O pleno de organización do Concello celébrase este venres ás 19.30h.

0

O novo goberno local xa está configurado e xa está traballando de acordo coa distribución de áreas decidida a comezos desta semana. Dentro das competencias que ten atribuidas como alcalde, Secundino García asinou a resolución na que se recollen as delegacións de competencias así como as tenencias da alcaldía, ademais dun replantexamento das concellarías que pouco varía con respecto ao mandato que acaba de rematar. Porén, aínda hai máis asuntos que definir para o funcionamento do Concello: a periodicidade das sesións plenarias, a composición da Xunta de Goberno Local, a representación en órganos colexiados e noutras institucións, a creación e composición das comisións informativas… todas elas cuestións que son competencia directa do pleno da corporación e que quedarán establecidas na convocatoria extraordinaria fixada para este venres ás 19.30h. 

As tenencias da alcaldía estarán ocupadas, por esta orde, por Manolo Varela, Amparo Calvo e Ana Belén Breixo, mentres que o goberno estará estruturado en seis áreas, unha menos que no mandato 2015-2019:

Alcaldía, na que Secundino García asume neste mandato -ademais do que xa levaba antes- Servizos Sociais, Facenda e Deportes.

Desenvolemento local, Participación veciñal e Réxime interno, na que seguirá como até agora Manolo Varela integrando todo o referido a promoción do emprego, do medio rural e do turismo.

Cultura, Educación e Coordinación de programacións, ocupada a partir de agora por Amparo Calvo coa función de levar tanto a planificación nesta área como a de implementar a organización actividades coordinada con outras áreas e co tecido veciñal

De Infraestruturas e Urbanismo  seguirá encargándose Manolo Beceiro. A área  céntrase na ordenación do territorio e nos programas relativos á rede viaria e obras municipais.

En paralelo, o novo concelleiro, Tomás Calvo García, estréase no goberno asumindo a área que antes levaba Amparo Calvo, é dicir, Servizos e Medio ambiente, que se ocupa de todo o que concirne a servizos básicos, mantemento de espazos e vías públicas, sensibilización ambiental e coordinación do persoal de obras e servizos.

Pecha a relación de áreas a concellaría de Igualdade e Normalización lingüística. Estes apartados estarán dirixidos por Ana Belén Breixo, quen ata o momento atendía unicamente a xestión integral e transversal dos programas de igualdade e servizos de dinamización social e familiar.

Deste xeito, as sete áreas de goberno que existiron no anterior mandato reconfigúranse e redúcense a seis. Ademais, a concelleira María Muíño – nº2 da lista do BNG e proposta por esta formación política como deputada provincial polo partido xudicial de Ferrol- non terá carteira asignada, senón que apoiará a Secundino García na levanza de todo o relacionado con Servizos Sociais, ademais de ser portavoz do seu grupo no pleno.

A formación do goberno e o reparto de áreas son competencia directa do alcalde, mentres que ao pleno lle corresponde unicamente tomalas en coñecemento e decidir sobre outros aspectos do funcionamento municipal. Así, na sesión extraordinaria de organización fixada para mañá venres ás 19.30h. marcarase en primeiro lugar -trala aprobación da acta anterior- a periodicidade dos plenos. A proposta que se debaterá é o traslado das sesións ordinarias das mañás dos primeiros sábados ás tardes dos últimos xoves dos meses impares, sempre ás 19.30h.

En canto á creación e composición das comisións informativas permanentes e da mesa de contratación, o texto que se someterá a valoración da corporación pide formar a Comisión de Facenda e Especial de Contas e a Comisión Informativa e de Asuntos do Pleno, presididas as dúas por Manolo Beceiro. O edil tamén presidiría a Mesa de Contratación á que poderían asistir con voz e sen voto as persoas que ostenten a portavocía dos grupos municipais.

No pleno deste venres abordarase tamén o nomeamento de representantes da corporación en órganos colexiados. Desde a alcaldía proporase que Amparo Calvo o faga no Consello Escolar do CPI, que Ana Belén Breixo continúe no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e que no resto de órganos colexiados o representante sexa Secundino García, con posibilidade de delegar en calquera outro concelleiro ou concelleira da corporación.

Outros asuntos que se tratarán a partir das 19.30h. de mañá será a constitución e composición da Xunta de Goberno Local, formada por Secundino García, Amparo Calvo, Manolo Varela e Ana Belén Breixo. Un dos puntos de acordo versará tamén sobre a delegación de competencias por parte do pleno tanto neste organismo como na alcaldía. Queda para a parte final da sesión a proposta de acordo sobre retribucións do goberno e de cargos electos. Quedarían como no anterior mandato: 60€ por asistencia a plenos, 60€ por asistencia a comisións informativas e 200€ por sesión da Xunta de Goberno Local. O texto sobre o que se debaterá describe tamén dúas dedicacións parciais: 1.500 € brutos/mes no caso do rexedor local e 1.200 € brutos/mes no do concelleiro de Servizos e Medio ambiente.

Share.