San Sadurniño, en negro contra as violencias machistas

0

O Concello de San Sadurniño desenvolve ao longo do ano unha chea de actividades para todas as idades que se centran na promoción dunha igualdade plena de dereitos entre mulleres e homes. Charlas, cursos, propostas culturais e deportivas, etc., caracterizadas por unha mensaxe transversal de empoderamento feminino, coeducación e reivindicación dunha sociedade non só igualitaria, senón tamén libre de violencia(s) por razóns de xénero. En novembro, mes no que se celebra o Día Internacional da eliminación da violencia contra das mulleres, o esforzo de concienciación intensificarase, co sábado 23 de novembro como data de referencia para os actos centrais que se levarán a cabo: pola mañá os obradoiros de sensibilización e autoprotección e, pola tarde, unha mesa rendonda  que tomará como eixo de debate e reflexión o documental de Manuel Abad “Contraaluz”. Este encontro terá lugar na Casa da Cultura e é con entrada libre, pero para as dúas sesións de pola mañá fai falla inscrición previa chamando ao 981 490 027 ext.1 ou mandando un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal.

Os eventos programados para este 23 de novembro arrancan ás 10.00h. cun obradoiro de sensibilización e prevención da violencia de xénero dirixido a mulleres. Nesta sesión daranse as claves para entender este problema, os novos xeitos en que se reproduce a violencia machista e identificar o seu funcionamento no marco dunha cultura patriarcal.

Ás 11.30h. terá lugar na Casa da Xuventude o VIII encontro de autoprotección ante a violencia de xénero, co obxectivo de que as mulleres participantes adquiran coñecementos e destrezas para xestionar situacións de risco e, se hai unha tentativa de agresión, poder safar dela para pedir axuda o antes posible.

Durante o obradoiro ofrecerase na biblioteca un espazo de conciliación para as fillas e fillos das mulleres asistentes, sempre que teñan idades comprendidas entre os 6 e os 14 anos. Haberá 10 prazas dispoñibles e para poñer en marcha o servizo farán falla un mínimo de 5 solicitudes. O encontro de autoprotección rematará ás 14.00h. cunha xuntanza de convivencia para xantar (cada asistente deberá levar a comida). A iniciativa está subvencionada pola Secretaría Xeral de Igualdade dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de xénero.

Pola tarde, a partir das 17.00h., a Casa da Cultura acollerá a estrea do documental “Contraaluz”, dirixido por Manuel Abad. O filme reflexiona sobre o ciclo da violencia de xénero a través do testemuño de mulleres vítimas, profesionais da psicoloxía e da xustiza. Abad define a violencia contra da muller como “unha guerra silenciosa que cobrou máis vítimas que calquera outra”. O xermolo do documental estivo nunha curso de autodefensa persoal -como os impartidos en San Sadurniño- e mostra tamén a evolución das mulleres que participan neste tipo de actividades.

Ao seu remate haberá un pequeno coloquio co director, con Mónica Chaves, vítima de maltrato e unha das protagonistas do documental, e a coa concelleira da área de Igualdade, Ana Belén Breixo.

Durante toda a xornada estará aberta no recibidor da Casa da Cultura unha exposición de oito cadros sobre os signos e a dor da violencia machista, obra de Alba Blanco Pardo, estudante de belas Artes e Pisocoloxía.

A proxección e o coloquio da tarde son con entrada libre. Porén, para o obradoiro de autoprotección da mañá fará falla inscrición previa nas oficinas de Servizos Sociais e Igualdade do Concello, no teléfono 981 490 027 ext.1 ou a través do correo veronica.rodriguez@sansadurnino.gal.

San Sadurniño, en negro contra as violencias
O noso Concello volve unirse este ano á campaña de concienciación e activismo En Negro contra as Violencias. Un movemento que vai xa polo seu quinto ano e ao que en 2018 se sumaron 102 municipios galegos, as deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo e un total de 8.210 axentes entre entidades e empresas -ademais de centos de particulares- que mostraron o seu apoio á reivindicación e que, ademais, exhibiron dun xeito ou doutro a bandeira negra cos distintos lemas da campaña.

O manifesto central de En Negro contra as Violencias asinarase en Lugo o venres ao mediodía. Será o arranque oficial da edición deste 2019. Porén, quen queira ir mostrando o seu compromiso coa causa da erradicación de todas as violencias que sufrimos as mulleres por sermos mulleres, pode facer tres cousas: a primeira -e fundamental- exercendo activamente todos os días en contra do machismo; a segunda, adherirse á iniciativa a través da web e, a terceira, descargar desde alí a bandeira e outro material  reivindicativo que, ademais, tamén está dispoñible na Casa do Concello.

O Concello programou para a mañá do luns 25-N a lectura do manifesto na Casa da Cultura nun evento ao que se prevé que asista o alumnado de 3º e 4º da ESO do CPI de San Sadurniño, aproveitando a ocasión para empezar a publicitar en redes sociais as imaxes e os lemas do proxecto “Fotocotías” no que traballou a rapazada con axuda de Casa Morada.

logopresidencia       logoministerio  logopacto

Share.