O V Chanfaina Lab prende con forza

0

Xa están todas e todos. Pode comezar a quinta edición do Chanfaina Lab. De feito, xa comezou esta mañá cun interesante obradoiro sobre paisaxes sonoras que se prolongou ata xusto o momento en que se reunían na Aula CeMIT as 32 persoas que durante dous días terán que patear San Sadurniño para contar en imaxes as súas historias que, ao cabo, son tamén nosas. Cara ás 18.00h. comezaba a conta atrás cunha pequena contextualización socioeconómica e histórica do territorio, seguida pouco despois dunha rápida visita ao Concello, aos xardíns municipais e ao paseo do Xubia. Neste último lugar fíxose unha parada para a foto oficial desta edición. Pero tamén para plantar un castiñeiro  na leira da Cortiña, desde hoxe símbolo dun evento creativo que leva traza de botar raíces longas en San Sadurniño. A xornada de hoxe rematou coa Eira de Cineastas, que vén ser unha rolda de presentacións tanto dos autores e autoras convidadas como da súa obra e do seu xeito de mirar. Mañá sábado, ben cediño, comezan a rodar.

A maioría de participantes xa trae a lección aprendida. Levan semanas documentándose sobre San Sadurniño -lugar no que moitas e moitos nunca estiveran- botando man de folletos, da web Fálame de San Sadurniño e da comunicación permanente coa organización. Todo para adiantar traballo e, máis que nada, para traer na cabeza os trazos básicos da curta que deberán filmar ata o domingo.

A cousa é que hai moita diferencia entre documentarse e chegar ao sitio e situarse. Por moito que se estude, o habitual é que haxa diferencias entre o agardado e o atopado finalmente. A aterraxe nun entorno tan variado coma o noso non debe ser doada para quen chega por primeira vez con ansias de crear algo tan complexo coma un audiovisual. Hoxe había quen o confirmaba, e tamén había quen traía a curta na cabeza e decidiu cambiala por completo despois de dar unha volta por algunha das localizacións e atopar unha historia, se cadra, mellor.

Para facilitarlles o seu labor, os creadores e creadoras contarán nestes días coa axuda de Manolo González e Carmen Suárez, de membros do equipo de goberno, de chanfaineiras e chanfaineiros máis veteráns que son de aquí -e coñecen todo San Sadurniño- e tamén de boa parte do tecido asociativo.

Na primeira xuntanza desta tarde repasouse o máis destacado en canto a historia, patrimonio e xeografía. Da clase maxistral encargouse González na aula CeMIT, antes de baixar á Casa do Concello onde proseguiu a sesión falando do pasado do Pazo e tamén da súa recente recuperación “para o pobo”, tal e como dixo Secundino García.

Foi unha parada breve no patio interior do antigo Pazo da Marquesa, desde onde a expedición do Chanfaina Lab tomou o camiño dos xardíns e encarou a ribeira do Xubia. Alí, preto da Deusa Navia e nun oco do arboreto de especies autóctonas, plantouse un castiñeiro da variedade “de parede”, do que seica  saen castañas moi saborosas e doadas de pelar. “En Hollywood teñen o paseo da fama con estrelas no chan, o noso imos facelo con árbores”, dixo a titular de Cultura, Sabela Íñiguez. Mentres, o concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela, facía os preparativos da plantación e explicaba todo o que hai para ver no espazo da Cortiña.

O final deste arranque do V Chanfaina Lab produciuse de volta na Casa da Cultura coa denominada “Eira de Cineastas”. Trátase dun encontro para que cadaquén fale brevemente do traballo que fai e presente unha peza ou un fragmento representativo do seu xeito creativo. En total foron 20 anacos visuais encabezados polo vídeo elaborado pola rapazada da EIM A Rolada e, a continuación, as obras de Abel Vega, Adrián Canoura, Andrés Goteira -de quen poderemos ver este sábado “Dhogs” na Casa da Cultura- Aser Álvarez, bieito Beceiro, Cibrán Tenreiro, Helena Girón e Samuel Delgado, Fran Bermúdez, Irene Beceiro, Kevin Lorenzo e Javier Seoane, Lucía Estévez, Mar Catarina e Rubén Domínguez, Margarita Ledo, Natalia Fernández, Pablo Martínez, Sebastián Rodríguez, Simone Saibene e, como peche, “Boniatos no país do sol poñente” das mulleres de Teño unha horta en San Sadurniño e “360° en cores”, do colectivo The Sungirls.

Este sábado será outro día. Día de botarse aos camiños debaixo dun sol de xustiza para retratar San Sadurniño e a súa xente. Que haxa sorte.

Foto de familia do V Chanfaina Lab

Foto de familia do V Chanfaina Lab

Share.