e o número de vídeos presentados.

O programa Lecer Consumo, impulsado polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia, pecha desta maneira a súa actividade estival, que se desenvolveu baixo o lema “Este verán, un consumo responsable e un lecer san”. O programa estivo centrado na publicidade, o comercio xusto ou dieta equilibrada.

 

Share.