Sentidiño tamén coas setas… e outras cousas que igual non sabiades

0

Imos facer unha pequena paréntese no tema recorrente do coronavirus -aínda que sen quitarlle ollo- para falarmos doutra cousa con certo interese agora que estamos no outono. O título e maila foto xa o din todo: imos falar de setas. Máis ben de cousas que debemos ter en conta antes de botarlles a man, como por exemplo a importancia de coñecelas á perfección, a maneira de recolectalas ou a normativa que rexe en Galicia este aproveitamento forestal. Porque, efectivamente, a recollida de fungos e cogomelos está regulada e nela atopamos algunhas detalles que non son como a moitas e moitos nos parece, incluso a quen ten montes onde se dán en abundancia e cre que só con ter a propiedade as súas setas xa están a salvo de que calquera llas leve.

Encontrámonos nunha zona de grande riqueza micolóxica. Durante décadas os fungos e cogomelos foron pouco menos que algo que nacía no monte e ao que ninguén lles facía demasiado caso, posto que aquí tradicionalmente somos un territorio con certo rexeitamento a este tipo de organismos. Porén, duns trinta anos a esta parte produciuse un cambio importante neste sentido, propiciado pola entrada dos cogomelos nos menús dos restaurantes, polo traballo de formación e difusión das sociedades micolóxicas e, hai que dicilo tamén, pola importancia económica que tivo e ten a recollida para abastecer o crecente mercado interno e o doutras partes do Estado -principalmente Catalunya- onde existe unha cultura gastronómica vencellada ás setas moi arraigada.

Ademais, a afección á micoloxía tamén ten unha compoñente relacionada co lecer e co desfrute do aire libre, algo que nestes tempos de pandemia empurrou aos montes a moita xente. E para mostra non temos máis que ir dar unha volta polo Forgoselo calquera fin de semana para ver a cantidade de coches que hai aparcados á beira das pistas. Xa era así antes, e agora máis aínda.

Vaia por diante que só se deben recoller setas que coñezamos á perfección e, se temos algunha dúbida, non debemos nin tocarlles. Se estamos empezando nesta afección é moi recomendable ir ao monte na compaña dalgunha persoa experta ou pasar antes por algún dos cursos que imparten distintas asociacións e entidades micolóxicas da zona. Hai setas comestibles, moitas delas exquisitas, pero tamén as hai que poden ser tóxicas e moitas delas mortais. E non hai un criterio fixo para discriminar con seguridade as unhas das outras. Nin cores nin formas determinadas poden tomarse como indicadores de se son ou non aptas para o consumo. Só vale coñecer á perfección cada tipo, xa que, para liar a cousa aínda máis, hai cogomelos parecidos entre si e un deles pode ser fantástico na mesa e o outro levarnos de cabeza ao cadaleito en cuestión de minutos. Por iso, repetimos: só debemos coller as setas que coñezamos sen ningún tipo de dúbida… e se non o temos claro, mellor non arriscarse.

Outra cuestión que debemos ter en conta é que as setas, fungos e cogomelos -que non son o mesmo, aínda que nós usemos os termos indistintamente para entendérmonos- están consideradas na normativa autonómica galega como un aproveitamento forestal e, como tal, a súa xestión e recollida están reguladas nun decreto publicado este mesmo ano.

Nel incídese en que se trata dun recurso para o que se debe garantir unha certa conservación, persistencia e capacidade de renovación. Por iso hai unha serie de coidados que se deben ter na súa recolección:

