Os bares empezan a preparar a reapertura con incerteza sobre como aplicar as medidas preventivas

0

Hoxe iniciouse a Fase 0 do plan gubernamental de transición cara á “nova normalidade”. Neste primeiro período xa puideron abrir os pequenos negocios e aos restaurantes permíteselles preparar comida para que a clientela vaia recollela. Pero no caso dos bares aínda haberá que agardar uns días máis, posto que o arranque da súa actividade está previsto para a Fase 1 que, se todo vai ben, empezará o luns que vén. Durante dúas semanas só poderán atender as terrazas e unicamente nun 50% das mesas que tiveran instaladas antes da crise. Ademais, tanto clientela como persoal deberán respectar as distancias sociais e aplicar estrictas medidas hixiénicas. A menos dunha semana do cambio de fase, en moitos negocios estanse facendo preparativos para a nova etapa -limpezas en profundidade, reposición de mercadorías, posta a punto da maquinaria, etc.-, a pesar da falla de “pautas concretas e por escrito” que lles aclaren con tempo de adianto suficiente de que maneira deben actuar.

Pola mañá estivemos no café bar Del Palacio, un dos clásicos de San Sadurniño e, con total seguridade, a cafetaría máis concorrida de todo o concello. Xelo e máis Juan Gavín rexentan desde hai anos o negocio situado á beira da estrada de Ortigueira. Hoxe os dous irmáns estiveron atarefados adecentando o local tras case dous meses pechado. “Estamos facendo limpeza xeral e empezando a pensar como imos facer cando poidamos abrir”, comenta Juan. “Vémolo bastante complicado, pero queremos retomar a actividade e volver ter contacto coa clientela, aínda que só nos dea para cubrir gastos”.

Os irmáns teñen asumido que o seu local non volverá funcionar con normalidade ata comezos do verán. Aceptan con resignación a progresiva desescalada das próximas semanas, pero iso non lles quita certo malestar motivado pola falta de información detallada sobre como deben ir afrontando as distintas fases, sobre todo a número 1 que lles permitirá abrir a terraza. “Todo o mundo anda detrás de que lle dean unhas normas, unhas pautas. Non que uns poñan mamparas e outros non, xa que ao mellor logo non as precisas, senón que igual coa separación é suficiente… e, se cadra, outras cousas que non fixeches resulta que chas van esixir. Todos queremos unhas pautas concretas e por escrito, e non só para nós, senón tamén para quen teñen que vixilar que ti cumpras coas normas”.

Alén dun protocolo preciso máis aló da normativa xenérica que publicou xa o BOE, tamén piden tempo para poder levar á práctica as accións preventivas que se deban aplicar. “Teñen que avisarte con antelación. Se nolo din o día anterior ¿como imos facer?. Terían que dicírnolo hoxe, como mínimo unha semana antes, se non non poido abrir”, lamenta Juan Gavín.

E é que, por agora, o único que se sabe é o publicado no BOE de onte, onde se sinalan as condicións de reapertura da hostalaría e a restauración naquelas illas das Canarias e das Baleares que xa están na Fase 1. Son tres artigos que poden diferir dos que sexan de aplicación autorizando o cambio de fase na provincia da Coruña. A pesar de que o seu contido seguramente sexa un calco, débese tomar con certa cautela ante a posibilidade de poida haber cambios ou matices:

  • artigo 12, que permite abrir as terrazas de bares, cafetarías e restaurantes aínda que só nun 50% das mesas que tiveran autorizadas polo Concello o ano anterior. Poderán ampliar o seu número con autorización municipal,  pero sempre sen exceder a proporción dun cincuenta por cento entre mesas e espazo dispoñible. O terceiro apartado do artigo tamén autoriza ata 10 persoas por mesa -ou por mesas agrupadas- que, en todo caso,  deberán manter a “distancia mínima de seguridade interpersoal”. Non se dá cifra, pero sobreenténdese que son os 2 metros de rigor que se estableceron para outras normas e noutros apartados da orde.
  • No artigo 13 márcanse as medidas hixiénicas e preventivas para prestar o servizo nas terrazas. E aí hai moito que facer: limpeza e desinfección de mesas e cadeiras entre un cliente e outro; manteis dun só uso e cartas electrónicas ou en pizarra en vez de follas plastificadas; posta á disposición do público de xeles virucidas rexistrados e autorizados por Sanidade; fomento do pagamento con tarxeta ou móbil; desinfección dos tpvs se quen os usan son persoas distintas: eliminar produtos de autoservizo como servilleteiros, palilleiros, aceiteiras, vinagreiras, etc.; os aseos só poderán estar ocupados por unha persoa -salvo que precise asistencia- e han de limparse e desinfectarse un mínimo de 6 veces ao día.
  • artigo 14 da orde que regula a entrada en Fase 1 das illas de El Hierro, La Gomera, La Graciosa e Formentera tamén abrangue varias consideracións para o persoal que traballe no bar ou restaurante: cumprir con todas as obrigas de prevención de riscos, tanto xerais como as referidas á COVID-19; uso obrigatorio de mascarillas de protección para atender a clientela cando non se poida manter a distancia de 2 metros; organización das quendas e dos postos de traballo para asegurar a separación física; obriga de abandonar o posto de traballo se se notan síntomas da enfermidade, etc.

