O mundo en feminino a través da mirada de Montse Pernas

0

40 retratos de mulleres de distintos países do mundo compoñen a colección da pintora ferrolá Montse Pernas que se pode visitar desde esta semana na Casa do Concello. Son olladas plasmadas en cadros con múltiples técnicas pero que, en todo caso, pretenden reflectir “a temática feminina, a muller na vida cotiá” no contexto doutras culturas. A exposición permanecerá na galería municipal ata o 17 de xaneiro e posteriormente marchará ao Ateneo Ferrolán. Non é a única cita artística que temos estes días, xa que durante a fin de semana tamén se desenvolverá o último obradoiro do proxecto Arte Ambulante. Aínda hai prazas dispoñibles que se poden reservar no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal.

A exposición montada este mesmo luns por Montse Pernas reflicte con variedade de tamaños retratos de alto contraste cromático e tamén cultural. Todas son imaxes de mulleres doutras culturas, tal e como se deduce da roupaxe, os adobíos e incluso as razas, aínda que isto último xa non sexa indicador de diferenzas nin de orixes culturais nun mundo globalizado.

En “Ao redor da muller” -ese é o título da mostra- Pernas non se ocupa de detallar o conxunto, senón que só suxire trazos identificadores de cada cultura e opta por concentrar o seu esforzo artístico no deseño das miradas e dos xestos.

Todas as protagonistas, unhas imaxinadas e outras reais inspiradas en “imaxes que vin en internet, en fotos ou en revistas”, comparten expresións de orgullo e empoderamento a pesar de que, se cadra, a sociedade na que viven diste moito de respectar os seus dereitos máis básicos. “Quería darlles o protagonismo que nalgunhas partes do mundo aínda non teñen, e en moitas ocasións neste primeiro mundo tampouco”, asegura a pintora.

A colección de Montse Pernas enche os catro costados da galería municipal con óleos sobre lenzo e táboa, con tintas chinesas, acuarelas, etc. Son pezas de grande potencia emocional para ver con vagar, parando diante de cada retrato e reflexionando sobre as posibles historias que hai detrás de cada mirada. Algo que poderemos facer até o 17 de xaneiro nos horarios habituais de apertura das oficinas municipais.

Obradoiro “O tecido da memoria”
O outro evento artístico que hai programado en San Sadurniño é o obradoiro “O tecido da memoria”, que se encadra no proxecto Arte Ambulante da Asociación de artistas profesionais de Galicia. O sábado e mailo domingo entre as 16 e as 19.00h., a artista e deseñadora de moda Melania Freire  ofrecerá na Casa da Xuventude un taller concibido para público feminino -anque nel tamén poden participar homes- ata completar o cupo de 15 prazas ofertadas.

Tomando como referencia unha prenda de roupa que teña certo simbolismo para quen participe -unha peza, un pano, unha vestidura que se garda con certo agarimo- desenvolverase a idea de xuntar en fotografías con estética de bodegón a persoas e roupa, entendendo estas últimas como continentes da memoria.

Para participar nesta actividade, que é gratuita, é necesario inscribirse previamente pasando pola Casa da Cultura ou contactando co técnico municipal no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal.

Share.