  • Para extraer os fungos e cogomelos só se poderá utilizar a punta dunha navalla ou coitelo procurando sacalos desde a base do pé, de maneira que queden enteiros e deixando á vista todos os caracteres que permitan a súa identificación sen danar o micelio -o organismo que realmente produce a seta, que está soterrado-. Despois haberá que repoñer a terra ou a folla para que o sitio quede nas condicións orixinais.
  • Hai que deixar intactos os exemplares que non se vaian apañar, sexa pola súa mala conformación, sexa por estar rotos ou pasados, por non ser interesantes ou por ter dúbidas sobre a súa toxicidade. Sobra dicir que as setas velenosas tampouco se deben esnaquizar ou pisar, xa que forman parte do ecosistema.
  • As setas hai que transportalas obrigatoriamente en cestos ou recipientes de material permeable -prohibidos caldeiros, tinas e bolsas de plástico- que deben estar abertos pola parte superior, co obxectivo de que se facilite a propagación de esporas.
  • Na recolección está prohibido remexer o chan e usar enciños ou outras ferramentas que poidan danar o sustrato.
  • A recollida de fungos con calquera propósito -consumo, investigación, etc.- só se poderá facer de durante o día e está prohibido recoller exemplares nas primeiras fases do seu desenvolvemento e tamén aqueles que xa sexan demasiado vellos.

A normativa autonómica tamén diferencia tres posibilidades de aproveitamento micolóxico:

  1. Para consumo propio: para comer na casa de maneira esporádica e sen unha finalidade económica ou comercial, algo que vén definido poñendo como tope 2 quilos por persoa e día.
  2. Aproveitamentos comerciais: para a que se precisa autorización por escrito do propietario ou propietaria do monte. Sobreenténdese que as setas son para a venda se se recollen máis de 2 quilos por persoa e día.
  3. Aproveitamentos con fins científicos ou didácticos: nese caso poderán recollerse cinco exemplares representativos de cada especie. A finalidade científica, de colección, educativa ou de identificación deber acreditarse suficientemente con anterioridade a efectuar o aproveitamento.

E aquí vén algo importante que deben ter en consideración sobre todo os propietarios e propietarias de montes. E é que na norma autonómica se dí que os aproveitamentos científicos e para consumo propio -considerados esporádicos e para uso doméstico- son libres, é dicir, calquera pode entrar no monte ou terreo forestal e recoller as setas que haxa nel (sempre sen sobrepasar os 2 kg/persoa/día) sen necesidade de pedirlle autorización á persoa propietaria.

Iso si, calquera persoa propietaria dun rodal de piñeiros no que se dean os níscalos ou os boletus -ou calquera plantación forestal privada que sexa vizosa en setas- ten a opción de reservar ese aproveitamento para si. Pero para iso deberá comunicarllo previamente á Xunta a través do formulario normalizado MR604G, indicando, entre outros datos, o nome da persoa titular, referencia catastral da parcela e tamén a indicación de se se quere restrinxir o acceso en toda ela ou só nunha parte. Tras esta comunicación -que poderá ser por un tempo determinado ou con carácter indefinido- terá que colocar en todo o perímetro da área acoutada carteis informativos co texto “Aproveitamento micolóxico restrinxido. Prohibida a recolla de cogomelos sen autorización da persoa propietaria ou xestora”.

Facer a comunicación e a sinalización -teñen que ser as dúas, non chega só cos carteis- non nos garantizará que non nos vaian levar as setas, pero si nos dará seguridade xurídica se nalgún momento temos que acudir ás autoridades para impedilo ou denuncialo.

Un couto micolóxico no Forgoselo
Isto foi o que fixo, por exemplo, a Asociación de Veciños Monte Forgoselo, onde a recollida de setas está axustada á normativa galega e funciona en toda a área que xestionan como un couto micolóxico, dentro dun ordenamento integral do monte que contempla o aproveitamento forestal, a gandaría e o silvopastoreo.

As persoas socias da asociación veciñal poden solicitar un carné gratuíto que lles dá dereito a recoller setas para consumo propio todos os días da semana sen sobrepasar os dous quilos diarios. Porén, o público en xeral ten que sacar un permiso diario e só pode recoller setas o luns, mércores, venres e sábado. Ese permiso custa 6 euros cada día e pode retirarse no Bar 6×8 situado en Sande, ou ben a través da tenda electrónica da web da Agroalimentaria do Eume. As recollidas con fins didácticos ou científicos son gratuítas para grupos e sempre con cita previa. Se se quere ir ao monte apañar setas con fins comerciais -máis de 2 quilos diarios- deberá contactar coa Asociación.

Máis información
DECRETO 73/2020, do 24 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos micolóxicos (e outros)
Web da Agroalimentaria do Eume

Share.