Os tres grupos municipais pechan filas ao redor do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal

0

O pleno ordinario do mes de setembro desenvolveuse na tarde deste xoves nun ambiente presidido polo debate cordial que deixa varios titulares. O primeiro deles é a coincidencia de BNG, PP e PSOE no apoio á integración de San Sadurniño nunha nova asociación que terá como obxectivo coordinar as accións do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal e, de obterse a distinción, tamén ser o máximo órgano de xestión desta figura avalada pola UNESCO. Outro dos temas destacados foi a aprobación dunha transferencia entre partidas do orzamento por un importe global de 18.000 euros para reforzar os fondos dedicados ao mantemento viario. Temas de relevancia debatidos onte tamén foron a retirada da orde do día da información sobre a liquidación do orzamento de 2018 por mor dun erro de tipo técnico detectado no documento xusto despois da convocatoria do pleno e, sobre todo, o acordo entre BNG e PP para esixir do goberno central a transferencia aos concellos dos fondos da Participación dos Ingresos do Estado. Adoptando un posicionamento alonxado das teses de partido, o PP local aceptou unha emenda á totalidade da súa propia moción para incorporarlle os postulados do BNG en demanda dunha reforma do modelo de financiamento local para  que se teña en conta a diferente realidade territorial e social de Galicia.

Este tema, proposto polo PP no apartado de mocións, foi un dos que máis debate xerou de toda a sesión. A portavoz do grupo, María Belén Trigo, expuxo un texto que, en primeiro lugar, tivo que superar a votación da súa urxencia para ser incorporado ao pleno. O BNG aceptouna, mentres que o representante do PSOE, Lois Anxo Rodríguez, cualificou o movemento do PP de “electoralista” e “inoportuno” a tan só seis semanas de novas eleccións. O trasfondo da cuestión estaría no bloqueo das transferencias estatais ás comunidades autónomas -os famosos 700 millóns de euros para Galicia- e tamén aos municipios, dentro do apartado da Participación de Ingresos do Estado.

Para o PP o goberno  estaría cometendo unha “indisciplina fiscal” e “atacando” a autonomía das comunidades e concellos, “escudándose” para iso en que nestes momentos o Estado se encontra cun orzamento prorrogado e cun goberno en funcións.  Segundo o Partido Popular, a postura do executivo de Pedro Sánchez “impide cubrir servizos básicos” e, neste sentido, o texto inicial da moción esixía o cumprimento inmediato das obrigas económicas e financeiras cos concellos e, nomeadamente, co de San Sadurniño; ademais de reclamar máis fondos para atender o incremento das retribucións do persoal público. A proposta finalizaba coa petición dunha convocatoria urxente da Comisión estatal de Administración local para dar conta da “situación creada” e abordar “solucións inmediatas”.

A portavoz do BNG, Mari Carme Muíño, sinalou que o contido da moción estaba “alonxado da realidade dos concellos galegos” e cualificouno de “superficial” por non afondar na que, para o grupo nacionalista, é a raíz da cuestión: un modelo de financiamento “uniformista” que non ten en conta a realidade de Galicia. Segundo Muíño, o PIE achega a outras partes do Estado unha media de 225€ por habitante, mentres que en Galicia son só 180€ por mor dun modelo “insuficiente e inxusto” que obvia que aquí os custos de prestación dos servizos son máis elevados “polo avellentamento e a dispersión territorial”.

En base a estes argumentos e a pesar de considerar a moción popular unha maneira de “facer campaña” cara ao 10-N, o BNG propuxo coa súa emenda recoller as demandas do PP e, a maiores, instar ao Goberno do Estado á “reforma urxente” do finanzamento local de maneira que o novo modelo “incremente a contía do PIE e que dita participación se integre nos orzamentos da Xunta de Galicia”. O grupo nacionalista incorporou tamén a petición de que ese novo escenario teña en conta o maior custe dos servizos derivado do avellentamento e da dispersión da poboación. En contra do agardado polo grupo de goberno, o PP aceptou os postulados nacionalistas -coincidentes coas demandas da FEGAMP- e votou a favor da moción, que saiu adiante  cos 7 votos do BNG e os 3 do PP, mentres que o representante socialista se abstivo insistindo, ademais, en que boa parte dos problemas de finanzamento dos concellos se deben “ao bloqueo do remanente impulsado pola Lei Montoro”, que lles impide aos municipios facer investimentos malia ter recursos económicos suficientes.

Pero antes de chegar aquí, o pleno abordou outras cuestións. Foi o caso do acordo de adhesión ao convenio suscrito entre a Xunta e a Administración xeral do Estado para implantar a plataforma de xestión TEDEC -a favor BNG e PSOE e abstención do PP- e da modificación do regulamento da EIM A Rolada apoiada polos tres grupos, aínda que despois o Partido Popular se desmarcou cunha abstención da conseguinte modificación da ordenanza fiscal, afectada polos cambios no regulamento.

