¿Onde toca esta fin de semana?

0

Pois esa pregunta ten resposta doada: esta fin de semana de ponte toca andar de troula desde o sábado ata o martes sen saír dos límites de San Sadurniño. E é que esta fin de semana temos a festa do San Roque en Naraío, que empatará o luns e mailo martes coas da Esperanza en Santa Mariña do Monte. E como non todo van ser enchentes e longas sobremesas, tamén teremos algo de deporte o domingo á tarde coa disputa do Trofeo Concello de San Sadurniño de fútbol entre o Narahío e o Sansa. O derbi xogarase no campo da Veiga  a partir das 18.00h. 

O patrón na parroquia de Naraío arrancará o sábado ben cedo coas alboradas a base unicamente de “fuegho”, posto que o percorrido das gaitas se reserva para a tarde co obxectivo de que a agrupación convidada este ano -o Cuarteto de Trasancos, de Neda- atope as casas cheas de xente. Este mesmo esquema será o que se repita o domingo e, ademais, os dous días haberá misa na honra do San Roque e de Santa María… e se hai quorum suficiente para portar as imaxes, tamén procesión.

Do adro da igrexa a actividade saltará ao lugar da Veiga -14.00h.- para gozar dunha sesión vermú animada o sábado pola orquestra Panamá que, xa pola noite -a partir das 22.30h.-, se batirá en termos musicais coa orquestra Hiroshima.

O domingo, segundo día de festra e véspera de luns que para moitos e moitas será de ponte, a misa volverá celebrarse ás 13.00h. e tanto a sesión vermú como a verbena serán cousa da orquestra  Alaska. Pola noite esta formación compartirá a responsabilidade de animar a verbena co grupo Boomerang.

Porén, antes de chegar á traca final do San Roque temos fútbol.  Ás 18.00h., será cando se dispute o trofeo de fútbol municipal. Unha competición que historicamente se celebra en Naraío a mediados de agosto, haxa ou non haxa festa.

Nesta XXV edición do trofeo volverán enfrontarse o equipo anfitrión, a UDC Narahío, e o CF San Sadurniño, que xa en 2016 ofreceron unha intensa final con victoria para os locais. Os dous equipos xogarán na 2ª Autonómica na liga 2017-18, aínda que en grupos separados durante a primeira fase, igual que na temporada pasada. Levan varios días afinando as súas escuadras e preparando o noso clásico -o de San Sadurniño-  que nunca defrauda en canto a emoción e deportividade.  Ademais, a directiva da UDC Narahío tamén botou varias xornadas “cuerpo a tierra” como adoita dicirse para que o campo estea a punto, logo de ter sufrido hai escasos días un ataque porcino que deixou un terzo do terreo de xogo cos terróns do revés.

Nosa Señora en Santa Mariña
E quen pensase que o domingo acababa todo, equivócase. Porque o luns e o martes tamén hai festa na outra punta do concello coa celebración en Santa Mariña do Monte da Nosa Señora da Esperanza, xusto ao pé da capela que leva o mesmo nome.

O luns ás 13.00h. haberá misa na capela e, posteriormente, unha sesión vermú animada pola orquestra Ría de Arosa. Pola noite, na verbena, actuará esta mesma orquestra na compaña do Dúo Diamante.

O segundo día das festas da Esperanza será o martes 15, día festivo e día no que o quilo de orquestra se pon máis caro que o de percebe. Volverá haber misa -13.00h.- e sesión vermú, aínda que desta vez cunha duración algo máis longa debido a que pola noite non se celebrará verbena. Actuará o grupo La Clave.

 

 

Share.