Sanidade pide precaución e asegura que “é moi cedo” para falar do levantamento de restricións

0

O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, compareceu esta mañá na habitual rolda de prensa posterior á xuntanza do comité clínico da Xunta para informar da situación actual da pandemia. Foi unha intervención na que Comesaña asegurou que había “poucas novidades”, agás a do progresivo descenso do número de casos detectados e o feito de que segue habendo unha elevada carga hospitalaria que, segundo se puntualizou desde a Consellaría, aínda “vai continuar” nas próximas semanas. A comparecencia prodúcese a tan só 7 días de que se cumpra o prazo de vixencia das actuais restricións para a mobilidade e os horarios comerciais, incluído o da hostalaría. Porén, o Conselleiro rexeitou avanzar nada sobre unha posible desescalada aducindo que “non é o momento” de tocar este asunto, dado que Galicia aínda está nunha media de 530 casos por cada 100.000 habitantes; máis do dobre do umbral máximo de risco, establecido pola OMS en 250 casos de incidencia acumulada.

Os últimos datos publicados na web coronavirus.sergas.gal apuntan a que neste momento hai  en Galicia 17.632 persoas con infección activa, 975 hospitalizadas e, delas, 240 ingresadas en coidados intensivos. No contexto da área sanitaria de Ferrol, o número de casos activos alcanza os 1.568 e hai 144 persoas ingresadas, das cales 20 se encontran na UCI. Desde o SERGAS indícase que os números “son mellores” que en días pasados e atribúen a paulatina  baixada de positivos a que “as medidas están dando resultado”, malia que segue sendo preocupante unha presión hospitalaria -sobre todo en coidados intensivos- que “vai continuar”.

Neste contexto, e a unha semana xusta de que venza o prazo das restricións en vigor decretadas o pasado 26 de xaneiro, o Conselleiro mostrouse prudente e non quixo adiantar acontecementos sobre o alivio de restricións. “A día de hoxe non podemos máis que falar do mantemento das medidas”, dixo García Comesaña, engadindo despois que neste momento “é cedo e pouco procedente” poñer enriba da mesa as condicións dunha desescalada que non se empezará a aplicar mentres a incidencia acumulada en Galicia non estea por baixo dos 250 casos/100.000 habitantes.

A mensaxe oficial é, polo tanto, seguir aplicando a autoprotección individual e cumprindo as restricións que estarán en vigor até o mércores da semana que vén. Os cambios que se vaian aplicar estudaranse na xuntanza ou xuntanzas que manteña o comité clínico antes dese día.

Repasemos as recomendacións básicas:

  • Reducir ao mínimo a interacción social fóra da casa e limitar os desprazamentos só aos imprescindibles: traballo, comprar o necesario, ir ao médico ou á farmacia, etc. Debemos ter sempre presente que nestes momentos os grupos só poden ser de persoas conviventes, salvo por cuestións laborais, educativas, administrativas ou de coidado de dependentes, persoas maiores ou rapazada. Permítese a incorporación aos grupos familiares de unha persoa que viva soa. Tamén se permite a reunión de menores de idade cos seus proxenitores se estes non conviven no mesmo domicilio, así como as de persoas que non vivan xuntas pero que teñan vínculo matrimonial ou de parella. En calquera destes casos: prevención e precaución.
  • hostalaría está pechada e só se permite o reparto a domicilio ou a recollida no local. Ollo con isto último: a normativa da Xunta precisa claramente que os produtos recollidos son para consumir no domicilio, de maneira que non se podería comer/beber á porta do propio establecemento  nin tampouco tomar algo dentro del mentres se agarda pola encarga. (Non dicimos que isto estea ocorrendo en ningún establecemento de San Sadurniño, senón que só informamos do que pon a normativa).
  • Distanciamento de 1,5 metros con respecto a outras persoas.
  • Máscara obrigatoria a partir dos 6 anos, que ha de ir correctamente colocada e non ter válvula exhalatoria. A máscara deberase manipular o menos posible e, de ter que facelo, sempre coas mans perfectamente limpas.
  • Hixiene frecuente de mans: lavalas a conciencia con abundante auga e xabón e utilizar sempre que se poida solucións desinfectantes para uso cutáneo ou xeles hidroalcólicos. Débese evitar tocar os ollos, o nariz ou a boca.
  • Hixiene respiratoria: non quitar a máscara para esbirrar ou tusir. Se estamos na casa sen ela, tapar o nariz e a boca cun pano desbotable ou facelo contra o interior do cóbado.
  • Prohibido fumar/vapear en lugares públicos a menos de 2 metros doutras persoas ou en lugares de paso. Tamén está prohibido tomar alcol na vía pública.
  • Se notamos algún síntoma coincidente cos da COVID-19, debemos quedar na casa -igual que no caso de ter un contacto estreito cun positivo por coronavirus- e informar ás autoridades sanitarias chamando ao 900 400 116, nunca acudir directamente ao centro de saúde.  O Diario Oficial de Galicia día o seguinte: Calquera persoa que experimente algún dos síntomas máis comúns compatibles coa COVID-19, tales como febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos deberá permanecer no seu domicilio e comunicalo ao seu servizo sanitario o antes posible. Igualmente, se existen conviventes no domicilio, deberá evitar o contacto con eles e, se é posible, usar un cuarto de forma exclusiva ata recibir instrucións do seu servizo sanitario”.
  • Por outra banda, no caso de casos e contactos estreitos, a normativa autonómica di: “As persoas que sexan consideradas caso sospeitoso ou probable de infección polo virus SARS-CoV-2, por teren infección respiratoria aguda grave con cadro clínico ou radiolóxico compatible co COVID-19, ou que estean pendentes dos resultados de probas diagnósticas por este motivo, as que sexan consideradas como caso confirmado con infección activa e as consideradas contacto estreito dun caso sospeitoso, probable ou confirmado, deberán seguir as condicións de illamento ou corentena que lles sexan indicadas desde os dispositivos asistenciais ou de saúde pública, sen poder abandonar o seu domicilio ou lugar de illamento ou corentena en ningún caso, salvo autorización expresa do servizo sanitario por causas debidamente xustificadas”.

Ademais de todo isto, non está de máis volver repasar todo o que ten publicado a web coronavirus.sergas.gal sobre as restricións de nivel máximo que son de aplicación en toda Galicia: toque de queda entre as 22 e as 06.00h., prohibición de entrar ou saír do límite municipal -salvo polos motivos excepcionais previstos na normativa-, peche do comercio non esencial ás 18.00h, mentres que os establecementos de alimentos e artigos básicos -supermercados, farmacias, ultramarinos, froitarías, carnizarías, etc.- e os servizos profesionais -talleres mecánicos, servizos de reparacións, etc.- poderán continuar abertos despois desa hora.

Share.