Os dous duendes da Agra agasállannos cunha mensaxe de forza

0

Pouco podía imaxinar María Natividad Quindós y Villaroel que o enreixado do seu pazo se había converter no futuro en soporte para as máis diversas reivindicacións. Nel lévanse pendurado unha chea de carteis e faixas pedindo unha sanidade pública de calidade, a restitución do servizo de pediatría -seguimos sen el-, reclamando carga de traballo para os estaleiros da ría, esixindo unha transición ecolóxica xusta para As Pontes e o resto da comarca, manifestándose a prol da igualdade entre homes e mulleres, etc.. Mensaxes que se facían ver aproveitando o tránsito da estrada de Ortigueira, o trafego diario da beirarrúa e as constantes entradas e saídas do Concello. O Estado de Alarma deixounas case sen público e agora, co progresivo levantamento das restricións á mobilidade, as barras de ferro acabadas en punta de lanza volven recuperar esa función que nin a marquesa nin o propio consistorio pensaron que terían algún día. Desde hoxe hai un novo cartel que non reivindica nada, senón que nos dá forza e tamén esperanza para lograrmos entre todas e tododos saír da crise. Asínano Marina Goti e Carlos García, os 2 Duendes da Agra, que sempre están aí dándolle cor e optimismo a todo o que tocan.

Carlos e Marina son parella, tamén no artístico. Na parte que lle toca do tándem, Carlos pon unha creatividade e unha capacidade de traballo fóra do común, mentres que Marina se ocupa dos toques finais, de mirar as cousas con perspectiva e de algo tan importante como é encauzar dalgún xeito ese volcán de ideas en constante erupción que ten Carlos na cabeza.

Entre os dous danlle a todo. As aptitudes de Carlos son innatas e é un autodidacta que o mesmo talla con primor unha santa -a primeira figura da Santa Isabel da igrexa é obra súa- que fai unha escultura en pedra ou figuras efémeras de grande tamaño para entroidos e cabalgatas que xa quixera para si calquera peña falleira.  Tamén pinta, xa desde rapaz na escola… logo, de mocete, adobiaba cascos para os colegas, depósitos de motos, vehículos e tamén numerosas atraccións de feira ancoradas durante o inverno na súa Neda natal, terra de tiros, lanchitas, tiovivos e outros entretementos estivais aos que el tamén lles deu cor.

E a paixón converteuse en profesión. Hoxe Carlos e maila súa compañeira teñen o groso do seu negocio na decoración de espazos públicos e locais hostaleiros dentro e fóra de Galicia, sempre con motivos abraiantes e sempre coa complicidade den quen lles encarga o traballo dándolles liberdade para faceren o que queiran partindo dunha idea inicial sobre a orientación que se lle quere dar ao sitio. Ao cabo son artistas e, se se quere que xurda a maxia, hai que deixarlles facer. E eles atinan sempre, tal e como vimos, por exemplo, no inmenso mural das bancadas do campo de fútbol dos Corrás ou no interior da EIM A Rolada.

A crise sanitaria colleu aos 2 Duendes xusto nun momento de parón obrigado por motivos de saúde, polo que tiveron que interromper temporalmente os proxectos que tiñan en marcha. En certo modo a pausa cadroulles ben, a pesar de que o teléfono continúa soando. De feito, tal e como eles mesmos comentaban esta mañá, nos últimos días están recibindo moitas chamadas de locais que non teñen previsto abrir por agora e que queren aproveitar o peche forzado para darlle un novo aire ao espazo, de maneira que a volta sexa como unha inauguración, como un borrón e conta nova que lle axude á clientela a deixar atrás o mal trago. Carlos e maila súa compañeira están dispostos a asumir o reto e a axudar coa súa arte aos pequenos negocios, amoldándose se fai falla e ata onde poidan a unha recuperación que promete ser lenta e que deixará a moitos tocados economicamente.

E, mentres tanto, fan cousas de forma altruísta. Porque eles son así, porque lles gusta e porque lles peta. E tamén porque Carlos e Marina son xente de optimismo contaxioso. Se non non se explica de ningunha maneira que lle ofrecesen ao Concello facer a pequena pancarta que desde esta mañá está no enreixado do pazo. “ÁNIMO E FORZA, Sansa. Sairemos adiante unidos”, reza o deseño feito con aerógrafo sobre tea no que se representa unha paisaxe rural, iluminada por un grande sol do amencer, quizais a mellor metáfora da esperanza e dunha nova realidade á que deberemos adaptarnos dentro de pouco.

Share.