Resolución de admisións e exclusións na Aldea de Verán (2ª e 3ª quenda)

0

A área de Igualdade acaba de publicar no taboleiro de anuncios municipal dúas resolucións referidas ao proceso de admisión na Aldea de Verán, que este ano se desenvolverá en tres veces: do 20 ao 31 de xullo, do 3 ao 14 de agosto e do 17 ao 31 de agosto. Nun caso trátase do listado definitivo de rapazada admitida e xa matriculada para xullo e, no outro, as listas provisionais das quendas que se van desenvolver en agosto e que abrirán o período de matriculación o xoves 16 de xullo.

1ª QUENDA DA ALDEA DE VERÁN (do 20 ao 31 de xullo)

A primeira resolución publicada correspóndese co listado definitivo para a primeira quincena da aldea -a do 20 ao 31 de xullo-, onde figuran os 21 códigos de rexistro das solicitudes admitidas, dúas delas procedentes de lista de agarda.

As familias están convocadas a unha xuntanza informativa o xoves 16 de xullo ás 19.30h., na Casa da Cultura do Concello. Por razóns preventivas e de aforo da sala, desde o departamento de Igualdade prégase que á xuntanza acuda só o pai, a nai ou titor/a legal de cada nena/o matriculado.  Tamén se pide que as persoas adultas non vaian acompañadas de menores.

Documentación descargable: Relación definitiva de admisións 1ª quenda (.pdf)


2ª E 3º QUENDA DA ALDEA DE VERÁN ( do 3 ao 14 e do 17 ao 31 de agosto)

A segunda resolución feita pública hoxe atende ao listado provisional de solicitudes admitidas e excluídas para as quendas de agosto da Aldea de Verán, é dicir, para as quincenas do 3 ao 14 e do 17 ao 31 de agosto.

No caso da quenda do 3 ao 14  recibíronse 24 solicitudes, das que 21 foron admitidas por axustarse aos requisitos, mentres que as outras tres foron excluídas por superarse o cupo ofertado e, ademais, por tratarse de familias que ou non cumprían ningún dos criterios de prioridade ou só o de ter o neno ou nena con matrícula no CPI de San Sadurniño. En calquera caso estas familias quedan na lista de agarda por se algunha das que si obtiveron praza non formaliza a matrícula ou por se houbese algunha baixa. Iso si, teñen cinco días naturais de prazo para formular reclamacións antes de que comece o período de matriculación, tralo que se publicará o listado definitivo.

Para a terceira quenda da Aldea de Verán, a que se  desenvolverá do 17 ao 31 de agosto, houbo 20 solicitudes, todas elas admitidas.

Transcorridos os 5 días de prazo de reclamacións -que poderán achegarse por escrito presencialmente (con cita previa) ou a través da Sede Electrónica municipal-, abrirá a fase de matriculación desde as 8.30h. do 16 de xullo até as 14.30h. do 23 de xullo.

A matrícula farase preferentemente a través da Sede Electrónica Municipal achegando toda a documentación requirida: ficha de matrícula, datos sanitarios, autorizacións, declaración responsable sobre a COVID-19, 1 foto tamaño carné, copia do DNI das persoas autorizadas á recollida, a copia da tarxeta sanitaria do neno ou nena (especificando profesional sanitario e centro de saúde de referencia) e o xustificante do pagamento da cota de participación mediante ingreso ou transferencia na conta do Concello. Os xustificantes de pago deberán ser individuais -aínda que haxa dous ou máis irmáns matriculados- e no concepto haberá que indicar “Aldea de Verán 2020” xunto co nome da nena ou neno participante e a quenda na que se vaia facer a matrícula. Se se opta por facer o trámite presencialmente no Concello haberá que solicitar cita previa en horario de mañá chamando ao 981 490 027.

Documentación descargable:
Listado provisional da 2ª e a 3ª quenda da Aldea de Verán (.pdf)

Ficha de matrícula (.pdf)
Folla de datos sanitarios (.pdf)
Autorizacións (.pdf)
Aceptación das condicións de participación (.pdf)
Declaración responsable (.pdf)

Share.