Os Venres en Sansa! estréanse con forza

0

O pasado venres arrancou a programación municipal que se desenvolverá  ata fin de mes co obxectivo de achegarlle á mocidade unha oferta de lecer alternativa. Nesta primeira sesión houbo catro propostas: introdución aos drons, mindfulness, zumba e unha ruta de BTT nocturna entre San Sadurniño e Bardaos. En total xuntáronse 60 participantes entre rapazada e xente que pasaba ben dos 35 anos e só houbo que suspender a actividade de agility canino por falla de inscricións. 

Lembramos que o próximo Venres en Sansa! é o próximo, día 16. O prazo de inscrición finaliza este mércores e para iso fará falla pasar pola Casa da Cultura en horario de mañá entregando alí a ficha correspondente. Tamén pode deixarse polas tardes na Biblioteca municipal, entre as 15.30 e as 20.30h.
Na segunda sesión do programa haberá paintball. Unha actividade con grande tirón entre a mocidade xa que as 60 prazas que se ofrecían esgotáronse ao pouco de publicitar o Venres en Sansa!. Ademais deste xogo -que se desenvolverá no merendeiro da presa de Mera de 19 a 21.00h.-, na Casa da Cultura teremos das 20.00h. á 1 da mañá un campionato de Playstation e Wii sen que se fixase límite de inscricións. As dúas actividades restantes terán lugar no patio cuberto do CPI:  outra vez o obradoiro de agility canino (9 persoas con can) e, por último, unha sesión de cociña creativa con 15 prazas.
Toda a programación tanto deste Venres en Sansa! como do derradeiro -o venres 30-  pode consultarse nesta ligazón.
Xuño deportivo
Por outra banda, o domingo pola mañá tamén  se fixo a tradicional ruta de sendeirismo organizada polo Concello, na que participaron 10 persoas facendo un tramo do sendeiro do Río Castro. A actividade forma parte do programa Xuño deportivo, que tamén ofrece unha xornada de deporte nas augas da ría de Ares o próximo sábado -windsurf, paddle surf e kaiak- e, xa o 25, a tradicional ruta ciclista en familia.
Quen queira apuntarse en calquera das saídas do Xuño deportivo debe inscribirse na Casa da Cultura en horario de mañá ou enviarlle un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.
Fóra do Xuño deportivo temos, ademais, dúas camiñadas parroquiais pendentes: unha por Naraío hoxe luns pola tarde saíndo da Capela de Santa Mariña e outra por San Sadurniño o día 20 con saída da Casa da Cultura. Non é necesario inscribirse, abonda con estar no punto de encontro ás 16.30h.
Desde o Concello aconséllase -igual que para a ruta de sendeirismo- levar roupa cómoda e clara -mellor chaleco reflectante-, calzado sen tacón que non sexa de estrea, calcetíns de algodón, gorra, bebida e algo de comer.
Share.