O venres empeza a funcionar a oficina de asesoramento á veciñanza afectada polo “catastrazo”

0

Case con total seguridade, a partir deste xoves 14 de xuño empezarán a chegar aos domicilios das persoas afectadas as notificacións do Catastro referidas ao proceso de regularización de bens iniciado de oficio en San Sadurniño por este organismo dependente do Ministerio de Facenda. A regularización coñecida como “catastrazo” supón a alta automática daqueles inmobles -ou as variacións feitas neles- que non constasen nas bases de datos do ente estatal e, ao mesmo tempo, a obriga de pagar 60€ por cada ben dado de alta, ademais da contribución dos últimos catro anos. Deste xeito, e de cara a que as persoas afectadas poidan presentar alegacións ben fundamentadas, o Concello porá en marcha este mesmo venres unha oficina de asesoramento gratuíto, que atenderá os luns, mércores e venres entre as 10 e as 15.00h.

En San Sadurniño as notificacións son arredor de 700 de diverso tipo e, ademais, poden vir con erros ou con información equivocada. Por exemplo, nunha fotografía tomada a grande altura unha simple lona no chan pode ser confundida cunha nova construción e mesmo unha sombra proxectada pola luz da foto pode ser interpretada polo Catastro como unha ampliación da vivenda non declarada. E é que todo este proceso de regularización estatal tirou maiormente do cotexo automatizado de planos e imaxes aéreas tomadas en distintas épocas e só en casos moi puntuais se fixeron inspeccións de campo.

Alén dos erros que poidan conter as reclamacións do Catastro – que implican 60€ polo traballo de regularizar cada ben-, o problema de fondo é que, neste caso, se descarga a responsabilidade da proba nas persoas afectadas. É dicir, o Catastro di unha cousa que pode estar equivocada -segundo a experiencia doutros municipios hai unha alta porcentaxe que o está- e é o veciño ou veciña quen ten que demostrar que os datos son erróneos, con toda a dificultade que iso entraña cando non se ten costume de manexar planos, medidas, referencias catastrais nin moito menos ordenadores e sinaturas electrónicas para acceder por vía telemática aos nosos datos e ver onde está o problema.

Tendo en conta esta realidade e para que, de ser o caso, a veciñanza poida defender os seus dereitos perante o Ministerio de Facenda, o Concello porá en marcha desde este mesmo venres unha oficina a través da que solventar dúbidas e preparar as alegacións das persoas afectadas. Trátase dun servizo gratuíto que atenderá os luns, mércores e venres entre as 10 e as 15.00h. na oficina situada ao pé do salón de plenos.

De cara a facilitar a revisar as cartas e preparar as posibles alegacións é moi importante que os usuarios e usuarias fagan o seguinte: por unha banda imprimir a información integrada no Código CSV da Sede electrónica do Catastro ao que fai referenza a notificación, xa que ese código é o que permite acceder á información de todo o expediente; e, por outra banda, levar á oficina habilitada polo Concello dúas copias de toda a documentación á que se refire o punto anterior.

O Pleno pediu que San Sadurniño quedase fóra do “catastrazo”
Foi no penúltimo día do ano 2016 cando o Boletín Oficial do Estado anunciou o listado dos 79 concellos galegos -un deles San Sadurniño- afectados polo proceso de regularización catastral emprendido polo Ministerio de Facenda e Función pública. En todos os casos o Estado está dando de alta de oficio aquelas edificacións de máis de 15 m² que non consten nos rexistros das xerencias territoriais, incluídas palleiras, galpóns e cortes que noutro tempo formaron parte de explotacións agrarias pero que hoxe xa non están vencelladas a ningunha actividade económica.

Ademais, malia actuar de oficio, o Catastro esixirá o pagamento dunha taxa de 60 euros por cada construción que dea de alta ou que, ao seu entender, sufrise variacións estruturais non declaradas. Neste sentido, a regularización tamén implica ter que satisfacer os atrasos da contribución dos últimos catro anos.

Xa no momento da súa publicación no BOE o anuncio causou malestar no Concello polo feito de que o pleno municipal acordara meses antes solicitarlle ao ministerio que San Sadurniño quedase fóra da regularización. As razóns expostas no pleno -e tamén nun escrito remitido á Xerencia Rexional do Catastro no mes de abril de 2016- argumentaban a petición en que no municipio xa se fixera unha regularización catastral entre os anos 2011 e 2015 e, ademais, que San Sadurniño se encontraba inmerso na tramitación do seu PXOM, circunstancia esta última que aconsellaría agardar a que o planeamento estivese aprobado -coa conseguinte variación nas cualificacións urbanísticas- para facer calquera revisión.

Porén, o Estado non atendeu ningunha das dúas demandas acordadas en pleno por unanimidade dos tres grupos municipais, de xeito que San Sadurniño tamén entrou formar parte dunha regularización que agora, co envío das notificacións aos titulares afectados, se empezará a aplicar efectivamente.

Share.