O POS+ 2018 vai adiante cos votos de BNG e PSOE

0

 

Menos de cinco minutos foron suficientes para sacar adiante propostas por valor de 573.000 euros que se desenvolverán no concello ao longo de 2018. Ese é o importe total do Plan Único de Concellos POS+ 2018 que se votou esta tarde e que prosperou gracias aos votos favorables do BNG e do PSOE. A distribución dos fondos destinarase a gasto corrente e, sobre todo, a obras. De feito está previsto dedicar 240.000 euros á segunda fase de acondicionamento da Avenida Marqués de Figueroa e outros 133.000 á mellora do alumeado en Currás e no pavillón municipal, ademais de completar a trama urbana do centro de San Sadurniño cunha nova rúa que una o Convento do Rosario co colexio público pasando por diante do cemiterio.

O pleno comezou pouco despois das 19.30h. coa aprobación de dúas actas que estaban pendentes de ser ratificadas pola Corporación e cun novo chamamento á concelleira electa Cristina Calvo para que tomase posesión do seu cargo no grupo municipal popular. Unha toma de posesión que non se produciu debido á ausencia da concelleira.

Deseguido entrouse no debate do terceiro e único punto relevante da sesión: a participación do Concello no Plan Único de Concellos POS+ 2018. O portavoz do goberno, Suso Soto, indicou que o obxectivo municipal é “levar a cabo unha serie de investimentos en San Sadurniño e sufragar gastos correntes de servizos públicos básicos que presta o Concello”. Este ano San Sadurniño prescinde das liñas de crédito provinciais e só botará man das achegas directas, distribuíndo “200.000 euros para gasto e 240.000 para unha obra de mellora de toda a Avenida Marqués de Figueroa”. Este último investimento servirá, segundo aclarou o portavoz e responsable de facenda, para executar a segunda fase dun proxecto que se iniciará en breve, que contempla o aglomerado desde a AC-862 até a capela do Belén e tamén a reposición de beirarrúas.

Ademais destes 440.000 euros, Soto tamén puntualizou que “cómpre aprobar un plan complementario que alcance como mínimo o 20% da cantidade consignada para San Sadurniño no POS+”, que se financiaría cos fondos xerados nas baixas económicas que se produzan noutros procesos de contratación. Así, o Concello conta dispor doutros 90.300 euros para a abrir unha nova rúa que conecte o Centro de Saúde e o Convento do Rosario coa vía paralela ao colexio público e o pavillón municipal. Canda esta obra tamén se prevé investir 42.500 para a mellora do alumeado do campo de fútbol de Currás e do pavillón municipal, substituíndo as lámpadas actuais por outras de maior eficiencia lumínica e enerxética.

Por parte da oposición só interviu Manuel Romero para anunciar a súa abstención por non estar de acordo coa distribución dos fondos, nomeadamente con que “unha boa cantidade de cartos” vaia para gastos correntes.

En contra do que vén sendo habitual dos plenos de San Sadurniño, desta vez non houbo contrarréplica do goberno e Secundino García anunciou a votación, que contabilizou 8 votos a favor -7 do BNG e 1 do PSOE- e dúas abstencións. A sesión levantouse 4 minutos e 48 segundos despois de ter comezado.

Audio do pleno

Share.