No bar Del Palacio toman en serio as recomendacións e inciden en que “o importante é garantir a seguridade da clientela”. Por iso, ademais de ter xa mascarillas, luvas e xel, tamén encargaron un canón de ozono “para desinfectar todas as zonas ás que non se pode chegar. A ver se o damos conseguido rápido, porque o provedor díxonos que están desbordados pola demanda”, asegura Juan Gavín.

No establecemento tárdalles abrir, aínda que sexa con perdas ou quedando a pré. “No económico sabemos que os primeiros dous meses en que a xente se vaia adaptando, perdendo o medo… pois a ver se cubrimos custes”. E é que a incerteza económica súmase á do necesario cambio nos hábitos diarios. Os Gavín botan contas: “non sabes se vas traballar o 20% ou canto porque, realmente, agora é o 50% da terraza, pero o resto do negocio está pechado. Entón… ti vas traballar o 20%, vas ganar o 20%… ¿e canto che van cobrar de seguridade social, canto che van cobrar de impostos, vas seguir pagando o mesmo?, aínda que nós xa contamos con que imos ter que pagalo. Entón, polo menos cubrir gastos na primeira quincena e cando se pase á segunda fase, que xa vas poder ter as mesas de dentro, empezar a ganar algo”.

A pesar de todos os pesares, Xelo e Juan afrontan a nova situación “con ilusión”. Mamaron a hostalaría, gústalles a súa profesión e, ademais, o seu bar -coma todos os bares do rural- é coma unha grande familia á que agardan poder ver de novo. “A maior parte da clientela son amigos e xente coa que che gusta estar, aínda que esteas traballando. Nós levamos moitos anos,  a nosa clientela é de moitos anos vindo a diario ou moi a miúdo e ese contacto bótalo en falta. A ver se pouco a pouco vai volvendo a normalidade”.

Incertidume tamén nos restaurantes
Onde a cousa parece que vai para máis adiante é nos restaurantes. Nestes momentos só poden servir a domicilio e tamén abrir para a entrega de encargas que se fagan por teléfono ou web.

Porén, no caso dos de San Sadurniño esta non é unha opción que permita soster o negocio. Tampouco o é poder atender unicamente en terraza, algo permitido a partir da semana que vén. De feito, dos seis restaurantes e casas de comidas que hai no municipio só dous traballan habitualmente servindo comidas no exterior: O Muíño do Pepe e o Mesón A Granxa.

Manuel Romero, responsable deste último restaurante, ten claro que vai agardar á chegada da Fase 2, prevista -indo todo como ten que ir- para dentro de tres semanas. “Se soubésemos que imos ter bo tempo de agora en diante, quizais poderiamos atender unicamente en terraza xa que temos moito sitio para facelo. Pero Galicia non é Canarias e é arriscarse moito. Nós imos agardar a que se poida traballar na terraza e no interior, aínda que sexa ao 50%”.

Unha alta porcentaxe da clientela dos restaurantes da ribeira do Xubia provén doutros municipios, como Narón ou Ferrol, de maneira que as restricións dos desprazamentos que agora están en vigor tamén pesan á hora de retrasar a apertura. “Mentres non estea claro o tema da mobilidade tampouco ten moito sentido abrir”, indica Romero ao tempo que se suma á reclamación dos irmáns Gavín dun protocolo claro e conciso que sirva de guía de referencia para a hostalaría á hora de afrontar o traballo en cada unha das fases da desescalada.

Share.