San Sadurniño volve ao nivel verde, pero non debemos baixar a garda

0

A web do SERGAS sobre a incidencia do coronavirus en Galicia indica que nestes momentos San Sadurniño se encontra no Nivel verde en canto a novos casos confirmados mediante probas PCR. No noso concello -que permaneceu durante uns días en Nivel amarelo-  houbo menos de 14 novos positivos nos últimos 15 días e menos de 7 durante a última semana. O mapa de acceso público que se actualiza todos os días non detalla o número exacto de casos, pero vén indicar que a segunda vaga da COVID-19 empeza a ir a menos. É unha boa noticia, pero non significa que poidamos relaxarnos no cumprimento das medidas hixiénicas e de distanciamento social nin tampouco outras restricións que nestes momentos seguen en vigor en toda Galicia, reforzadas nos municipios da ría cos que mantemos unha relación moi estreita. Non está de máis que recordemos por centésima vez como temos que comportarnos, que coidados debemos adoptar e cales son as prohibicións que, por agora, seguen rexendo a nosa vida diaria.

Se cadra o máis importante son as recomendacións xerais de distanciamento e hixiene. Cousas que debemos ter sempre moi presentes e que dependen de nós e da responsabilidade individual que teñamos cadaquén para diminuír a posibilidade de contaxios:
  • Distanciamento de 1,5 metros con respecto a outras persoas.
  • Máscara obrigatoria a partir dos 6 anos, que ha de ir correctamente colocada e non ter válvula exhalatoria. A máscara deberase manipular o menos posible e, de ter que facelo, sempre coas mans perfectamente limpas.
  • Hixiene frecuente de mans: lavalas a conciencia con abundante auga e xabón e utilizar sempre que se poida solucións desinfectantes para uso cutáneo ou xeles hidroalcólicos. Débese evitar tocar os ollos, o nariz ou a boca.
  • Hixiene respiratoria: non quitar a máscara para esbirrar ou tusir. Se estamos na casa sen ela, tapar o nariz e a boca cun pano desbotable ou facelo contra o interior do cóbado. Neste sentido é fundamental que cando esteamos nunha terraza ou na mesa dun bar só quitemos a máscara no momento da consumición (así o indica a normativa vixente). É dicir, para tomar un grolo ou sorber un pouco café retiramos a máscara e inmediatamente despois de facelo axustarémola de novo colléndoa polas gomas. Aínda que o vemos moitas veces, non se pode quitar a máscara ao sentar na mesa, estar con ela baixada mentres se parola e se consume e, despois, cando nos erguemos, poñela de novo. Non, a máscara quítase para beber e ponse para seguir de parrafeo, por moi incómodo que sexa e por moitas veces que teñamos que facelo.
  • Prohibido fumar/vapear en lugares públicos a menos de 2 metros doutras persoas.
  • Se notamos algún síntoma coincidente cos da COVID-19, debemos quedar na casa -igual que no caso de ter un contacto estreito cun positivo por coronavirus- e informar ás autoridades sanitarias chamando ao 900 400 116, nunca acudir directamente ao centro de saúde. Os síntomas da enfermidade son os seguintes:  febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos.
  • Ás anteriores obrigas hai que engadirlle a recomendación xeral de vacinarse contra da gripe, sobre todo no caso de persoas maiores ou pertencentes a grupos de risco. A campaña enfronta nestes momentos certos problemas de abastecemento para atender a demanda, pero iso non quita de que solicitemos vez o antes que poidamos por dúas razóns principais: a gripe estacional pode ser grave por si mesma e, combinada coa COVID-19, pode ter consecuencias fatais. Ademais, a vacinación tamén é fundamental para reducir a sobrecarga do sistema sanitario nun momento en que fai falla dispor de camas libres e outros recursos para atender o agravamento da pandemia.

Alén destas normas individuais que debemos seguir todas e todos no noso día a día, tamén hai outras de carácter xeral que tentan minimizar os contactos estreitos fóra da casa ou reducir a posibilidade de que o coronavirus saia de áreas cunha incidencia elevada cara a outras zonas que máis ou menos van tendo un nivel baixo de contaxios.

Así, desde agosto está prohibido o consumo de alcol na vía pública e, ademais, a normativa en vigor prohibe a circulación pola vía pública entre as 23.00h. e as 06.00h. (o famoso toque de queda). A mobilidade tamén está restrinxida en case 70 municipios galegos, onde non se pode saír nin entrar salvo en casos xustificados, como por exemplo ir ao médico, solucionar trámites administrativos inaprazables, por motivos educativos ou por coidado de persoas, dentro da actividade profesional -ir e vir de traballar- ou de paso cara a outros lugares.

