O Narahío ergue o XXIV Trofeo Concello de San Sadurniño

0

Retomamos a información da web tras unha ponte festeira resumindo o partido que o domingo á tarde enfrontou no campo da Veiga á UDC Narahío e ao CF San Sadurniño nun derbi local á procura de facerse co trofeo Concello de San Sadurniño deste ano. Foi un encontro con moitos goles -5 en total- caracterizado pola igualdade de forzas que, finalmente, recompensou a presión no ataque do Narahío. A outra nota do partido foi a limpeza do xogo malia a tradicional rivalidade existente entre os dous equipos.

O Trofeo Concello de San Sadurniño é xa un clásico da pretemporada do fútbol comarcal. Tras varios anos desenvolvéndose como un triangular, desta vez a UDC Narahío -organizadora do evento desde hai 25 anos- volveu á fórmula do único partido convidando ao outro equipo local co que se medirá na temporada que entra na segunda autonómica.

Narahío e Sansa saíron ao campo co obxectivo de dar espectáculo e de por a proba o nivel de axuste das súas respectivas maquinarias de cara ao inminente inicio ligueiro. Unha intención, a do espectáculo, que logo se difuminaría nun xogo correcto por ambos lados e sen darlle demasiadas oportunidades á emoción que o público agardaba do choque.

Adiantouse o San Sadurniño nos primeiros compases do partido e o Narahío non tardaría en volver poñer a cousa a cero. Pouco antes da fin da primeira parte volvería adiantarse o equipo visitante e o partido chegaría ao descanso cun 1-2 que, de non mudar na segunda metade, presentaba poucas expectativas de moverse para un lado ou para outro, habida conta de que nos 45 minutos iniciais o balón circulara moito no medio do campo e só de vez en cando visitara as respectivas áreas pequenas. O xusto para os goles e pouco máis.

Con todo, o descanso actuou como revulsivo e os equipos volveron ao terreo de xogo cun talante máis ofensivo. O partido ganou en velocidade e as defensas asumiron máis riscos dos necesarios, como foi o caso do penalti que desencadeou o segundo gol para o Narahío. O San Sadurniño tentou  poñer terra por medio, anque fose pola mínima, e ao Narahío o empate deulle azos para recompoñerse en defensa e ataque. Porén, os goles non chegaban e houbo que agardar ao último minuto do partido para que o equipo anfitrión marcase o quinto e último tanto da tarde, que quedou co 3-2 definitivo e cun trofeo municipal que marchou para as vitrinas da Unión Deportiva e Cultural.

Ligazón ás imaxes do encontro

Share.