San Sadurniño pechou 2020 cunha execución do orzamento de gastos próxima ao 90% e con máis de 1,8 millóns de euros de remanentes

0

Este xoves 25 de marzo, último do mes, toca pleno ordinario en San Sadurniño. A sesión leva só tres puntos na parte resolutiva: a aprobación da acta do pleno anterior, un expediente de recoñecemento de créditos para o pagamento de facturas -na súa maior parte subministracións eléctricas do alumeado público- e unha moción do BNG en demanda dunha regulación estatal que lle “poña freo” aos “abusos” do sector bancario sobre a súa clientela. Logo, na parte de control e fiscalización dos órganos de goberno, o pleno tomará razón da liquidación do orzamento do Concello durante o 2020 -prorrogado do 2019- que se saldou con 1.808.388,95 euros de remanentes de tesouraría para gastos xerais e cunha execución do 87,04% dos gastos previstos inicialmente. Ademais o consistorio tamén cumpriu cos criterios de estabilidade orzamentaria.

A porcentaxe de execución é indicadora de que o orzamento municipal aplicado en 2020 se cumpriu case ao milímetro, é dicir, o que se prevía gastar inicialmente foi o que finalmente se investiu no funcionamento dos servizos e na execución de proxectos de todo tipo (obras, achegas a familias, etc.).

Non é habitual que as Administracións locais logren pechar o ano aproximándose tanto ás previsións feitas a empezos, e menos aínda con un orzamento prorrogado e nun ano tan convulso e impredicible como foi 2020. De feito, o máis frecuente é que o grao de execución ronde o 75% ou menos aínda (San Sadurniño aproxímase polo xeral ao 80%). Ademais tamén se debe ter en conta que o orzamento prorrogado partía dunhas previsións de 2,2 millóns de euros que finalmente se incrementaron até os 3,2 millóns, principalmente no apartado de investimentos reais, de maneira que lograr unha execución dun 87,04% dos gastos consignados é, como se adoita dicir, fiar moi fino.

Porén, o outro dato destacado é o do remanente de tesouraría para gastos xerais axustado, que ascende a 1.8 millóns de euros dos que o Concello poderá dispoñer para investimentos ou para levar a cabo calquera programa ao longo deste 2021.

Por outra banda, da documentación da liquidación tamén se desprende que o Concello cumpriu coa normativa de estabilidade orzamentaria, que se pechou o ano sen débedas e pagándolle ás empresas provedoras de bens e servizos dentro dos prazos que marca a lei -habitualmente dentro do mes-, agás aqueles gastos facturados que non contaban con partida asignada no orzamento. De feito, na sesión tamén se proporá recoñecer 61.000 euros en facturas, a maioría delas correspondentes a subministracións eléctricas de alumeados e instalacións públicas.

O pleno deste xoves 25 -19.30h. Casa da Cultura, sen público- pechará os puntos para votación con unha moción do BNG sobre os “abusos” do sector bancario. Ao tratarse dunha sesión ordinaria tamén haberá apartado para rogos e preguntas, ademais das posibles mocións que poidan incorporarse de maneira urxente.

Share.