San Sadurniño participa en Italia no evento de peche do proxecto ECMYNN

0

A localidade italiana de San Giovanni Teatino -preto da cidade de Pescara- acolle durante a xornada de hoxe o derradeiro encontro transnacional do proxecto europeo Enhancing Competences to Meet Young Neet’s Needs,  máis coñecido polo acrónimo ECMYNN. Unha iniciativa centrada na mellora das competencias do persoal técnico que traballa en cuestións relacionadas coa empregabilidade e a formación da mocidade. O ECMYNN desenvólvese desde hai dous anos con participación da vila anfitrioa, do Concello de San Sadurniño e doutras entidades de Romanía, Grecia e Polonia, reunidas hoxe en Italia para dar conta das principais conclusións do traballo que se levou a cabo en cada municipio e, principalmente, das recomendacións para atallar en toda a UE o problema da rapazada que nin estuda nin traballa.

Por parte de San Sadurniño participan no evento o técnico de Desenvolvemento local, Ignacio Fernández, o sociólogo Ismael Blanco, o xornalista César Galdo e o alcalde, Secundino García, que a primeira hora mantivo un encontro co seu homólogo giovanés Luciano Marinucci e coa Viceministra de Xustiza do goberno italiano Federica Chiavaroli. De feito, outro dos motivos da viaxe é a sinatura dun convenio no seo do propio ECMYNN para continuar mantendo a comunicación  e a difusión do proxecto na súa web durante os próximos cinco anos.

A finalidade da xornada é pór en común e explicar os resultados do estudo ao redor da mocidade ninnin, xente nova que nin estuda nin traballa, un fenómeno que -tal e como sinalou o técnico municipal Ignacio Fernández- en San Sadurniño non existe pero que, malia todo, se pode abordar buscando solucións a problemas comúns da mocidade, como é o caso da mellora da comunicación coas administracións “para falar o mesmo idioma” e a detección do  tipo de servizos que se demandan desde ese ámbito da poboación.

Servizos que non só atinxen ao lecer, senón tamén á formación e ao asesoramento. No caso de San Sadurniño o proxecto levouse adiante implicando o tecido asociativo para chegar a través del á xente nova -entre 12 e 35 anos- e, posteriormente, realizáronse 121 entrevistas e varios eventos de dinamización xuvenil de cara a facer aflorar todas as súas inquedanzas e ao establecemento de xeitos de comunicación efectivos coas administracións.

Este tipo de actividades desenvolvéronse tamén nos outros territorios socios do ECMYNN, que hoxe se reunían en San Giovanni Teatino baixo o epígrafe “Ninnin unha vez, ninnin para sempre? Poñéndolle sentido ás políticas e estratexias para a mocidade que nin estuda nin traballa”. Os resultados do proxecto encadrado no Erasmus+ resumíronse en liñas mestras de aplicación para todos os servizos de orientación e formación da UE:

  • Establecer canles de atracción e participación da xente nova
  • Motivar o pensamento creativo na mocidade
  • Empregar os grupos informais como método de achegamento
  • Buscar unha oferta formativa personalizada
  • Potenciar o desenvolvemento de aptitudes transversais -comunicación, empatía, etc.-
  • Que cada servizo conte cun coñecemento profundo do seu ámbito de actuación para establecer liñas de traballo axeitadas ás realidades de cada zona territorial/social.
  • Que se propoñan programacións de actividades flexibles e adaptables ás necesidades da rapazada.
  • Por último, que exista un espazo permanente de conversa e debate a nivel europeo co obxectivo de definir liñas estratéxicas no campo da formación e a integración profesional xuvenil.

Todas estas estratexias -e outra información práctica interesante- será resumida nun documento final que deberá estar listo no próximo mes. Será unha guía de traballo para os servizos públicos de todo tipo: de emprego, de programación cultural, de asesoramento xuvenil, etc. O documento tamén estará dispoñible na web municipal e na do proxecto ECMYNN. Por outra banda, malia que o de hoxe foi o derradeiro evento transnacional, en San Sadurniño aínda se desenvolverá outro ao longo do mes de xuño -posiblemente o venres 30- no que se lle presentarán os resultados ao tecido asociativo e ás administracións municipais, autonómica e estatal.

Share.