San Sadurniño volverá acoller a Copa Príncipe de Volei o 8, 9 e 10 de xaneiro

0

O torneo do KO da categoría de prata do volei masculino estatal volverá a comezos do 2021 a San Sadurniño. O Aldebarán-Intasa será o anfitrión da próxima edición da Copa Príncipe, nun torneo que estrea formato de competición con seis equipos participantes e que terá lugar do 8 ao 10 de xaneiro no Pavillón Municipal. Os dous mellores conxuntos de cada grupo que conforma a Superliga Masculina 2 loitarán polo título que ostenta Barça Voleibol. Os seis equipos participantes quedaron divididos en dous grupos tras o sorteo realizado na sede da RFEVB do seguinte modo: no grupo A competirán o Aldebarán, o Cvleganes.com e o Mediterráneo Castelló, mentres no grupo B estarán o Extremadura Grupo Laura Otero, Arona Intersport e Servigroup Benidorm.

San Sadurniño xa foi sede do torneo en 2016 e 2017 e vivirá un intenso campionato en tres días de competición que comezarán o venres cos primeiros encontros da fase de grupos que definirán o nome dos semifinalistas da tarde do sábado.

Os dous vencedores disputarán a gran final o domingo 10 de xaneiro para levantar un trofeo que xa ergueron dous dos participantes nesta edición, o Aldebarán Intasa e o Mediterráneo Castelló.

O equipo local chegará á cita nun bo estado de forma, avalado polos bos resultados que está obtendo no grupo A da competición, onde marcha en cuarta posición con 15 puntos. Na cabeza da táboa as cousas están moi apretadas, posto que entre o Extremadura Grupo Laura Otero -primeiro clasificado- e o equipo local só hai dous puntos de diferenza.

Ademais, a parte superior da clasificación do grupo B da liga tamén é un pano, polo que a Copa Príncipe promete ofrecer enfrontamentos moi igualados.

Share.