O Concello renovará os xardíns municipais cunha axuda do programa Leader

0

O Concello investirá de inmediato algo máis de 57.000 euros  nos xardíns municipais, co obxectivo de converter a zona nun dos principais lugares de lecer do municipio. Malia que no contorno xa se fixeron varias intervencións desde que pasara a mans municipais, agora o que se pretende é recuperar a funcionalidade dos estanques e fontes, mellorar o aspecto dalgunhas zonas que quedaran pendentes trala rehabilitación do pazo e, por último, dotar o espazo con equipamento de xogo que, de seguro, agradecerán as familias con nenos e nenas. Algo máis da metade do importe total sufragarase coas axudas europeas do Leader.

O proxecto deseñado polo Concello presentouse ás liñas non produtivas do programa europeo xestionado na comarca pola Asociación Seitura 22, quen se encarga da tramitación técnica das iniciativas públicas e privadas que despois son validadas polo AGADER.  Unha tramitación que, neste caso, esixe o cumprimento de prazos “axustados de máis”, tal e como apunta o alcalde, Secundino García. “Preparamos o proxecto, presentámolo en marzo, foi informado favorablemente polo persoal de Seitura 22 a finais de xullo e onte mesmo recibimos a confirmación da Xunta, marcando o 30 de outubro como prazo máximo para ter feitas as obras”.

Se ben semella que o AGADER ampliará o período de xustificación, a premura dos tempos levou ao Concello a facer unha adxudicación directa das obras -serán executadas pola empresa Construcciones Guerreiro Somozas S.L.- xa que a lei o permite cando, coma neste caso, se trata dun importe que non chega aos 50.000 euros, ive non incluído.

A cifra exacta do proxecto sitúase en 57.605,04 € dos que o Concello asumirá 25.559,36 € mentres que os 32.000 euros restantes corresponden coa subvención do Leader. Con ese importe hai previstas unha serie de melloras nos xardíns que, en último caso, perseguen “incrementar o seu valor como espazo de lecer dotándoo de máis equipamento e recuperando elementos históricos como as fontes ou o patrimonio vexetal”, comenta Secundino García.

O proxecto técnico recolle todos eses cambios que, porén, non lle afectarán á estrutura nin á configuración dunha área próxima aos 16.000 metros cadrados situada no centro urbano de San Sadurniño e onde se insiren tanto a Casa do Concello como a escola infantil municipal. Así, na parte leste do xardín erguerase un parque para a cativería con múltiples xogos homologados, aos que se lles dará continuidade na antiga cancha de tenis  pintando brincadeiras tradicionais, como a chapa ou o tres en raia.

Por outra banda tamén se prevé actuar sobre os xardíns mesmos colocando novos macizos de flores, incrementando o número de árbores con especies caducifolias, achegando información descritiva sobre as variedades exóticas que se conservan e plantando sebes que delimiten os espazos, na liña do que debeu ser o xardín aló polos comezos do século XX, intre en que gozou do seu maior esplendor. Neste sentido o proxecto contempla, ademais, recuperar a funcionalidade das fontes e surtidores existentes. Mesmo hai unha partida para reparar e impermeabilizar os estanques, reintroducindo no de maior tamaño a vexetación acuática que se ve nas imaxes históricas conservadas no artigo municipal.

O último apartado que abordarán as obras será o de reparar o balcón lateral do pazo, a escalinata de toelo que hai ao pé da escola infantil e o acceso á terraza posterior, buscando tamén recuperar a imaxe que ofrecían noutro tempo.

“Os xardíns municipais son un dos elementos estruturadores do centro urbano de San Sadurniño. Vémolo cando hai mercado e nos días de bo tempo, cando hai moita xente que aproveita o lugar para pasear, descansar ou como continuación dunha andada polo paseo fluvial. Agora o que queremos é potenciar o seu papel como elemento de cohesión social e espazo de lecer incrementando a dotación para os nenos e nenas e volvendo no posible á configuración que tivo no pasado”, explica Secundino García.

A historia dos xardíns do pazo tal e como hoxe o coñecemos remóntanse ao  1894, ano no que se construiu o peche perimetral e o enreixado da parte dianteira do Pazo. Poucos anos despois deseñáronse os xardíns ao gusto da moda modernista: estanques, plantas exuberantes, cisnes, pavos reais e outros animais, grandes maceteiros e esculturas, bancos, proliferación de azulexos de cores vivas…

Os xardíns eran o punto de transición á fraga onde os propietarios do pazo e os seus ilustres convidados e convidadas adoitaban organizar merendas campestres e outras actividades, incluídos os paseos en barca polo río Grande de Xubia. Á morte da marquesa case todos os terreos foron pasando a mans privadas e o conxunto arquitectónico do pazo foi esmorecendo ata quedar totalmente abandonado a principios dos anos 90.  En 2007 o Concello fíxose coa propiedade dos xardíns e o 29 de novembro de 2010 tamén coa do pazo, iniciando un longo proceso de rehabilitación de todo o conxunto que se prolongou desde 2008 ata 2014 e no que se investiron a través de distintas actuacións arredor de 1.5 millóns de euros

 

Share.