O pleno aproba por unanimidade o proxecto da escola de Igrexafeita e a modificación do regulamento de acción social do persoal do Concello

0

Tal e como se agardaba, a corporación aprobou por unanimidade o proxecto de converter o antigo grupo escolar de Igrexafeita nun centro para desenvolver obradoiros de terapia para persoas con alzhéimer ou con deterioramento cognitivo. O asunto pasou pola comisión informativa do martes co apoio dos tres partidos con representación municipal, quen ratificaron onte á tardiña o seu apoio ao deseño das obras e á solicitude de axuda económica á Deputación da Coruña. Na sesión, como segundo e punto final da orde do día, tamén se lle deu o prace ao regulamento de acción social do persoal do Concello, co obxectivo de ampliar as coberturas do Fondo Social tamén ao persoal funcionario da Administración local. 

O Fondo Social é unha partida total de 5.000 euros recollida no Convenio colectivo do Concello para a cobertura de gastos relacionados coa saúde, como son os de odontoloxía, oftalmoloxía, audioloxía, fisioterapia, podoloxía e ortopedia.

O importe é iso, un fondo común que está aí por se algún traballador ou traballadora precisa recorrer a el -previa solicitude- para cubrir total ou parcialmente esas necesidades e sempre cuns topes máximos dependendo da categoría laboral, que están marcados entramos e son inversamente proporcionais aos salarios. É dicir, un Grupo A1 -a máxima categoría do Concello- podería percibir ata 200 euros, mentres que as agrupacións profesionais E, V ou similares -as que están na parte baixa da táboa salarial- poden chegar a un máximo de 600 euros de axuda, dependendo do importe total que xustifiquen.

Co acordo adoptado no pleno vénse modificar o regulamento de acción social do persoal municipal, de maneira que este tipo de prestación, que só estaba prevista para o persoal laboral, agora tamén poderá solicitala o persoal funcionario.  O cambio aprobouse o pasado 15 de outubro na Mesa xeral negociadora -con representación sindical e do cadro de persoal- e onte, con ese consenso previo, os tres partidos apoiárono por unanimidade.

Houbo acordo unánime tamén no primeiro punto da sesión, o relativo ao proxecto de reconverter a antiga escola de Igrexafeita nun espazo para desenvolver obradoiros terapéuticos dirixidos a persoas con alzhéimer ou outros tipos de deterioramento cognitivo.

Ademais de refrendar as obras deseñadas pola arquitecta municipal, os tres grupos votaron favorablemente solicitar apoio financieiro da Deputación da Coruña coa expectativa de obter do ente provincial o 80% dos fondos necesarios, cuantificados en case 300.000 euros.

Sobre a cuestión non houbo debate, senón a manifestación expresa da oposición da súa adhesión a unha iniciativa que aspira a ser referente comarcal no apoio ás persoas enfermas e as súas familias e que foi  cualificada na sesión como “interesante” polo edil do PSOE e como “boa idea” polo Partido Popular.

Share.