Sae adiante a modificación da taxa do lixo

0

Pleno intenso o do serán deste mércores na Casa do Concello onde a maior parte do debate entre os tres grupos políticos se centrou no asunto do aumento da cota tributaria do lixo, a base sobre a que se calcula o prezo dos recibos e á que logo se lle engade -de acordo coa ordenanza- a variación anual do IPC. San Sadurniño levaba desde 2007 sen tocarlle a unha taxa que, tal e como reflicten os informes técnicos, non chega nin para cubrir a metade do que custa a prestación do servizo. Un servizo que nestes últimos doce anos se ampliou coa recollida domiciliaria de voluminosos e plásticos agrícolas e que tamén é máis caro de manter por mor principalmente dos gastos salariais, do cambio do ive do 18 ao 21% do 2012 e aumento nun 20% do que cobra SOGAMA polo tratamento. O grupo de goberno defendeu a necesidade da modificación da ordenanza, malia tratarse dunha medida “que a ningún goberno lle gusta tomar”, co argumento de tender a reducir no posible o défice. Un posicionamento que non compartiron nin a representación do PP nin a do PSOE, que votaron en contra. 

Na quenda de exposición da proposta, a voceira nacionalista, Mari Carme Muíño, debullou os motivos da modificación da taxa, que supón un incremento dun 19%. Neste momento as vivendas do casco urbano onde se recolle o lixo dúas veces por semana están pagando 68,89 debido á suba do IPC acumulada desde 2007, ano en que se modificou por última vez a ordenanza. En 2020 pagarán os 82€ que van na proposta aprobada onte, o que supón un aumento de 13,11€ máis ao ano ou, dito doutra maneira, 1,09 euros ao mes. De cara ao 2021 xa lle sería de aplicación o incremento do IPC que, de manterse nos niveis actuais, andaría arredor do 1,21%.

Este cálculo vale tamén para o resto de taxas, de maneira que o incremento real entre 2019 e 2020 para as zonas cunha recollida semanal -toda a zona rural- sería de 9,53€; a unha actividade industrial por onde o camión pase dúas veces á semana subiríalle 45,37€; a un restaurante ou supermercado con dúas recollidas semanais incrementaríaselle o recibo en 34,46€ e, por último, un bar ou cafetería situada no rural vería incrementado o recibo en 2020 nun total de 19,06€. Prezos aos que, igualmente, de 2021 en diante xa se lles aplicaría o IPC.

O PSOE opúxose á variación da taxa por considerala “excesiva”, argumentando que, ademais de subir os custes de manter o servizo, desde 2007 tamén “houbo unha merma do poder adquisitivo” das familias. Lois Anxo Rodríguez sinalou que incrementar o prezo do lixo “non é unha boa carta de presentación” se se quere fixar poboación. O edil socialista considerou innecesaria a subida suxerindo que o Concello debería asumir os sobrecustos posto que, segundo dixo, “goza de boa saúde económica”.

O PP tamén rexeitou a proposta de modificación da ordenanza cualificándoa de “subida esaxerada” e indicando que antes de tomar a medida, o Concello debería ter tirado pola opción que ofreceu SOGAMA a principios deste ano de rebaixarlles o 10% do recibo a todos os municipios que o solicitasen. Unha posibilidade suxeita a certas condicións -que a rebaixa se trasladase aos recibos e que se desenvolvesen campañas de sensibilización sobre a separación en orixe- que, segundo María Belén Trigo, “San Sadurniño nin sequera solicitou”.

A este respecto, Secundino García aclaroulle ao Partido Popular que esa rebaixa “anunciada por SOGAMA a bombo e platillo” practicamente ningún municipio puido aplicala e que, ademais, San Sadurniño “non cumpría as condicións” para acollerse a unha medida que tivo pouca repercusión real. “Convídote a que me digas cantos concellos rebaixaron os recibos”, instou o alcalde a Trigo para referirse a un beneficio que terían pedido moitos municipios pero que, finalmente, non chegou a cuallar en practicamente ningún. Secundino García aproveitou o fío para criticar que o PP non aludise a que SOGAMA ofrecese esa posibilidade a principios de ano, cando na maioría dos consistorios xa están aprobadas as actualizacións das taxas, e tamén ao feito de que a proposta se produciu “despois de subirlle unilateralmente o recibo aos concellos un 30%. É dicir, sóbennos un 30 e despois rebáixannos un 10, co que a suba do 20% non hai quen nola quite”.

No debate, o PP tamén criticou a maneira en que o Concello informou a través desta mesma web na mañá do mércores sobre o contido do pleno e aludiu aos custes salariais do mantemento do servizo de recollida do lixo. Custes que, segundo Secundino García, “non se poden rebaixar”. O alcalde volveu xustificar a modificación da taxa repasando os motivos que levaron ao executivo local a tomar a decisión, entre eles o incremento de custes propiciado polas subas do IPC, o cambio do tipo impositivo do ive “que pasou do 18 ao 21%”, ou cuestións relativas á prestación do servizo. A este respecto -e respostándolle tamén ao PSOE- García lembrou que en San Sadurniño existe un servizo de recollida de plásticos agrícolas “que antes prestaba a Xunta” ou un servizo de recollida de voluminosos “que recolle os voluminosos polas casas, non hai que levalos a sitios determinados que ás veces parecen vertedoiros incontrolados”.

O alcalde finalizou a súa intervención repasando o que se paga noutros municipios da volta “A Capela 110 euros, Moeche 72 euros, Ares 111, As Somozas 70…” e insistiu que se ben a suba de taxas é algo que “a ningún goberno lle gusta”, trátase dunha medida que pretende “cumprir a lei” ou polo menos tender ao seu cumprimento, posto que a normativa pola que se rexen os municipios esixe que os servizos prestados á veciñanza se poidan soster cos recursos económicos que poidan xerar por si mesmos vía taxas ou prezos públicos.

Malia as diferenzas de postura, os tres grupos municipais conviñeron na necesidade de tentar aforrar custes por medio da redución dos residuos -o que rebaixaría o prezo do tratamento- e mesmo quedou enriba da mesa a idea socialista de que se mirase a posibilidade de mancomunar a recollida con máis concellos, algo que desde o BNG se ve como pouco viable en entornos rurais coma o de San Sadurniño, Moeche ou Cerdido pero que, en calquera caso, sería unha proposta que merece estudarse.

Outros asuntos
Tras tratar o asunto do lixo -que contabilizou sete votos a favor do BNG e catro en contra da oposición- o pleno adentrouse nos outros dous temas que compuñan a orde do día. O primeiro deles foi a modificación das bases de execución do Orzamento municipal de 2019 para simplificar o movemento de partidas dentro dun mesmo capítulo sen ter que recorrer a trámites máis complexos como, por exemplo, unha modificación de créditos. A proposta saiu adiante cos votos favorables de BNG e PSOE -o PP abstívose- e coa finalidade de respaldar os importes en concepto de gratificacións e produtividades do persoal municipal.

Desde o PP pediuse que se establecesen criterios obxectivos para a distribución deses complementos salariais e desde o goberno local precisouse que a cuestión xa formaba parte da negociación colectiva que se está levando a cabo para definir a Relación de Postos de Traballo dentro do Concello. Un documento que, unha vez consensuado coa parte social, deberá ser sometido á aprobación plenaria.

O último punto da orde do día foi a modificación do regulamento da EIM A Rolada para introducir precisións suxeridas pola Inspección de Familia e Menores da Xunta comunicadas a posteriori do pleno do 29 de setembro en que se aprobou unha reforma máis profunda do seu articulado. O asunto foi apoiado polos tres grupos municipais.

Share.