O sábado celébrase o primeiro pleno do ano

0

Cinco puntos compoñen a orde do día do primeiro pleno ordinario deste 2017 que se celebrará o sábado a partir das 11.30h. De todos eles destacan dous: a proposta de delegar na Deputación a recadación executiva de varios impostos e taxas e, por outra banda, a iniciativa para integrar o Concello en Nosa Enerxía SCG, a cooperativa galega creada para comercializar enerxía cento por cento renovable e certificada.

O texto que presentará a alcaldía ao pleno para sumarse a Nosa Enerxía SCG destaca a traxectoria municipal a prol do desenvolvemento sustentable e lembra as tendencias que se seguen noutras partes de Europa, onde as comercializadoras de enerxía baseadas no cooperativismo levan anos implantadas. Cítase o caso de Alemaña, con 12.000 cooperativas locais de enerxía “que son fundamentais para a democratización da produción e distribución”.

Nosa Enerxía conta nestes momentos conta -segundo a súa web- con 283 integrantes entre persoas físicas, entidades e empresas. San Sadurniño entraría formar parte dela como socia e tamén contrataría “na medida das posibilidades legais, organizativas e operativas” a subministración eléctrica “certificada de fontes renovables” para varios puntos, como poderían ser dependencias municipais ou liñas concretas de alumeado público.

O outro grande punto que se debaterá no pleno será o de delegar na Deputación da Coruña a recadación en período executivo de tributos, prezos públicos e outros ingresos municipais.  Nestes momentos a Deputación xa xestiona o cobro de taxas como o ivtm e outras suxeitas a padróns anuais, mentres que o Concello leva directamente outras taxas, como o ICIO, as dos servizos culturais e deportivos, as taxas pola licenza de apertura de establecementos, a expedición de documentos, etc.

A xestión en período voluntario e os prezos non cambian, o único que si o faría é a xestión do cobro executivo, da que se encargaría a Deputación xa que, tal e como di a proposta que se someterá a pleno, “o Concello de San Sadurniño non dispón dos medios necesarios para unha correcta xestión en vía executiva dos tributos e demais ingresos municipais”.

O pleno incorpora tamén un apartado de toma de razón de acordos e resolucións e, por último, o dos rogos e preguntas que, como vén sendo habitual nas últimas sesións, seguramente centre boa parte do debate.

Share.