Os Orzamentos 2021 e os investimentos do POS+ irán a pleno este xoves

0

O pleno ordinario do último xoves de xaneiro leva como asuntos principais o debate e votación do Orzamento Municipal de 2021 e tamén a forma en que se van distribuír os fondos do POS+ da Deputación da Coruña, para os que o Goberno local presentará unha batería de proxectos centrados na rede viaria e outros investimentos, aínda que tamén se destinará unha parte a gasto corrente. O montante total con importes xa comprometidos ascende a 393.000 euros, xunto con outros 117.600 para gasto social extraordinario. Na sesión tamén se votarán proxectos por valor de 421.300€ do Plan Complementario 2021 que se executarían na medida en que o ente provincial libere fondos a maiores para poder levalos a cabo. Ademais, á marxe do POS+, o Concello de San Sadurniño ten previsto  solicitarlle á Deputación, en colaboración con Moeche, unha subvención nominativa para aglomerar o eixo viario que une A Camba (Ferreira) co lugar da Ponte do Sur (San Xurxo), cun custe total de 275.000 euros. A Deputación asumiría o 80% e os municipios o 20% restante a partes iguais. Porén, o punto máis trascendental da sesión será o debate duns orzamentos que deberán darlle resposta a un contexto de crise provocado pola pandemia. Neste sentido, a proposta do Executivo local cifra as contas en 2.943.704 euros, que supoñen unha diminución de 80.000 euros -un 2,65%- con respecto ás prorrogadas de 2019, aínda que redistribuíndo partidas que teñen que ver co gasto social para que teñan un maior peso específico durante o exercicio.

O pleno desenvolverase a porta pechada na Casa da Cultura a partir das 19.30h. deste xoves 28 de xaneiro e, ao ser ordinario, incorpora todos os puntos habituais deste tipo de sesións, como son a toma de razón das resolucións da alcaldía desde o pleno anterior ou o apartado de rogos e preguntas.

Porén, a parte resolutiva leva como primeiro tema relevante o debate e votación do Orzamento Municipal de 2021, que vén substituír as contas prorrogadas de 2019 que estiveron en vigor durante todo o ano pasado.

A contía total no apartado de ingresos e gastos sitúase nos 2.943,704 euros, é dicir, 80.000 euros menos que o exercicio anterior. Esta diminución comparativa vén dada polo feito de que o orzamento de 2019 recollía a subvención nominativa para as obras de consolidación que se efectuaron durante ese ano no castelo de Naraío -188.000 euros- e tamén os 28.000 euros asignados pola Deputación para os contratos temporais do PEL. Se restásemos da comparativa estas dúas partidas puntuais que xa se coñecían e incluíron no momento de aprobar o orzamento de 2019, obteriamos que, en relación co anterior, o orzamento para 2021 non baixaría un 2,65%, senón que subiría preto dun 5%.

Ademais, segundo se reflicte na memoria da alcaldía, agárdanse novos aumentos nas partidas que se trasladarán ao documento orzamentario tan pronto como se concreten. Sería o caso, por exemplo, da inxección de 56.000 euros para o programa de emprego PEL, outros 80.000 correspondentes ao POS Social dirixido á contratación de auxiliares de axuda no fogar -en ambos casos da Deputación da Coruña- e a previsible achega da Xunta para o APROL Rural relativo á contratación de persoas desempregadas para efectuar labores de conservación en espazos públicos.

Nos apartados de ingresos prevense cifras moi similares ás do ano pasado en canto a contías fixas achegadas por outras administracións e á recadación por taxas e impostos, onde non se contemplan subas. Onde si hai cambios substanciais é no de gastos: increméntase nun 8,86% o capítulo de persoal para asumir a aplicación dos criterios retributivos recollidos na nova RPT, tamén aumenta o Capítulo 2 -o relativo ao funcionamento de servizos- debido principalmente ao mantemento da EIM A Rolada e, por último, tamén soben os apartados dedicados a colaborar con entidades e familias. Destaca neste último caso o aumento ata os 40.000 euros da partida para bolsas de estudo e a creación dunha reserva de 15.000 euros para colaborar con aqueles colectivos veciñais que queiran impulsar traídas de auga comunitarias. As contías para asociacións veciñais e culturais e clubes deportivos, así como os convenios nominativos, mantéñense invariables.

Distribución do POS+
O seguinte grande apartado do pleno deste xoves vai moi relacionado co anterior, xa que se abordará a aprobación dos proxectos que se acollerán ao financiamento provincial do POS+ 2021 e tamén do POS+ Adicional dirixido a gastos sociais extraordinarios. O total consignado para San Sadurniño son 556.292 euros, dos que cómpre restar algo máis de 46.000 euros en forma de préstamo que o noso Concello non vai solicitar.

Por capítulos, o consistorio dedicará 194.130€ a gasto corrente e 198.935 a investimentos na rede viaria: un proxecto de pavimentación en Portolamas, nos lugares da Curuxa de San Sadurniño e Igrexafeita e máis no Chao de San Cristovo; outro entre a Longra e Riolimpo -Naraío-; un terceiro proxecto de aglomerado e senda peonil desde A Torre á Sanguiñeira -Bardaos- e, por último, a execución do tramo intermedio que faltaba por licitar no eixo viario O Eirexado-Límite coa Capela, que servirá para aglomerar desde Lourido até Quintiá.

Alén destes, o Concello tamén terá que anticipar os proxectos do chamado Plan Complementario, que sairían adiante no caso de que a Deputación achegue fondos para executalos, sexan todos eles ou só unha parte. Son cinco: o aglomerado Riolimpo-O Castelo, A Fraguela-O Castelo e desde a AC-125 até A Fraguela pasando por Vilarxá (Naraío); a merca dun tractor para efectuar rozas e a mellora da envolvente da Casa da Cultura. O sumatorio total ascende a 421.303 euros.

No tocante ao POS+ Adicional percibiranse 117.654,69 euros para gastos de tipo social extraordinarios que o Concello cadrou da seguinte maneira: 27.000 para axudar ás familias con gastos que faciliten a escolarización, material informático e acceso aos medios dixitais; 80.000 euros para ampliar o servizo de axuda a domicilio;  7.654,69 euros destinados a conciliación e 3.000 euros para sufragar parte dos custes do equipamento de protección utilizado polo SAF e o persoal de Servizos Sociais.

Proxecto conxunto con Moeche
O terceiro tema que se debaterá no pleno do xoves é a solicitude dunha subvención nominativa á Deputación da Coruña para levar a cabo, en colaboración con Moeche, o aglomerado e ancheado da pista que vai desde A Camba (Ferreira) até a Ponte do Sur, na parroquia modestina de San Xurxo.

Son arredor de 4 Km de trazado compartido por ambos municipios cuxa mellora requeriría un investimento de 275.000 euros. O acordo que se someterá a votación refírese á petición de financiamento provincial, de maneira que a Deputación asuma o 80% do custe.

Share.