O PP frea no Parlamento as medidas contra a avespa asiática propostas por Stop Velutina

0

O Partido Popular rexeitou este mércores no Parlamento de Galicia a proposta non de lei da Plataforma Stop Velutina -da que San Sadurniño forma parte- a prol dun cambio na estratexia de loita contra a avespa asiática. O texto, suscrito polos tres partidos da oposición -En Marea, PSdeG e BNG-, solicitaba un plan con maior dotación económica e específica que incidise nos trampeos masivos de primavera e na sinatura de convenios coas universidades galegas para investigar métodos de control biolóxico e de erradicación da especie máis eficaces. A proposta non de lei pedía, ademais, a coordinación con outras comunidades afectadas como Cantabria ou Asturias onde, ao contrario que en Galicia, segundo denunciou Stop Velutina, si existen partidas orzamentarias para financiar os protocolos de actuación.

Os datos que manexa a plataforma son clarificadores sobre a gravidade da situación. Segundo Stop Velutina -citando información da propia Xunta- a día 4 de decembro deste ano neutralizáranse en Galicia 21.130 niños fronte aos 11.000 de 2016, sen contar nestes números as colonias eliminadas por particulares nin tampouco as avistadas en montes e zonas afastadas que nin se notifican nin se retiran. O que semellaba un problema só do norte e dunha zona moi concreta do Baixo Miño é agora un mal que lle afecta a practicamente todo o país, con 236 concellos onde a velutina está xa instalada.

A plataforma formada por máis de medio cento de entidades e institucións esixe que se leven á práctica as recomendacións reflectidas no protocolo de vixilancia aprobado pola propia Xunta en 2016, onde se fala dos trampeos coordinados na primavera -momento no que as raíñas saen dos seus tobos para fundar novas colonias- como unha das principais medidas de control. Porén o protocolo só fala de que sexan os apicultores e apicultoras quen poñan en práctica este método de loita para protexer os colmeares, non como algo xeralizado, dirixido pola Xunta e coa correspondente dotación económica, tal e como solicitaba Stop Velutina.

Outro aspecto exposto na proposición non de lei foi o de facer valer o punto 12 do protocolo autonómico, onde se sinala como “absolutamente fundamental” o establecemento de liñas de investigación que, neste momento, só se materializaron nun convenio de 50.000 euros coas universidades. Unha contía que “supón a 4ª parte do que están a achegar as Deputacións provinciais” e que dista moito dos 500.000 euros comprometidos en Asturias e os 300.000 de Cantabria, onde o plan de loita se encadra nunha estratexia a 10 anos vista contra especies invasoras dotada con 24 millóns de euros.

Por outra banda, o mundo apícola tamén reclamaba a través da iniciativa que se articulasen liñas de axuda para compensar as perdas e incrementos do custe de produción do mel que causa a velutina, cuantificado entre un 20 e un 30%, sen contar a merma de abellas e a notable baixa da colleita.

A proposta non de lei lembra que a invasión da Vespa velutina constitúe tamén un problema de saúde pública e que acontecementos como o falecemento sucedido no Porriño no pasado mes de novembro a causa das picadas de avespas asiáticas “son desgrazas que se poden repetir se non se toman medidas efectivas e inmediatas. Existe un grandísimo número de exemplares de Vespa velutina nos nosos montes que son unha fonte de perigo na realización de traballos forestais e agrarios por parte de profesionais e particulares e que deben ser tidos en conta para evitar males maiores”.

Tralo rexeitamento do Partido Popular no Parlamento de Galicia, a plataforma Stop Velutina emitiu un comunicado no que mostra o “enfado e preocupación” por parte do sector, indicando que os efectos da chegada desta especie invasora “seguirán sendo soportados por apicultores e apicultoras, profesionais do sector agrario, concellos e asociacións, sen que a Xunta poña en marcha de xeito efectivo as medidas de xestión do seu propio Protocolo e sen dotalas dun orzamento específico para o ano 2018”.

Trampeo de outono-inverno
O Concello de San Sadurniño, como parte de Stop Velutina, suscribe as reivindicacións da plataforma e, malia o freazo parlamentario á iniciativa, segue recomendando que se fagan trampeos masivos non só na primavera, senón tamén a finais do outono e principios do inverno.

Dependendo das condicións climáticas, as novas xeracións de velutinas fundadoras abandonan nesta época os niños secundarios -os grandes que se ven nas árbores- para iniciar a hibernación gorecidas en buratos na terra e cepos podres. Aínda que os trampeos de outono-inverno resultan menos efectivos que os de primavera, capturar agora unha raíña supón unha colonia menos da que preocuparse o ano que vén.

Calquera pode facer trampas na casa seguindo uns sinxelos pasos que se explican neste vídeo producido polo Concello hai tres anos. O cebo prepárase cunha mestura de cervexa negra (40%), viño branco (outro 40%) e zume de arandos ou doutra froita doce (20%). Este atraente -ou outro de tipo comercial- debe botarse nas trampas sen enchelas, abonda con tres ou catro dedos de produto que cómpre renovar cada 10 ou 15 días sen lavar a botella e deixando dentro unha ou dúas avespas mortas para que o caldo sexa máis gorentoso.

Share.