Santa Mariña xa ten lista a súa versión da “Farsa das zocas”, de Carvalho Calero

0

Hoxe sería un día especial. Máis ben éo, aínda que non poidamos xuntarnos máis de dez para celebralo. Homenaxeamos a Ricardo Carvalho Calero, pero tamén a unha fala que nos dá sentido como pobo. Se non pasase o que está pasando, hoxe habían xuntarse na Casa da Cultura as escolas municipais de gaita e pandeireta, o grupo de cantos de taberna, a rapazada do cole, a do club de lectura e tamén un grupo de xente de Santa Mariña que botou meses traballando na montaxe da peza teatral “A Farsa das zocas”, escrita por Don Ricardo aló polo ano 1948 tomando como punto de partida unha historia que, segundo a estudosa Mari Carmen Suárez Rey, procedía de San Sadurniño. Agora, gracias a Fálame de San Sadurniño temos confirmación de como foi a historia. Trátase dunha obra en dous actos chea de humor que contrapón a picaresca da xente máis humilde á da burguesía ociosa, rodeando a trama de múltiples elementos da cultura popular galega. A versión dos veciños e veciñas de Santa Mariña poderemos vela tan pronto como todo volte á normalidade, ou alomenos a esa “nova normalidade” na que cumprirá vivir tralo coronavirus. Porén, o youtubeiro Fran da Lobeira -que ademais tamén fai un dos papeis principais- acaba de publicar en youtube un adianto da obra no que, ademais, descubrimos a calidade interpretativa que hai no norte de San Sadurniño. Da xénese desta peza fálanos a Concelleira de Cultura, Amparo Calvo, nunha fantástica reseña que repasa con moito sentir a historia teatral da parroquia.

Eran outros tempos, descoñecíase o significado de actividades extraescolares e de internet e a diversión estaba centrada na parroquia para a xente máis nova. Un equipo de fútbol masculino era o único que existía. O movemento asociativo non asumía competencias de tipo colectivo no canto a rapazada se refire. Santa Mariña do Monte foi unha desas parroquias ata que en 1981 formou o grupo de baile a gaitas NÓS. Esta aventura angadíase ás actividades que o párroco Ramón Raña viña desenvolvendo na igrexa parroquial.

Foi tradición ao longo dos anos o clásico festival de Nadal onde as crianzas, xa naqueles tempos, representaban obras de teatro escritas pola gran Xosé Manuel Carballo, ao mesmo tempo que no seu repertorio musical estaban presentes as cancións de Saraibas e Fuxan os Ventos. Nesas tardes de inverno, a Igrexa parroquial ateigaba de xente sabendo que ninguén ía de balde á festa. A calquera dos presentes podía tocarlle saír ao escenario, dependendo do inxenio e a creatividade coa que se preparase a función.

En 1998, ante máis de 300 convidados foron quen de arrincar sorrisos e aplausos ao público congregado na parroquia por mor da inauguración do Local Social. Aquel clásico televisivo “Caiga quien caiga” obedeceu ao estilo do programa e repartiu retranca entre a xente que alí se atopaba. Era o que máis lles prestaba facer. A partir dese intre e grazas á constitución da Asociación Cultural da parroquia, cumpriuse o soño de aumentar a plantilla de actores e actrices con xente adulta. Veciños e veciñas de entre 5 e 80 anos chegaron a compartir escenario.

Mari Vellón foi unha das ousadas que entrou por colaborar e agora non pode deixar o espectáculo porque “morro coa risa. Eu pásoo ben e a xente tamén”. Ana Calvo e Fernando Muíño celebraron as Vodas de Prata actuando, “só nos faltou a alfombra roxa”.

Actores e actrices formaban unha compañía do máis sólida e organizada. Mentres uns exercían de carpinteiros, as outras dedicábanse á costura. “Os decorados sempre foron made in na casa, nunca gastamos un peso”, confesa Pepe López, coñecido artísticamente como Taboada.

E chegou o día que acabaron sendo recoñecidos por un santo. O San Loureiro xurdiu pensando no grupo, era o Patrón axeitado para amosar o que eran capaces de conseguir simplemente con ganas e moito humor. “As risas máis grandes que lembro foron nun San Loureiro cando Nando e Taboada representaron a Nucha e Mucha. Mexeime”, conta Angeles García.

A vida de San Loureiro foi medrando sobre o escenario e ao mesmo tempo entre o público, responsable dos cantos e responsos. Lembra Cristóbal a noite que o Santo iniciou coas prácticas do carné de conducir, “Mimadriña arrincou San Loureiro en terceira… el no va más”.

En marzo de 2010, sen sabelo, na Casa da Cultura de San Sadurniño fixeron a última representación. Fixérono como se de profesionais se tratase, disfrutando e achegando a un público entregado, esa retranca coa que tanto se identifican. “Lembro as risas da xente co conto de Jumersinda da Rapadoira… ata pensei que éramos boas”, comenta escachando coa risa Mari Bustabad.

Como a vida é puro teatro permitíronse estar afastados esta última década da vida pública, mais a arela e a cobiza puideron máis que o silencio. No mes de xaneiro arrincaron cunha obra de teatro de Carvalho Calero, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. “A farsa das zocas” élles familiar, xa que fora representada pola rapazada da parroquia en 1993.

Adrián Fonticoba, o actor máis noviño, apostou pola representación cando soubo do seu ascenso, “Comecei con 5 anos sendo pastor e agora convertinme en médico”. Lucía Ríos e Fran Bermúdez son as últimas incorporacións, cousa que o resto celebra xa que por fin “temos medio de comunicación gratis”. Comenta Lucía que “son partícipe do acercamento interxeneracional que me permite, sendo “venidera”, coñecer a veciñanza dun xeito divertido e enriquecedor”.

Tres meses de ensaio víronse freados por mor do Coronavirus. A preocupación é a mesma que o resto da veciñanza, mais “seguiremos véndonos cando se nos permita e achegaremos a Farsa das Zocas a quen desexe pasar un anaco ameno ao noso rente”. Mentres tanto fican na casa e envían unha mensaxe. “Actuemos con responsabilidade hoxe para disfrutarmos xuntos mañá”

Share.