Recordatorio sobre as interferencias do 4G no sinal de televisión

0

No mes de marzo xa informamos de que o despregamento da telefonía 4G podía producir interferencias na recepción dalgunhas canles de televisión. Retomamos agora esa mesma información xa que, segundo parece, agora practicamente todo o noso territorio conta con cobertura desta nova tecnoloxía de transmisión. Ou polo menos iso é o que indican os distintos mapas de cobertura das operadoras con rede propia: Movistar, Vodafone e Orange. En calquera caso, se notades que, de súpeto, se vos deixan de ver canles da TDT que antes viades ou se aprezades que o sinal de televisión é deficiente -imaxes conxeladas, pixeladas, etc.- chamade ao teléfono de balde 900 833 999 para que vos envíen un/ha antenista que solucione o problema completamente gratis.

O despregamento da tecnoloxía LTE na banda de 800 Mhz (o 4G) obrigou a mover antes varias canles da TDT para deixarlles libre esa frecuencia ás operadoras de telefonía móbil. Esa liberación quedou completada en abril de 2015 e desde aquela están poñéndose en marcha novas estacións capaces de ofrecer ata 150 “megas” de velocidade de conexión á Internet. Porén, esta fase de posta en marcha pode causar interferencias na recepción do sinal de televisión e de aí que as operadoras puxesen en marcha a entidade llega800, que ofrece información e incluso a instalación gratuíta dun dispositivo que corrixa as interferencias debidas ao 4G.

Por iso, se notamos interferencias ou que deixamos de ver algunhas canles -ou todas- debemos contactar coa entidade a través da web www.llega800.es ou desde o teléfono gratuíto 900 833 999 para que nos manden un/unha antenista e que nos arranxe o problema sen custe. Na maioría dos casos abondará con poñer na antena un simple filtro de frecuencias que blinde a antena de televisión contra as interferencias do 4G. Se non queremos agardar e temos algo de xeito cunha tesoira e un desparafusador podemos facer nós o amaño: imos a unha tenda de subministros electrónicos, pedimos un “filtro para o 4G” e, xa na casa, instalarémolo entre a antena e o repartidor do sinal para as distintas estancias da casa. É moi doado de facer e vén tamén moi ben explicado nas instruccións do propio filtro, que custa entre 7 e 15 euros dependendo do modelo.

Unha tecnoloxía revolucionaria
As operadoras están gastando inxentes cantidades de cartos en promocionar o 4G como a tecnoloxía definitiva para a telefonía móbil agora que as táblets e os teléfonos son os dispositivos que máis se usan para acceder á Internet e todos os seus servizos.

Porén, o 4G tamén parece que vén solucionar o retraso que sofren as zonas rurais no acceso a unha banda larga de calidade. De feito, tanto Orange, Vodafone como Movistar xa ofrecen conexión á Internet nos fogares mediante sinxelos enrutadores wifi que levan no seu interior a tarxeta dun móbil. Naqueles puntos onde hai cobertura 4G xa se benefician de velocidades impensables ata hai pouco: 50-70 megas de descarga e 20-25 megas de subida. Iso si, con contratos que van dos 30 aos 50 euros mensuais, suxeitos a permanencia e cun tráfico mensual limitado.

As ofertas están cambiando continuamente pero, por exemplo, Orange ofrece 35 GB mensuais por 35 euros, a súa filial Amena mellora a oferta con 40GB por 30 euros e Vodafone-Ono anda nos 50 euros con 50GB de tráfico e liña asociada. A día de hoxe, a única opción para ter internet sen fíos na casa sen límite de tráfico e por un prezo asequible é o paquete Movistar Internet Radio, aínda que cunha velocidade máxima de 20 megas de descarga e 800kb de subida e sempre que na zona non haxa posibilidade de ADSL.

Ligazóns de interese
llega800 Para interferencias na televisión.
Mapa de cobertura 4G de Movistar
Mapa de cobertura 4G de Orange
Mapa de cobertura 4G de Vodafone

Share.