O Plan director e a imaxe corporativa, primeiros elementos cos que contará o proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal

0

Representantes dos sete concellos implicados e da Deputación da Coruña reuníronse o luns no Concello de Cerdido, o primeiro en asumir a presidencia do órgano de dirección do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, para poñer en común os trámites que se están desenvolvendo de cara á preparación da candidatura que se lle deberá presentar ao Comité estatal  de Xeoparques antes de poder chegar á avaliación da UNESCO. Os dous primeiros pasos  serán a contratación do plan director -onde aparecerá recollida a estratexia territorial vencellada aos recursos xeolóxicos- e tamén a imaxe corporativa, principal elemento para visibilizar todas as accións de difusión do proxecto.

O deputado de Turismo, Xosé Regueira, agarda que en setembro poderá iniciarse xa o traballo sobre o territorio, cando se ultimen as contratacións do plan director e a imaxe corporativa. Neste tempo, constituirase o comité científico, que se encargará de coordenar as tarefas recollidas no expediente co obxectivo de avalar a candidatura do Xeoparque.

Para o Plan director, o comité científico e a imaxe corporativa, o Consello de Dirección do Xeoparque Cabo de Ortegal decidiu asignar unha partida de 100.000 euros, un montante que representa a quinta parte do orzamento total do que dispón o proxecto, cifrado en 500.000 euros.

A desta semana foi tamén a primeira das reunións que se desenvolveu en Cerdido, o concello que asume en primeiro lugar a presidencia segundo os estatutos, e neste encontro concretáronse liñas de actuación como o proceso para a elaboración da imaxe corporativa, as distintas propostas e localización para a sinalización do territorio ou mesmo cuestións técnicas para o futuro plan director.

Nestas primeiras reunións estanse a dar pasos  para conformar a candidatura de maneira unitaria, sumando forzas e achegando propostas por parte da totalidade de institucións que forman parte do Consello de Dirección do proxecto como iniciativa supraminicipal que aposta pola conservación e a difusión do patrimonio do territorio afectado. As reunións desenvolveranse cunha periodicidade trimestral co fin de formalizar a candidatura do Xeoparque.

 

Share.