No quinto punto da orde do día analizouse a proposta de entrada de San Sadurniño nunha nova asociación creada polos sete municipios integrados no Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal. O que se trouxo á sesión foi a validación dos estatutos dunha  entidade que terá por obxectivo inmediato avanzar no deseño da candidatura e, de obterse o distintivo, ser tamén o máximo órgano de xestión do xeoparque.

O finanzamento da asociación obterase por contribucións dos municipios membros -segundo criterios de poboación-, ademais de estar aberta a achegas doutras administracións. O órgano terá o seu primeiro domicilio social en Moeche, celebrará un mínimo de dúas asembleas anuais e os mandatos serán por dous anos. Os estatutos incorporan tamén a figura do “membro amigo” para entidades públicas ou privadas vencelladas co territorio ou co proxecto que terán  voz pero non voto. Tanto o PP como o PSOE mostraron o seu apoio incondicional á iniciativa por considerala “moi interesante” para o coñecemento do patrimonio xeolóxico e para o desenvolvemento do territorio.

A unanimidade tamén se reproduciu na moción rexistrada pola Asociación de Empresarios de Ferrolterra relativa á demanda dun Corredor Atlántico Ferroviario  cun trazado polo norte que conecte Monforte con Ferrol e A Coruña, ademais do xa previsto polo sur ata Vigo. Para o BNG -quen defendeu o texto inicialmente- o actual deseño suporía “un agravio para a comarca”, habida conta de que Ferrolterra, Eume e o Ortegal xa están “nunha situación moi vulnerable”.

Tras saír adiante a moción, a corporación someteu a votación a modificación de créditos para traspasar fondos dispoñibles do capítulo 4º do orzamento -o das transferencias correntes a entidades e acción social- ao apartado 2º de investimentos, co obxectivo de reforzar a partida destinada ao mantemento da rede viaria. Son un total de 18.000 euros que se recollen de apartados que se sabe que non van precisarse de aquí a finais de ano e que, polo tanto, se poden empregar noutras consignacións económicas que van máis xustas de orzamento. A favor desa transferencia de fondos estiveron BNG e PSOE, mentres que o PP optou pola abstención.

En relación coas cuestións económicas, o pleno tamén debía tomar en consideración a información sobre a liquidación do orzamento de 2018. O punto foi retirado da orde do día tras detectar o departamento contable do Concello un erro no cómputo das cifras, o que obrigará a refacer completamente o documento -así como o informe da Conta Xeral- xa que del se desprende información importante como a do cumprimento da regra de gasto, do límite de débeda e do equilibrio orzamentario. O secretario interventor xa adiantou que a corrección do fallo atopado xusto despois de convocar o pleno ofrecerá cifras “aínda mellores” que as reflectidas inicialmente.

A dación de contas sobre a liquidación quedou adiada, polo tanto, para unha próxima sesión. O mesmo ocorreu cunha moción do PP sobre o Alzhéimer, que os tres grupos acordaron debater máis adiante, unha vez que tivesen tempo de examinar con detemento a proposta para poder tratala con maior rigor.

Rogos e preguntas
Ao ser pleno ordinario, o deste xoves á tarde rematou co apartado de rogos e preguntas, case todas achegadas polo PP. Os temas tratados foron a disposición de locais para grupos políticos; os problemas que, segundo o Partido Popular, ten o equipamento da Casa da Xuventude; o amaño do paso peonil do CPI -que a empresa adxudicataria da reforma de toda a avenida reparará aproveitando que andará pola zona nos próximos días facendo outros aglomerados-; a petición de información sobre se o Concello presentara ou non alegacións ao plan de transporte comarcal; a solicitude de información sobre os prezos públicos para visitas guiadas ao arboreto e a horta de conservación da Cortiña; a valoración por parte do executivo local do proceso de ordenación do arquivo municipal; a petición de que a Secretaría municipal custodie os audios dos plenos e, por último, unha batería de cuestións plantexadas polo concelleiro José Luís Hermida pedindo información sobre as obras de recheo acometidas na zona da Bidueda, solicitando a ampliación de parques infantís e inquirindo ao executivo sobre o presunto mal funcionamento do contador da auga na casa de turismo rural do Outeiro, cuestión esta última que provocou o único momento máis ou menos crispado do pleno.

Pola súa banda, o edil do PSOE, Lois Anxo Rodríguez preguntou pola posibilidade de crear mesas de traballo -a maiores das comisións e sesións plenarias- para tratar máis a longo prazo temas relacionados cos proxectos e políticas municipais. Unha posibilidade que, segundo Secundino García, xa estaría cuberta polo regulamento de participación do que dispón o Concello.

Unha vez que se levantou a sesión abriu a quenda de intervencións do público. Só houbo unha dun veciño de Naraío preguntando polos motivos de que a maquinaria municipal deixase un tramo sen rozar diante do seu domicilio.

Share.