San Sadurniño únese este sábado á Hora do Planeta

0

San Sadurniño é un dos 294 municipios do Estado que a día de hoxe xa se sumou, un ano máis, á proposta da WWF de facer un xesto de concienciación en favor do ambiente apagando a iluminación pública durante unha hora á noitiña deste sábado 27 de marzo. Á iniciativa -denominada “Hora do Planeta”- pode unirse quen queira baixando chaves e desconectando aparellos eléctricos entre as 20.30 e as 21.30h. No caso do Concello elixíronse varias liñas de farois. En concreto as da Avenida Marqués de Figueroa -incluída a Agra de Arriba e a Agra de Abaixo-, as do Enxerto, as da praza do antigo Concello e do Convento do Rosario e tamén a iluminación da AC-862 e maila dos xardíns municipais. 

A Hora do Planeta é, segundo a WWF, “un movemento global para recordar que a natureza é o sistema de soporte vital do planeta, que nos brinda todo o que necesitamos, desde o aire que respiramo atá a auga que bebemos e os alimentos que comemos” e, por estas razóns, “debemos defendela agora para salvagardar a saúde do noso planeta e, á súa vez, a nosa propia saúde e benestar”.

Esta iniciativa botou a andar en Sidney en 2007 como xesto simbólico para chamar a atención sobre o quentamento da Terra provocado pola polución e o consumo de enerxías contaminantes. En 2019 participaron do xesto de apagar a luz durante unha hora miles de cidades de case 200 países, onde se interrompeu a iluminación de máis de de 17.000 monumentos e espazos públicos, incluíndo nesa cifra as organizacións e empresas que suscribiron a carta de adhesión ao compromiso de frear o cambio climático.

En 2020 a iniciativa cadrou co arranque do confinamento e, de cara a 2021, desenvolverase de maneira virtual e destacando a importancia deste ano para o ambiente por mor do 15º Cumio sobre abiodiversidade que se celebrará en Kungming (China) no mes de maio e o Cumio sobre o Clima previsto para novembro na cidade inglesa de Glasgow, citas que se tiveron que adiar en 2020 por mor da pandemia. “Serán dous momentos fundamentais para lograr un plan global ambicioso para transformar a relación da sociedade coa biodiversidade e garantir que, para 2050, se cumpra a visión compartida de vivir en harmonía coa natureza”.

Hora do Planeta está aberta á participación de todos e todas de múltiples maneiras. A primeira é apagando as luces e desconectando aparellos eléctricos durante unha hora, que cadra sempre e en todo o mundo no último sábado do mes de marzo entre as 20.30 e as 21.30h. Canda esta proposta principal tamén hai a posibilidade de suscribir en liña os compromisos da organización conservacionista e compartir a campaña a través das redes sociais.

En todo o Estado xa confirmaron a súa participación 294 municipios, dos que 18 son galegos e, un deles, San Sadurniño. As cifras son provisionais, posto que os concellos, empresas e colectivos aínda teñen toda esta semana para sumarse ao xesto simbólico. Aquí o sábado apagaranse entre as 20.30 e as 21.30h. as luces da Avenida Marqués de Figueroa, as da Agra de Arriba e a Agra de Abaixo, a iluminación do Enxerto, as do contorno do Convento do Rosario e o alumeado dos xardíns municipais, ademais da liña de farois da AC-862.

 

Share.