San Sadurniño rematará o ano con máis de 2 km de novas sendas peonís

0

O pleno da Deputación da Coruña aprobará este venres un investimento de 197.000 euros para a construción de dúas sendas peonís na estrada de titulariedade provincial DP-7603 que une o centro urbano de San Sadurniño co lugar do Coval, en Valdoviño. Das novas infraestruturas beneficiarase  núcleo de Silvalonga e tamén o eixo principal de Santa Mariña do Monte. No primeiro caso executarase unha beiravía de 230 m. e no segundo a senda percorrerá 860 metros da marxe dereita da estrada, desde o lugar da Pena ate pasada a Golpilleira. As obras inclúense no Plan Sendas Peonís 2016 do ente provincial. Porén non serán as únicas que se leven adiante en San Sadurniño, xa que o Concello está finalizando estes días 600 metros de senda en Bardaos e en pouco tempo executarase outra de medio quilómetro en Naraío, co que este exercicio finalizará con 2,2 quilómetros de novas beiravías.

As sendas peonís para Silvalonga e Santa Mariña son dúas aspiracións municipais que veñen de tempo atrás. Por tratarse dunha vía provincial xa en 2012 o goberno local lle presentara o proxecto ao daquela presidente da Deputación, Diego Calvo, sen que se acadase ningún compromiso de execución, malia tratarse dunha reivindicación veciñal reiterada nas asembleas dos orzamentos participativos.

Máis recentemente, en novembro de 2015, o Concello aproveitou a visita do actual responsable de Infraestruturas viarias, José Manuel Pequeño, para volver tratar a cuestión destas dúas obras cualificadas por Manolo Beceiro -responsable desta área municipal- como “moi necesarias” por tratarse de infraestruturas “encamiñadas a mellorar a seguridade viaria e porque son obras que a xente está demandando”.

Finalmente será no pleno provincial deste 29 de xullo cando se aprobe o investimento, que a Deputación contratará cun prezo de saída de 197.119,21 €, -ive incluído- e un prazo de execución máximo de 4 meses. A obra está proxectada en dous tramos: o primeiro, de 230 metros, discorrerá pola marxe dereita da DP-7603 no núcleo de Silvalonga, mentres que o segundo, de 860 metros, arrancará no lugar da Pena e seguirá polo mesmo lado e sen interrupción ata ben pasado o lugar da Golpilleira, en Santa Mariña do Monte.

En ambos casos deseñouse unha beiravía de 2 metros de ancho en terreos que a Deputación xa tiña expropiados de cando se ampliara a estrada. As obras levarán aparelladas, ademais, a canalización de pluviais, tubaxes de drenaxe, nova sinalización e, nalgúns tramos, tamén varandas metálicas e nova sinalización.

Máis sendas
Na mesma liña, o Concello proxectou para este 2016 outras dúas sendas peonís que se financian en boa parte con fondos xestionados pola Deputación. A que está a piques de rematarse é a que cruza o núcleo das Loibas, en Bardaos. É froito dun convenio de  112.500 euros suscrito co organismo provincial para dúas actuacións: dunha banda a execución de 600 metros das beiravías e, doutra, o aglomerado de case quilómetro e medio de pista que vai desde a AC-862 ata o lugar da Bañoca. Unha obra que tamén finalizou estes días -só falta a sinalización horizontal- e que vén completara co mesmo firme o eixo de unión da estrada de Ortigueira coa DP-4905  que discorre polo medio da parroquia ata chegar á Cruz da Raíña.

A outra senda peonil proxectada este ano polo Concello é a que unirá o lugar do Eirexado coa ponte da Ferraría, en Naraío. Son 525 metros de beiravía que irán na súa maior parte pola marxe dereita da pista agás no final -uns 50m.- en que discorrerá por ambos lados. O orzamento da obra achégase aos 35.000 euros e o Concello incluiuno dentro das axudas do Plan de Acción Social da Deputación, co que se sufragarán un 80% dos custes. Deste xeito, San Sadurniño finalizará o ano con 2.215 metros máis de sendas peonís.

Share.