¡Ouro, ouro!

0

Este berro de sorpresa oeuse máis dunha vez esta mañá á beira do Xubia. A rapazada da Aldea de Verán apura os últimos días de campamento e hoxe metéronse no río á procura do prezado metal con axuda do xeólogo Fran Canosa, quen lles ensinou a técnica do bateo. Un xeito de atopar pebidas con milleiros de anos de historia que a maioría das nenas e nenos viron algunha vez na televisión en programas coma “The Gold Rush” de Discovery Max ou en vellas películas do oeste. E coma aqueles pioneiros, elas e eles tamén deron co tesouro… anque con algo de truco, xa que no Xubia -nin en ningunha outra zona próxima- hai zonas auríferas. Que se saiba.

A cativería da Aldea de Verán non foi a única que buscou ouro en San Sadurniño. De feito, este é o cuarto obradoiro que dirixe Fran Canosa -un por cada unha das últimas Aldeas- e, antes que os pequenos, a principios do século XX, o enxeñeiro galés Ellys Henry Thomas -don Eliseo, o Inglés- fixo prospeccións na zona do Gandarón, en Naraío, que non deron ningún resultado. Henry Thomas, que acabaría botando raíces no Chao, onde faleceu en 1941, tamén traballou a mina de Cobarradeiras, na parrroquia ferrolá de Covas, aínda que tampouco alí houbo extraccións reseñables malia estimárselle un rendemento de entre 200 e 300 gramos de ouro por tonelada de material escavado.

E é que na nosa zona non se dan condicións xeolóxicas para a existencia de ouro. Fran Canosa comenta que a propia composición e antigüidade do subsolo non propician que haxa vetas auríferas. Porén, para a sesión desta mañá el trouxo canda si varios sacos de area procedentes da Mariña Luguesa, onde existen lugares -algúns deles xa explotados polos romanos- que ofrecen certa concentración de ouro. E cando dicimos “certa concentración” referímonos á posibilidade, que non certeza, de atopar unha diminuta lasca dourada de microgramos de peso despois de batear e lavar a conciencia uns dez quilos de area. Ou sexa, que podemos tirarnos toda a tarde anicados ao pé do río peneirando area luguesa e non chegar a encontrar sequera un motivo de orgullo e satisfacción.

Fran Canosa, que sabe moito de minerais e de traballar con rapazada, tíñao todo previsto e ocupouse de que todas as nenas e nenos levasen para a casa a súa pebida. E non unha pebida minúscula, senón un bo anaco de metal amarelo ben brillante. E imos deixalo aí, non imos desvelar máis xa que coa ilusión infantil non se xoga. Só podemos contar que metais amarelos brillantes hai moitos e moito máis baratos que o ouro, que o xeólogo fixo aparecer nas bateas por obra e graza da prestidixitación.

O truco usouse só co grupo das nenas e nenos máis pequenos da aldea, mentres que cos maiores o bateo foi máis en serio utilizando terras traídas tamén da Mariña pero cunha concentración máis alta que aumentou as posibilidades de obter algunha area metálica. Nese caso os pequenos xa sabían de que ía o asunto, despois de ter participado en anteriores aldeas ou de ver na tele como os mineiros de Discovery Max sacan ouro a mancheas das tundras de Alaska. “Eses programas da televisión fixeron moito mal”, asegura Fran Canosa, argumentando que a busca do ouro é unha tarefa máis complexa que o que se ve na tele e, ademais, o tipo de explotación que se mostra -con grandes máquinas arrasándoo todo, amoreando residuos do lavado e incluso modificando cauces de ríos-  é de todo menos respectuosa co ambiente ou, polo menos, dista moito da mensaxe de sobre o aproveitamento dos recursos que se lle debe trasladar á rapazada.

Aproveitando que este obradoiro da Aldea de Verán se desenvolveu no Xubia, o técnico de Desenvolvemento Local, Ignacio Fernández, tamén lles explicou aos nenos e nenas algúns trazos ambientais da zona onde se asenta o arboreto de especies autóctonas da Cortiña, ademais de falarlles das lendas asociadas ao lugar.

O Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, protagonista dun apartado da Feira Rural
O xeólogo Fran Canosa que hoxe estivo cos pequenos é tamén un dos grandes coñecedores do Complexo do Cabo Ortegal, unha rara avis no mundo da xeoloxía que alberga 52 lugares de interese xeolóxico e 5 sitios de relevancia internacional por atoparse neles formacións únicas ou case imposibles de ver en ningún outro lugar do mundo. A nosa zona conta con praias de area vermella, raras praias de area negra como a de Teixidelo, a única no planeta -que se saiba- de orixe non volcánica, afloramentos de lava, granitos negros, restos glaciais, e rochas que habitualmente están a máis de 70 kilómetros de profundidade e que aquí poden observarse a simple vista.

Agora, San Sadurniño e outros seis concellos asentados no complexo -ademais da Deputación da Coruña- están preparando a candidatura para que este espazo de máis de 600 quilómetros cadrados obteña o distintivo de Xeoparque Mundial da UNESCO, vinculando para iso a excepcionalidade xeolóxica cun desenvolvemento sustentable.

Dentro do labor de divulgación do proxecto e das peculiariedades xeolóxicas do noso territorio, a Feira Rural deste sábado acollerá unha mostra permanente de minerais, que se acompañará a partir das 18.00h. do obradoiro gratuíto “Os tesouros minerais do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal”, impartido polo propio Canosa.

 

 

Share.