PACs en pé de Guerra trasládalle ao Concello a situación dos puntos de atención continuada en Galicia

0

O representante na nosa zona da plataforma de protesta PACs en pé de Guerra, Pablo Pérez Hermida, reuniuse esta mañá con Secundino García e Sabela Íñiguez para expoñerlles as reivindicacións deste colectivo en canto á mellora das súas condicións laborais e ao modelo de xestión dos puntos de atención continuada. A plataforma pide, entre outras cousas, máis persoal, o cumprimento da normativa en canto a xornadas de traballo e, en resume, que os centros de saúde teñan dotación suficiente para garantir a calidade asistencial que precisa a veciñanza. 

A xuntanza prolongouse algo máis de media hora. Tempo no que Pablo Pérez -médico do PAC das Pontes- debullou as peticións dunha plataforma que xa leva tempo convocando folgas en toda Galicia. Paros que, porén, non están tendo “visibilidade suficiente” nin tampouco a repercusión social que a plataforma considera necesaria para forzar cambios. Pérez explica a este respecto que nestes momentos os PAC galegos están “en mínimos” e aínda que se vaia á folga practicamente traballa o mesmo número de persoas que se non houbera ningún tipo de mobilización.

Por outra banda, Secundino García engade que tamén existe “máis interese nos medios públicos galegos por contar o que pasa cos médicos en Cataluña que en explicar o que está ocorrendo cos PAC aquí en Galicia, con baixas que non se cubren, centros que quedan desatendidos cando hai algunha urxencia e outras eivas que van en contra do que debería ser unha sanidade pública de calidade. E iso non é culpa dos profesionais, senón de quen debe velar porque os puntos de atención continuada conten cos máximos recursos”.

O colectivo formado por persoal sanitario e administrativo dos PAC da maior parte de Galicia demanda equipos paritarios de enfermaría e persoal médico e tamén a revisión das necesidades dos plans funcionais de cada centro para adaptalos ás necesidades actuais.  Segundo comenta Pérez, “hai doce anos estableceuse cal era o persoal necesario nos puntos de atención continuada e desde aquela o número de usuarios medrou exponencialmente, faría falla unha bolsa de traballo maior para cubrir as urxencias extrahospitalarias, necesítase máis persoal”.

Outras reclamacións da plataforma son o cumprimento das normativas europeas de tempo de traballo ou a dispoñibilidade de roupa axeitada e equipamento individual de protección posto que, segundo Pérez, téñense dado casos de persoal sanitario que acudiu atender accidentes de tráfico “cun simple pixama, sen ter sequera roupa protectora nin reflectante”. En canto ás condicións laborais tamén se sinalan “penalizacións” por parte do SERGAS en situacións de incapacidade temporal ou permisos de conciliación e denúnciase a esixencia de cumprir “obxectivos” de derivación de doentes dos PAC aos hospitais de referencia que, a xuízo da plataforma, deberían obedecer exclusivamente ao cadro médico que presente cada pacente e non “ao número” estatístico que manexa o Servizo Galego de Saúde.

Por último, as peticións de tipo laboral máis reseñables son o abono de dietas de xantar e cea durante as gardas de domingos e festivos, así como o pagamento dos complementos de festividade e nocturnidade “conxelados desde 2010”.

Todas estas reivindicacións fóronlle expostas á Xunta en varias reunións e nunha convocatoria da Comisión Técnica da área das que non saiu ningún acordo. “Reunións estériles” que levaron ao colectivo a convocar unha folga que, polo de agora, non logrou mudar a postura da Administración autonómica.

Neste escenario, a plataforma PACs en pé de Guerra está acudindo aos Concellos “como institucións máis próximas á cidadanía que sofre o problema” para recabar o seu apoio na reivindicación dunha “atención de calidade”. Secundino García comprometeuse no caso de San Sadurniño a expoñerlles ao resto de grupos da corporación as reclamacións do colectivo e a levalas a pleno “o antes posible”.

 

Share.