San Sadurniño arderá en 90 saltas de San Xoán e San Pedro

0

O rexistro municipal recolleu nos últimos días un total de 90 comunicacións previas para as tradicionais “saltas” do San Xoán. Moitas delas son para hoxe, porén hai quen adiou a celebración para mañá e incluso o sábado co obxectivo de facela cadrar coa fin de semana, aínda que mañá sexa festivo autonómico. A través das redes sociais sabemos que esta noite saltarase o lume en Naraío e San Sadurniño e que mañá farán o propio en Igrexafeita e Lamas. Nesta última parroquia a asociación veciñal denominou o evento “Sardiñada do San Xoán e San Pedro”  atendendo á tradición cada vez menos celebrada de facer fogueiras na honra do apóstolo. 

Sobre as orixes de facer cacharelas, fogueiras ou “saltas” nestas datas hai moitas teorías e todo apunta a que se trata da cristianización de ritos anteriores cos que se lle daba a benvida ao verán. Ao respecto das datas cristiás hai algunha curiosidade, como que María e Sabela/Isabel -nai de Xoán o Bautista- eran curmás e que este era exactamente medio ano máis vello que Xesús. Polas contas dos Evanxeos, Sabela estaba xa encinta de 6 meses cando a María lle anunciaron o seu propio estado (25 de marzo). San Xoán -único santo que se celebra no día do seu nacemento- tería nacido o 24 de xuño e, 6 meses despois, o 24 de decembro -Noiteboa- tería nacido Xesús.

Deixando a un lado as curiosidades, o certo é que estamos ás portas dunha das noites máis festeiras do ano e quizais -xunto co Entroido- a que mellor soporta o varrido do tempo sobre a tradición. Aínda que a asociación de veciños non faga fogueira, esta noite en case todas as casas haberá algún lume, por pequeno que sexa, e mañá amencerán floreadas fiestras e portas como liturxia pagá contra males de ollo e atraente da boa sorte.

Sexan grandes ou pequenas, as fogueiras foron e sempre serán de lume. E é sabido que tempo seco e lume non son boa compañía. Por iso desde hai anos é necesario avisar á Xunta de onde se vai celebrar o San Xoán adquirindo, ademais, o compromiso de velar porque non haxa ningún descoido que poida provocar un incendio. As comunicacións poden facerse a través dos concellos e, no caso de San Sadurniño, a primeira mañá de hoxe levábanse recollidas no rexistro un total de 90. A maior parte delas son xuntanzas domésticas ou entre veciños e veciñas de determinados lugares, case sempre en cruceiros de camiños.

Temos constancia de que en Naraío celebran hoxe o San Xoán no local social da Veiga cunha churrascada -12 euros persoas socias, 15 non socias e menores de 12 anos gratis- que irá seguida dunha repichoca e do acendido da salta. Nas redes sociais a asociación cultural AC/DZ -organizadora das festas de Santa Sabela deste ano- tamén anunciou hai algunhas semanas que ían celebrar o solsticio.

Outras entidades optaron por cambiar o día para facelo cadrar máis preto da fin de semana. En Lamas a asociación de veciños organizou unha sardiñada para a noite deste venres no local social. Alí celebran xuntos o San Xoán e o San Pedro e arrancarán ás 21 horas con prezos de 10 euros para persoas socias, 13 para non socias, 5 euros para rapazada entre os 12 e os 16 anos e e menores  gratis. Ademais das sardiñas servirán liscos, chourizos, patacas cocidas e café. Antes de sentar á mesa  tamén proxectarán o documental “Cantando a Manuel María”, do director Gonzalo E. Veloso. Tamén na noite do venres, a Asociación Adiante de Igrexafeita convida a unha sardiñada que será gratuíta para persoas socias, mentres que as non socias deberán pagar 5€.

Algúns consellos de seguridade
Non está de máis lembrar nun día coma hoxe algunhas recomendacións que, na súa maioría, son simples recordatorios de sentido común. A noite do San Xoán é para gozar, non para levar sustos sen necesidade. Velaí uns cantos consellos:

  • Amontoar a leña lonxe de árbores e instalacións que se poidan ver afectadas pola calor ou mesmo prender por causa dunha chareta.
  • É preferible facer un lume máis ou menos pequeno e ir alimentándoo aos poucos co material do que fixesemos acopio e que, igual que as construcións, debe estar afastado do lume principal. Desta maneira teremos salta toda a noite e con maior seguridade se é que temos que apagala rapidamente.
  • Ao remate da cacharela o lume debe estar completamente apagado. Por iso é necesario ter unha mangueira con caudal e presión dabondo ou ben calquera outra fonte de auga -corrente ou almacenada- que permita sofocar o lume con garantías de que non queden rescoldos. Ademais, a auga tamén axuda a controlar a altura das lapas se temos moito combustible amontoado. Ollo cos cepos e toradas, poden botar ardendo varios días se non os mollamos ben.
  • Non botedes no lume material contaminante ou perigoso, como pneumáticos, plásticos, aerosoles, etc. Mellor só leña: podallas, madeira podre, palés vellos, etc. QUE NON SE VOS OCORRA PRENDER A SALTA CON GASOLINAS OU DISOLVENTES, os gases poden producir unha explosión e causarvos queimaduras graves. Toda a vida se prendeu lume cunha pina, e o sistema segue funcionando.
  • Á hora de saltar, máxima precaución. Marcade un único sentido para chimpar por riba do lume. É habitual que a xente salte a un xeito e despois a outro. NON, NUNCA!. FACEDE UNHA RODA E ASEGURÁDEVOS DE QUE TODO O MUNDO RESPECTA O SEU TURNO E O SENTIDO EN QUE SE SALTE!!!. Así evitaredes perigosos encontronazos xusto enriba do lume.

 

Share.