A programación do 25 de novembro incide na concienciación da mocidade para previr a violencia de xénero

0

A área de Iguadade do Concello ten xa pechada a programación de actos conmemorativos -máis ben reivindicativos- co gallo do 25 de novembro, Día Internacional da eliminación da violencia contra da muller. De feito a programación xa comezou hai varias semanas coa convocatoria do III Certame galego das Artes pola igualdade de xénero, centrado este ano no audiovisual. Tralo peche do prazo de presentación de traballos o Concello recibiu cinco curtametraxes que o xurado valorará o día 22. Os premios entregaranse o sábado 26 de novembro, día no que se proxectarán as curtas concursantes e día no que se concentra a maior parte dun programa que inclúe o obradoiro de autoprotección ante a violencia de xénero e unha mesa sobre a violencia de xénero na adolescencia. As actividades do 25 de novembro complétanse cunha charla para o alumnado da ESO e co concurso literario convocado entre a rapazada do centro de ensino.

A charla para a rapazada desenvolverase na Casa da Cultura o propio venres 25 entre as 13.10 e as 14.30h.e centrarase na sensibilización e na prevención da violencia de xénero. Vai dirixida ao alumnado de 3º e 4º da ESO e a encargada de impartila será Natalia Vázquez Pita, experta en coeducación, Pita é membro da asociación APICO e comentará cos mozos e mozas á rapazada as novas formas e situacións de exercer a violencia machista así como a súa incidencia entre a poboación máis nova.

Ao día seguinte, o sábado 26, os actos repartiranse entre a Casa da Cultura e a da Mocidade. No primeiro lugar arrancará ás 11.00h. o V Encontro de autoprotección ante a violencia de xénero, co obxectivo  de que as mulleres participantes poidan adquirir as destrezas e as habilidades necesarias para xestionar positivamente situacións de risco e ter unha percepción de maior seguridade persoal.

A bibliotecaria do Concello ofrecerá un servizo de conciliación para os fillos e as fillas de 6 e 14 anos das mulleres asistentes ao encontro. Precisarase un mínimo de 6 inscricións e contarase cun máximo de 10 prazas dispoñibles. Na actividade colabora a Asociación APICO (Asociación pola Igualdade e Coeducación) e para apuntarse hai que chamar ao Concello -981 490 027 ext. 1– ou ben enviar un correo electrónico a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal.

A actividade prolongarase despois das 14.00h. cunha xuntanza de convivencia das mulleres participantes no encontro da mañá.

Xa pola tarde, a iso das 16.30h., comezará na Casa da Mocidade a mesa A violencia de xénero na adolescencia, na que intervirán a educadora social Noelia Darriba, a psicóloga Paula Baldomir e o axente da Garda Civil e formador especializado en violencia de xénero Fernando Villar, coa moderación de Alejandro Gómez, mestre na materia da escola do Sindicato Unificado de Policía. A sesión, aberta á participación do público, abordará o crecemento dos casos de violencia machista entre a mocidade, que agora adopta novos xeitos de se manifestar por medio das redes sociais e da proliferación de dispositivos móbiles, utilizados en moitos casos como ferramenta de control dentro da parella. A palestra contará, ademais, coa lectura de dous poemas en boca da súa propia autora, a actriz e poeta Silvia Romaus.

Ao remate da charla entregaranse na Casa da Cultura os premios do III Certame galego das Artes pola igualdade de xénero. Un acto que comezará ás 18.30h. e no que participará como convidada a realizadora Xisela Franco como homenaxeada deste ano. O certame vencella a creación artística coa difusión dunha mensaxe a prol da igualdade real entre mulleres e homes e, ademais, destaca o labor de figuras femininas que son un referente en campos como a música, a literatura ou, neste caso, o audiovisual. A proposta de 2016 elixiu á cineasta, documentarista e docente Xisela Franco. Licenciada en Comunicación Audiovisual e Humanidades, Franco ten unha longa traxectoria tanto na experimentación visual como na produción de obras para cine e televisión. Entre elas destaca a curta “Cruz Piñón”, gravada dentro do primeiro Chanfaina Lab e premiada no Curtocircuito 2015.

A cineasta será unha das encargadas de entregar os premios dun certame ao que se presentaron cinco pezas, tres na categoría xuvenil e dous na adulta, centrados en todos os casos na igualdade entre mulleres e homes, con liberdade de formatos e unha duración máxima de cinco minutos. As obras proxectaranse trala entrega dos premios xunto coa peza “Santiago, olladas de perfil”, dirixida en 2015 pola propia Xisela Franco, no que Encarna Otero mostra a capital de Galicia e a súa historia desde o punto de vista do traballo feminino.

Concurso literario
En relación coa igualdade de xénero, o Concello e mailo equipo de dinamización de Lingua Galega do CPI convocaron o quinto concurso de relatos 25 de novembro, co que se busca a implicación do alumnado no lanzamento dunha mensaxe clara ao redor da prevención, sensibilización e reivindicación da loita contra a violencia machista.

O concurso literario ten aberto o prazo de presentación de textos ata o 5 de decembro e hai total liberdade, xa que poden achegarse ensaios, contos, cartas, relatos curtos, poesías, banda deseñada, etc. Só se pon como condición que non excedan as dúas follas por unha cara e que cada participante presente un único traballo.

O certame vai dirixido ao alumnado que estea cursando 3º e 4º da ESO no CPI de San Sadurniño e todas as obras recibidas exporanse na Casa da Cultura desde o 9 ata o 31 de decembro. Hai tres premios: o ganador ou ganadora levará unha táblet e un diploma e o segundo e terceiro premio están dotados con cadanseu libro e diploma. Os galardóns entregaranse o 21 de decembro na Casa da Cultura.

Bases do concurso de relatos “25 de Novembro”

 

Share.