O luns arranca a semana das Letras

0

A semana das Letras Galegas en San Sadurniño contará con varios eventos cos que, dunha banda, reivindicar a figura de Manuel María e, da outra, a cultura e a lingua á que el mesmo se debeu ata a súa morte no 2004. Poesía, música e audiovisual compoñen un cartel que se iniciará o luns e que culminará o sábado 21 cos eventos centrais: a actuación ao mediodía das escolas municipais de música na Casa do Concello e a proxección na Casa da Cultura, xa pola tarde, do documental “Cantando a Manuel María”.

O homenaxeado este ano co gallo do Día das Letras Galegas é Manuel María Fernández Teixeiro, Manuel María, o poeta da Terra Chá. Nado en Outeiro de Rei en 1929, Manuel María formouse como avogado en Santiago despois de pasar boa parte da súa infancia e primeira mocidade en Monforte. Con tan só 19 anos converteuse no autor máis novo que publicaba en galego na posguerra, influenciado xa daquela polas correntes filosóficas e existencialistas que agromaban en Europa.

A súa maior contribución ao país reflíctese nunha ampla colección poética de forte vinculación coa terra, avivada pola súa relación con autores coma Uxío Novoneyra e con referentes como Ánxel Fole ou Carvalho Calero. Porén, Manuel María tamén foi ensaísta, cultivador da prosa e do teatro, ademais de activista político dentro do nacionalismo galego ata a súa morte no ano 2004.

Para conmemorar este día, o Concello programou unha semana das Letras protagonizada pola súa obra, a súa figura e, por extensión, pola cultura e a lingua galega.

Luns 16, Café poético na Biblioteca
Ás 18.00h., a Biblioteca Municipal acollerá unha sesión de declamación da poesía de Manuel María na voz do colectivo Alalá das Pontes. Trátase dun café poético no que, como o propio nome indica, se recitarán versos do autor entre café e café, pero tamén entre comentarios sobre a súa traxectoria noutros ámbitos que tamén cultivou, tanto na literatura como na política.

O evento está aberto á participación de calquera persoa interesada en descubrir a Manuel María escoitando anacos dos seus poemas ou ben implicándose na lectura dalgún fragmento da súa obra.

Mércores 18, Contando en feminino
A Biblioteca Municipal e mailo CPI tamén acomodaron na semana das Letras a obra “Contando en feminino”. A asociación cultural Lisístrata narrará contos desde a perspectiva de xénero e co obxectivo de concienciar aos máis pequenos e pequenas sobre a igualdade. Daranlle a volta ás historias de toda a vida dun xeito divertido, ofrecendo incluso finais alternativos e sorprendentes nos que a muller asume o rol que lle corresponde.

Sábado 21, Música e audiovisual
Manuel María é un dos autores galegos máis cantados. Os seus versos foron convertidos en cancións que forman parte xa e por partida dobre o noso imaxinario cultural. De aí que o Concello programase para a mañá deste sábado -12.00h.- unha sesión na que participarán as escolas municipais de música tradicional, que repasarán algunhas desas pezas xunto con outras tradicionais.

Xa pola tarde -ás 18.00h.- Gonzalo E. Veloso- un dos participantes na última edición do encontro audiovisual Chanfaina Lab- trae á Casa da Cultura “Cantando a Manuel María”, a súa visión documental sobre a figura do autor. Botando man da conversa con amizades e persoas que tiveron relación con el a través da política e a literatura, Gonzalo Veloso reconstrúe a figura de Manuel María buscando un resultado “didáctico-artístico” que non se circunscribe unicamente ao académico, senón que tamén afonda na persoa. Esta será unha ocasión perfecta para descubrir -ou redescubrir- en familia ao poeta e os espazos vitais que marcaron a súa obra. A entrada é gratuíta.

Domingo 22, Viaxe cultural á Casa-museo da Fundación Manuel María
Á marxe da programación impulsada polo Concello, a Asociación Veciñal O Castelo de Narahío organizou para este día unha excursión á sede da Fundación Manuel María, situada en Outeiro de Rei.

Sairá un autobús desde o Eirexado. co obxectivo de chegar ao museo sobre as 16.30h. A viaxe é gratuíta para persoas socias mentres que as non socias deberán pagar 10 €. No prezo inclúese tanto o traslado como a entrada no museo, que leva incluída unha visita guiada. Ademais, se sobra tempo, a viaxe prevé dar un paseo pola beira do Miño e achegarse ata as Penas de Rodas, dous dos lugares máis inspiradores para o autor.

Para participar nesta viaxe hai que chamar antes do 19 ao 626 563 869, 619 805 061, ao 981 490 302, ou enviar unha mensaxe ao facebook da entidade.

Share.