O pleno aproba 604.000 euros de investimentos, así como outros 400.000 para o pagamento do chan rústico da Cortiña e os salarios dun traballador sancionado por cometer unha falta moi grave

0

Cabía agardar que o pleno ordinario de maio durase máis que a media habitual das sesións, que anda case sempre entre unha hora e unha hora e media. E así foi, habida conta de que a maior parte dos temas tratados se centraba en aprobar o destino de un chisco máis de 1 millón de euros de remanentes de 2020 que, trala cita de onte, pasarán engrosar un orzamento municipal de 2021 que pasará deste modo de 2.9 a 3.9 millóns de euros. O 60% dese aumento de fondos  -604.000 euros- dedicarase a obras e equipamentos, mentres que o 40% restante se utilizará para pagar os terreos rústicos cedidos pola Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño -282.000 euros- e para satisfacer os salarios do extesoureiro municipal expedientado e sancionado polo Concello pola comisión dunha falta moi grave, cuantificados neste caso en 117.000 euros. Estes dous asuntos foron os que xeraron máis debate dun pleno que se prolongou durante case dúas horas e media.

Trala aprobación da acta da sesión anterior, a sesión votou a Conta Xeral de 2020, que se pechou con 1.8 millóns de euros de remanentes de tesouraría para investimentos.  Durante a fase de exposición pública a conta non recibiu ningún tipo de alegación e, unha vez ratificada polo pleno -cos votos favorables de BNG e do concelleiro do PSOE e a abstención do PP- déuselle vía libre ás modificacións extraordinarias do orzamento 2021 para incorporar nel unha parte deses remanentes, concretamente 1.005.038 €, mentres que os 800.000 restantes quedarán para cubrir proxectos ou necesidades futuras do Concello.

No punto quinto da orde do día debateuse cales serán os que se van levar a cabo agora, por valor de 604.970 euros destinados a obras e a equipamentos: 127.000 euros para a merca dun camión de recollida do lixo especialmente deseñado para o porta por porta, 71.390 euros para un tractor con rozadora máis eficiente -e tamén máis seguro e confortable para o persoal-, 76.668 euros dirixidos ás melloras do exterior do pavillón (aos que logo se lle engadirán outros 46.000 da Xunta para renovar tamén a cancha), 60.000 euros para cubrir o patio do Concello, 180.000 euros cos que se financiará o saneamento entre Silvalonga e A Portela -ademais doutros case 50.000 euros para modernizar a EDAR– e, por último, 40.000 euros para un programa de reparacións na rede viaria municipal.

Esta distribución dos 604.000 euros de remanentes non xerou demasiado debate e saldouse cos votos favorables do BNG e o PSOE, mentres que o PP se abstivo. Pero, antes de chegar a este punto, a sesión abordou as dúas cuestións que máis controversia xeraron entre o grupo de goberno e a oposición, relativas ao pagamento das terras cedidas pola Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño e dos salarios do extesoureiro municipal, suspendido de emprego e soldo polo Concello durante 3 anos e 1 día pola comisión dunha falta moi grave que o xulgado confirmaría, aínda que considerando que a sanción debería ter sido a de demérito -rebaixarlle dous puntos a escala profesional- e non a de apartalo do servizo.

O PSOE anunciou a súa abstención precisando que antes de chegar á apertura dun expediente debería terse acudido á mediación, mentres que o PP -que tamén se abstivo- lamentou que o cumprimento da sentenza teña repercusións económicas nas arcas municipais e, por extensión, na veciñanza de San Sadurniño. O Goberno local aclarou que a sanción de 3 anos e 1 día de suspensión de emprego e soldo se lle impuxera ao funcionario seguindo o ditame da instrutora do expediente sancionador e en defensa do interese público.

Tamén recordou que a sentenza do Contencioso Administrativo veu confirmar que a instrución do expediente se levara a cabo correctamente, recoñecendo ademais que o traballador -xubilado recentemente- cometera unha falta tipificada como moi grave desde o momento en que simultaneou sen autorización municipal a súa función de tesoureiro do Concello co cargo de liquidador da Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño. O xulgado considerou, porén, que en vez de apartalo do servizo debería térselle aplicado unha sanción de “demérito” -consistente en rebaixarlle dous graos a escala profesional-, razón pola que o Concello, aínda confirmándose xudicialmente que o funcionario  cometera unha falta moi grave, deberá aboarlle algo máis de 117.000 euros correspondentes aos salarios dos tres anos que estivo suspendido de emprego e soldo.

