San Sadurniño volve sumarse este sábado á Hora do Planeta

0

Na madrugada do sábado para o domingo entraremos no horario de verán adiantando os reloxos das 02:00h ás 03:00h (que non se vos pase). Durmiremos unha hora menos e, a cambio, teremos tardes unha hora máis longas agora que aos días xa se lles empezan a notar as medras. A véspera do cambio horario é a data sinalada por WWF para levar a cabo unha campaña participativa en todo o mundo denominada “A Hora do Planeta”, coa que se pretende facer unha chamada de atención sobre o aforro enerxético e a redución das emisións á atmosfera de gases de efecto invernadoiro. San Sadurniño e outros concellos sumaranse á campaña apagando iluminacións públicas entre as 20:30 e as 21:30h do sábado. No noso caso serán os farois desde Cornide até o Outeiro, os da estrada de Pedroso e os de todo o centro urbano, inluídos os dos xardíns do Pazo. Só se manterá aceso o punto de luz da área de servizo de autocaravanas, que funciona cun panel solar. 

A World Wildlife Fund e outras entidades ambientalistas -e incluso as Nacións Unidas- levan anos alertando de que estamos chegando a un punto sen volta atrás en canto ao deterioramento climático ocasionado pola acción humana.

No contexto do cumprimento da Axenda 2030 da sostenibilidade establecida pola ONU, segundo asegura WWF “os próximos sete anos serán cruciais para determinar se nos mantemos dentro dos nosos límites planetarios, por debaixo do umbral climático de 1,5° e con máis natureza, ou se pasaremos a un estado de degradación irreversible e de cambio climático desbocado con todas as súas implicacións socioeconómicas”.

A fundación internacional insiste en que se deben poñer en práctica accións “con máis ambición e máis rapidez”, posto que a combinación do deterioramento planetario e da perda de biodiversidade “poñen en perigo a nosa calidade de vida e a das xeracións futuras”.

A campaña A Hora do Planeta pon o acento sobre este aviso urxente que leva repetíndose 17 anos. Nesta edición propóñense apagar as luces de vivendas e espazos públicos -a día de hoxe xa van 376 concellos en toda España adheridos á campaña-, ademais dunha actividade que reafirme os compromisos individuais co freo do cambio climático.

Por iso tamén se convida á xente a andar, correr ou nadar de aquí ao 25 ata completar o reto de sumar 40.000 quilómetros. Unha volta ao planeta que utiliza “os valores do deporte, o esforzo e o traballo en equipo” para demostrar que cos pequenos xestos individuais se pode “ganar a carreira máis importante das nosas vidas: superar a crise climática”. Quen queira participar nesta iniciativa expansiva pode engadir os seus propios quilómetros a través da web da WWF.

O Concello de San Sadurniño é un dos tres municipios da comarca que se sumou xa á Hora do Planeta. Os outros dous son Moeche e Neda, e para o sábado seguramente sexan máis os que se teñan adherido á campaña apagando entre as 20:30 e as 21:30h iluminacións de estradas, edificios públicos e monumentos.

Os espazos elixidos polo Goberno local para o fundido a negro deste 25 de marzo son o tramo de iluminación pública que discorre pola estrada de Ortigueira entre Cornide e O Outeiro, a avenida Marqués de Figueroa, as zonas do Enxerto, Agra de Arriba e Agra de Abaixo, Os Currás, a estrada de Ferreira e a estrada AC 112 desde a súa confluencia coa AC-862 até Vilafiúnce. Tamén se apagarán os xardíns da Casa do Concello.

Share.