Óliver Laxe vencella de novo o ser humano coa natureza

0

Levamos unha semana de retraso dando conta das estreas da última edición do Chanfaina Lab. O venres pasado vimos un sorprendente filme de Abel Vega -do que falaremos nos próximos días-, pero aínda nos quedaba por comentar a peza de hai quince días, asinada por Óliver Laxe. Un dos pesos pesados da nosa creación audiovisual que se sumou ao Chanfaina ‘Lab en 2017 filmando “O salvaxe. Leva o seu tempo”, onde relicte a relación humana co cabalo. Un argumento que se trascende aos escasos segundos da metraxe gracias aos comentarios vitais que fan o propio director e a súa compañeira Nadia Acimi, experimentada amazona que vai debullando esa simbiose a xeito de vídeocarta que lle envía aos seus fillos, Esteban e Käina. O director premiado en Cannes por dúas veces asumiu o reto do Chanfaina ‘Lab deixando a un lado a planificación e botándose ao monte das ideas que cómpre aproveitar, das historias que aparecen e que se van construíndo diante da cámara a base de xestos, palabras e miradas. A web Fálame de San Sadurniño resume así a peza e a traxectoria do autor:

Óliver Laxe naceu en París en 1982 no seo dunha familia de emigrantes galegos. Cando tiña seis anos regresaron a Galicia para instalarse na Coruña. Despois de estudar cine e realización na Pompeu Fabra de Barcelona, marchou a Londres onde realizou en 2006 a curtametraxe en 16 mm. “E as chemineas decidiron escapar” en colaboración con Enrique Aguilar. Ata o verán do 2017 residiu en Marrocos. Alí realizou en 2007 “Soa a trompeta, agora vexo outra cara”. Nese mesmo ano volve a Galicia para filmar a curtametraxe en 16 mm París #1, que obtivo o primeiro premio no Filminho e o premio ao mellor documental galego no PlayDoc. En Tánxer creou e desenvolveu Dao Byed, un obradoiro de creación cinematográfica en 16 mm. con nenos en situación de exclusión social. “Todos vós sodes capitáns”, nacido no marco desta experiencia, foi a súa primeira longametraxe. Estreouse internacionalmente na Quincena de Realizadores do Festival de Cannes do 2010, onde gañou o premio FIPRESCI. Coa segunda longametraxe, Mimosas (2016) gañou o Gran Premio da Semana da Crítica de Cannes e foi escollida pola revista “The New Yorker” entre os 35 mellores filmes do ano 2017 estreados nos Estados Unidos. Actualmente está a filmar a súa terceira longametraxe “Aquilo que arde” nas terras bravas do Courel.

Óliver participou no Chanfaina Lab nunhas circunstancias verdadeiramente especiais. Tras case dez anos residindo en Marrocos, chegou a San Sadurniño literalmente co camión da mudanza ás costas e xunto coas cousas de toda unha vida. Como él mesmo explica:”Gravamos esta carta cinematográfica xusto ao chegar coa nosa mudanza a Galicia tras moitos anos vivindo en Marrocos. Estábamos moi moi cansos da viaxe. Deixáronos unha cámara de vídeo para facer a peza no marco do Chanfaina Lab; facía anos que non operaba unha cámara e a sensación era estraña. A verdade é que non tiñamos moitas intencións nin buscábamos nada, simplemente retratar o momento que estabamos a vivir. Penso que isto é interesante. Cando como cineasta me poño a buscar e me poño tenso con intencións, proxeccións ou coa técnica non aparece nada: as angustias e os medos son inimigos da creatividade. Desta volta, a verdade é que estábamos moi tranquilos, intentábamos pasar un bo momento tras o estrés da mudanza e dos moitos cambios que se produciran nas nosas vidas. A Nadia gústanlle moito os cabalos, ten unha conexión especial con eles. Cos cabalos síntese verdadeiramente libre.”

“O salvaxe leva o seu tempo” é un anaco de vida cargado de sentido e verdade, filmado por un dos directores mais singulares que ten dado o audiovisual galego na súa historia. A paixón polos cabalos de Nadia Acimi, a compañeira de Oliver, será o punto de partida para explorar a relación humana co cabalo. O cineasta debulla esa simbiose a xeito de videocarta enviada por Nadia aos seus fillos, -Esteban e Kaïna- para explicarlles como é a terra na que van comezar a vivir.

Na primeira parte contextualiza a figura do cabalo vencellada á historia e o progreso da humanidade, pero tamén ao lado máis escuro como as guerras e o dominio cruel sobre o animal. A segunda parte lanza unha mensaxe de comuñón coa natureza e de volta á orixe, cando a relación persoa-animal era unha relación case de igual a igual. O filme foise construíndo libremente diante da cámara, sentimento a sentimento, fluíndo ao natural, para reflectir verdade a base de xestos, palabras e miradas como ese “cine con alma” que sempre reivindica Oliver e que nesta ocasión resultou felizmente:”Estou moi contento con esta película, penso que é unha das máis vivas de todas as que fixen”. Porque toda ela flúe coma a auga cristalina dunha fervenza de primavera, pola frescura e naturalidade elegante que agroma por todos os poros e píxeles da peza. Un fermosísimo filme feito co corazón e cara o corazón, emoción e poesía, un agasallo para San Sadurniño dun dos cineastas mais universais e relevantes da nosa terra.

Share.