Nesa situación están os municipios de Ares, Mugardos, Fene, Neda, Narón e Ferrol -os cinco que bordean a ría-, de maneira que nin nós podemos ir a Doso ou Pedroso nin a xente desas parroquias pode vir a San Sadurniño se non é nalgún dos supostos permitidos pola normativa sanitaria, que continuará en vigor polo menos até o 4 de decembro.

De acordo con esa mesma normativa, os grupos en espazos públicos e privados non poderán ser de máis de 6 persoas, salvo que todas elas vivan xuntas no mesmo domicilio.  Se por exemplo viven na mesma casa 8 persoas, poderán saír xuntas ou sentar nunha mesa dunha terraza. Pero se entre elas hai unha ou máis persoas -parentes, amizades- non convivintes, só poderán formar un grupo máximo de seis persoas, sexa dentro ou fóra da casa.   A restrición non se aplicará a actividades laborais, empresariais, profesionais e administrativas, centros de ensino e ocupacionais, sempre que se adopten as medidas previstas nos seus protocolos de funcionamento, nin tampouco no caso de coidado ou acompañamento de persoas que o precisen. En territorios cunha alta incidencia, como ocorre nos municipios da ría,  só poden reunirse en espazos públicos e privados un máximo de 6 persoas convivintes e, ademais, neles permanece pechada a hostalaría e o lecer nocturno.

Aquí facemos de novo un inciso: ser convivinte non é o mesmo que ser parente. É obvio, pero moitas veces pasámolo por alto e, sobre todo nas fins de semana, é habitual que na casa de avoas e avós se xunten fillas, xenros, netas e netos que non viven alí… sobrepasando amplamente ese tope de 6 persoas convivintes e relaxando de maneira temeraria o distanciamento entre persoas e o consello de evitar o contacto físico.

A norma está para cumprila, esteamos ou non de acordo con ela, e por iso volvemos apelar á responsabilidade individual para que se respecte unha medida que tenta previr contaxios de incertas consecuencias cando hai persoas maiores polo medio. Recordamos o que se dixo ao comezo da pandemia: mellor aforrar agora en bicos e abrazos para poder dalos con máis forza máis adiante.

Por último, lembramos outras cuestións do día a día que hai que ter en conta, recollidas todas elas nunha folla informativa publicada polo SERGAS na súa web:

  • Hostalaría e restauración: no interior dos locais, unha ocupación máxima do 50%. Non se permite o consumo en barra. Nas terrazas ao aire libre, limitación ao 75% das mesas. A ocupación máxima será de 6 persoas por grupo, respectando a distancia mínima de seguridade interpersoal entre elas. Repetimos, a máscara só se pode retirar exclusivamente no momento da consumición. Os bares e restaurantes deberán adaptar os seus horarios ao toque de queda.
  • Comercio, centros comerciais, autoescolas, academias e mercados ao aire libre: todos os establecementos comerciais, academias e autoescolas quedan limitados ao 50% da súa capacidade. Nos centros e parques comerciais -aos de Narón e Ferrol non podemos ir, lembrádeo- redúcese ao 33% a capacidade dos espazos comúns, que só se poderán utilizar para entrar e saír ou para cambiar de establecemento, nunca para sentar descansar ou para que brinquen as crianzas (ludotecas e xogos nos centros comerciais deben permanecer pechados). Os mercados e feiras ao aire libre deberán organizarse co 50% dos postos habituais ou ampliando proporcionalmente a superficie dispoñible.
  • Parques infantís, parques biosaudables, zonas deportivas ou espazos ao aire libre similares con limitación de capacidade: non se deberá sobrepasar en ningún momento un máximo estimado de unha persoa por cada catro metros cadrados.
  • Lugares de culto, velorios, enterros e cerimonias: os recintos dedicados ao culto relixioso non poderán sobrepasar o 50% da súa capacidade. Nos mortorios limítase a asistencia a 10 persoas en cada momento en espazos pechados e a 25 en espazos abertos. No caso de enterros ou despedidas de cremación, máximo 25 persoas entre familiares e achegadas. As celebracións nupciais non poderán sobrepasar as 50 persoas en espazos pechados ou as 100 ao aire libre.  Os convites posteriores rexeranse pola normativa da hostalaría.
  • Actividades deportivas non federadas: en instalacións ao aire libre a actividade pode ser individual e colectiva, sempre sen contacto físico e como máximo 6 persoas de forma simultánea, sen contar o monitor. En instalacións cubertas, tamén grupos de ata 6 persoas, sen contar o monitor, e sen superar o 50% da capacidade máxima permitida. O emprego da máscara na práctica deportiva e de actividade física só se exceptúa en deportes con pistas específicas -tenis, pádel, squash, polideportivas- e exclusivamente durante a realización desas actividades. Nos ximnasios hai que levala posta en todo momento (o de San Sadurniño permanece pechado ao público).
Share.