Santa Mariña recupera a patroa tras dous anos sen celebrala

0

A parroquia de Santa Mariña está de patroa o próximo martes, día sinalado no calendario para honrar esta santa galega. Porén, como ocorre en case todos os sitios, a festa propiamente dita trasládase á fin de semana máis próxima e por iso será este sábado e mailo domingo cando se lle rinda tributo á mártir de Augas Santas, pero tamén ao bo comer e ao bo bailar. Santa Mariña do Monte recupera así a celebración da patroa tras dous anos sen festas, que continuarán en agosto coas da Esperanza. 

O programa preparado pola comisión para este 2017 comeza o sábado pola mañá coas tradicionais dianas e alboradas e, sobre as 13.00h., coa misa solemne na igrexa parroquial seguida dunha sesión vermú coa orquestra Enigma. Esta formación luguesa con nove compoñentes compartirá escenario pola noite co dúo Hora Punta.

O domingo repítese o esquema festivo, aínda que só até o mediodía. A primeira hora tocarase diana a base de “fuegho”, ás 13.00h. volverá haber misa na igrexa e, posteriormente, o grupo La Clave animará unha sesión vermú que durará algo máis da conta xa que á noite non haberá verbena.

Tal e como figura nos carteis anunciadores, a parroquia tamén contará este ano coa festa da Nosa Señora da Esperanza os días 14 e 15 de agosto ao pé da capela do mesmo nome. Daquela actuarán a orquestra Ría de Arosa, o dúo Diamante e, de novo, La Clave tocando en solitario nunha función extended play coa que rematarán os festexos.

Santa Mariña, a mártir de Augas Santas
En San Sadurniño tradicionalmente celebráronse as santamariñas no Monte e tamén no lugar da Fraguela, en Naraío, onde se encontra a capela dunha santa que é indiscutiblemente galega, sempre asociada dun xeito ou doutro á auga… aínda desa relación acuática falaremos un pouco máis adiante.

O caso é que, segundo a tradición cristiá -e segundo o “Breviario de D. Rodrigo”, datado entre os séculos XII e XIII- Mariña tería nacido en Balcagia (hoxe Baiona) sobre o ano 119, froito dun parto múltiple no que viñeron ao mundo nove nenas. Eran fillas de Lucio Catelio Severo, gobernador romano da Gallaecia e a Lusintania que botaba fóra da casa longas temporadas.

Ante semellante rolada de cativas e temendo que o home a acusase de adulterio, a nai das pequenas, Calsia,  mandoulle a unha das súas serventas que as afogase todas no río Miñor. A criada non atendeu e repartiu os bebés entre familias amigas cristiás coma ela. Andando o tempo as nenas convertéronse en mozas, en mozas que profesaban a relixión cristiá, algo que por aquel entón estaba prohibido e perseguido. Nunha destas, as nove foron apreixadas e levadas diante de Lucio Catelio que, ao saber que eran fillas del, ofreceulles unha vida de luxos se renunciaban á relixión na que foran criadas.

Todas as mozas rexeitaron a oferta e foron á cadea. Todas fuxiron dela e, disque, sufriron persecucións. As dúas máis famosas foron Liberata, a quen pillaron e crucificaron no que hoxe é Castelo Branco, en Portugal, mentres que a Mariña a martirizaron en Augas Santas, en Ourense, no ano 139.

Mariña… ou quizais Navia?
A historia da nosa Santa Mariña -distinta da Mariña/Margarida de Antioquía, aínda que as biografías se mesturen- está escrita así pola tradición cristiá. Pero hoxe sabemos que o cristianismo avanzou nas súas orixes asimilando deidades e cultos preexistentes como xeito de conversión máis pausado e efectivo que o método da forza aplicado séculos despois. O propio papa Gregorio Magno ordenou no século VI tirar o menor número posible de templos pagáns e enchelos con reliquias de santos e santas da cristiandade.

Esa é unha das teses principais do libro de Rafael Quintía “Mariña: de deusa a santa” no que se analizan e estudan as apropiacións dos mitos célticos e da relixiosidade galaica por parte do cristianismo. A obra, publicada recentemente por Galaxia, recibiu o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio en 2016 e vén argumentar razoablemente que detrás desta santa se encontra a deidade Navia, vencellada á auga e incluso á función de barqueira que axudaba ás almas a cruzar o río do Alén.

Quintía estará o martes -día de Santa Mariña- en San Sadurniño para falar do seu libro e das teorías que nel se recollen. Será durante o acto de presentación da figura de Navia no paseo fluvial, previsto para as 20.00h. Ao evento -que se desenvolverá ao pé da propia estatua- asistirán tamén o autor da figura, Carlos García, e o historiador Manolo González, quen explicará o proxecto de converter o paseo fluvial nunha especie de Olimpo galaico no que estean representadas as principais deidades precristiás.

Tal e como se apunta desde a área de Desenvolvemento local “non se trata de recuperar os ritos e a relixión precristiá, senón de difundir como o proceso de cristianización absorbeu a vella relixión, e converteu as anteriores deidades en santos e santas, conservándose, en parte, os ritos e a consideración espiritual de determinados elementos do territorio, como poden ser as fontes, as árbores, os vales ou os penedos”.

A presentación da estatua da Deusa Navia contará, ademais, coa actuación do clarinetista Santi Díaz acompañado de Javier González á percusión. Ao remate serviranse uns petiscos.

 

 

Share.