O seguinte punto do pleno, relacionado en certo modo co anterior, resolveu o pagamento de 282.000 euros -180.000 euros máis xuros-  polos terreos rústicos que no seu día lle cedeu ao consistorio a Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño, a cambio de que o futuro PXOM revalorizase outras parcelas propiedade da entidade no horizonte de 5 anos (antes do remate do 2012), prazo estimado por ambas partes para que estivese en vigor o novo planeamento.

O acordo non chegou a cumprirse por mor dos retrasos na tramitación do plan xeral, que aínda hoxe non se completou, e a parte liquidadora da entidade -distinta da que asinou o acordo co Concello en 2007- esixiu 1.5 millóns de euros de indemnización polas parcelas rústicas e urbanas cedidas, negándose en redondo a rebaixar esas pretensións económicas nos encontros de negociación que o Concello mantivo cos liquidadores. A falla de acordo foi levada ao Contencioso Administrativo pola representación legal da entidade en liquidación. O xulgado fixou un prezo de algo máis de 180.000 euros -máis os intereses- polos 70 ferrados de terreo onde hoxe se asenta o arboreto, a horta de conservación e a nova área de autocaravanas da Cortiña.

A oposición municipal volveu absterse na votación, no caso do PSOE aducindo que non se buscase unha solución negociada antes de chegar ao xulgado e que non se crease unha comisión con ese obxecto formada por todos os grupos políticos. Pola súa banda o PP (sen a participación do concelleiro José Luís Hermida, por ser parte interesada na cuestión), sostivo a súa abstención en que o resultado final do procedemento xudicial fora resultado dunha “mala xestión” por parte do executivo local, recoñecendo, iso si, que a cantidade que finalmente se deberá pagar é inferior á que pedía inicialmente a entidade. O Partido Popular asegurou, ademais, que ao convenio non se lle dera a debida publicidade no seu momento.

O grupo de goberno puxo en valor que o acordo suscrito en 2007 coa cooperativa permitiu poñer terreos a disposición da Xunta para a construción do Centro de Día e puntualizou que o Concello nunca tivo interese en  facerse coas terras de balde, senón que foi a falla de acordo na compesación económica -tras varios encontros coa outra parte- o que motivou que os liquidadores acudisen á xustiza, “igual que en calquera procedemento de xustiprezo”, dixo o rexedor.

Secundino García desmontou tamén as teses populares en canto á falla de publicidade explicando que o acordo entre as partes foi aprobado en pleno (cos votos do BNG e do PSOE) e que, ademais, se incorporou como convenio urbanístico á documentación de aprobación inicial do PXOM en 2015, que sí permaneceu exposta ao público e contra a que calquera persoa puido presentar alegacións.

Outros asuntos do pleno
Superados estes asuntos, os máis debatidos do serán, o pleno tratou a incorporación ao orzamento dos 604.000 euros de investimentos así como a modificación do Convenio Colectivo do persoal laboral municipal. Este último tema veu precedido do acordo na mesa de negociación e, ademais de precisar cuestións que só lle afectarían ao persoal laboral, tamén recolle o compromiso de aplicarlle ao persoal funcionario os aspectos que non teñan indicados no seu acordo regulador. O punto saíu adiante cos votos favorables de BNG e PSOE e a abstención do PP.

Noutra orde de cousas tamén se debateu a moción presentada polo BNG demandando un modelo de enerxía eólica “sostible, xusto e galego, fronte ao espolio e a depredación”. A moción nacionalista reclama, a grandes trazos, unha normativa sectorial de consenso que garanta retornos en termos de economía e emprego, ademais de pedir que as novas instalacións vaian vinculadas a proxectos industriais xeradores de riqueza para o país. O documento solicita maior vixilancia sobre os plans de despregamento de muíños de vento no sentido de impedir a súa instalación en zonas de valor ambiental e paisaxístico, pero tamén no de que a súa tramitación sexa transparente. O BNG e o PSOE estiveron a favor. O PP abstívose.

Antes de entrar no apartado de rogos e preguntas os tres grupos votaron a favor de cancelar o acordo coa Deputación da Coruña para usar o seu aplicativo de Sede Electrónica, que en breve se trasladará a outro máis sinxelo e práctico xa utilizado por 6.000 entidades en todo o Estado.

As preguntas, pasadas xa as 21.30h., viñeron todas da bancada do PP, interesándose polo funcionamento da nova área de autocaravanas da Cortiña e polas xuntanzas de diagnose das ODS promovidas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Os grupo popular aproveitou a recta final do pleno para reactivar o debate sobre o convenio urbanístico da Cooperativa e, ademais, tamén preguntou polos motivos de que as sesións plenarias volvesen á Casa do Concello despois de varios meses en que, por causa da pandemia, se estivesen celebrando na Casa da Cultura.

Todos os matices e o contido completo da sesión poden escoitarse na seguinte ligazón de iVoox.

Share.