O pleno municipal avaliará este venres o proxecto de renovación do camiño do Enxerto

0

A corporación local está chamada para unha sesión extraordinaria do pleno que se celebrará este venres a partir das 13.00h. e que recolle na súa orde do día catro puntos, entre os que destaca o proxecto de urbanización do camiño do Enxerto. Trátase dunha intervención cuantificada en máis de 125.000 euros co obxectivo de aglomerar e dotar de beirarrúas este eixo que une a capela do Belén coa AC-862. A aprobación das obras lévase a pleno para darlle o visto e prace ao proxecto e para expresar o compromiso municipal de incluír no orzamento de 2017 a correspondente partida, que a Deputación da Coruña sufragará nun 80% a través dunha subvención nominativa en favor do Concello.

Os outros puntos da orde do día atenden a cuestións do funcionamento do Concello. Así, no segundo apartado da convocatoria da sesión vai a toma de razón de acordos e resolucións relativas ao nomeamento da titular da área de Ensino, Sabela Íñiguez, como representante municipal no Consello Escolar e, ademais, a información á corporación sobre a redistribución de tarefas entre o funcionariado municipal.

O punto cuarto da sesión tamén garda relación en certa medida co persoal municipal, xa que o equipo de goberno trasladaralle ao pleno a proposta de resolución dun recurso de reposición presentado polo sindicato da función pública CSI-F contra a modificación do cadro de persoal aprobada na sesión do pasado 11 de agosto coa finalidade de acomodar a convocatoria dunha praza de persoal administrativo interino por acumulación de tarefas.

A proposta municipal vai na liña de rexeitar o recurso en base a un informe xurídico que sinala como razóns principais o feito de que non houbese ningunha reclamación por parte do sindicato durante o período de exposición pública da modificación. Por outra banda a argumentación legal sinala que a esta modificación do cadro funcionarial non sería unha materia suxeita a negociación e que, ademais, tampouco lle afectaría ás condicións de traballo dos empregados e empregadas públicas do Concello.

Proxecto de obra no Enxerto
O pleno leva como un dos temas principais para tratar o proxecto das obras no camiño do Enxerto. Unha vía que discorre case paralela á avenida Marqués de Figueroa na que o Concello prevé canalizar as augas pluviais, construír beirarrúas e botar aglomerado sobre unha distancia total de 900 metros, desde a capela do Belén ata a conexión coa AC-862 no lugar do Outeiro.

Segundo o proxecto, os traballos consistirán en primeiro lugar na limpeza das cunetas para colocar tubos de drenaxe da auga da choiva, sobre os que despois se construirá unha beirarrúa de 1,30m. de ancho ao longo de 865 metros, na súa maior parte pola marxe esquerda da pista. As obras de urbanización finalizarán cun novo pavimento de aglomerado asfáltico co que, ademais, se procurará darlle a todo o traxecto un ancho uniforme de 4,7m.

O custe total das obras está cifrado en 125.711,93€, ive incluído. Na sesión deste venres someterase a votación o proxecto e tamén o compromiso municipal de reservar ese importe nos orzamentos do ano que entra, como paso previo á sinatura dun convenio coa Deputación da Coruña que cubriría o 80% do prezo final da infraestrutura.

Segundo apunta o goberno local, o ente provincial incluirá o acordo no seu pleno do mes de decembro. Deste xeito, e tendo en conta que San Sadurniño agarda aprobar o orzamento a primeiros de xaneiro, as obras poderían comezar no primeiro trimestre do novo ano.

Share.